medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“Luisteratura”, de Luís Pirucha, ou a vida máis aló dos filtros editoriais

Luís Pirucha

Luís Pirucha

Son tempos difíciles para case todo. Nese case todo ten un apartado especial o feito de publicar un libro. Se a obra en cuestión é en lingua galega e mestura relato, pintura e poesía, máis que dificultades podemos falar dunha odisea. Aínda así, xa se sabe que os valos máis altos están para saltalos. É certo que un corre o risco de esnafrarse no intento pero tamén hai a posibilidade de que se supere con nota a proba. Isto é o que lle aconteceu a Luís Pirucha (Sanxenxo, 1982) que este ano que xa remata autopublicou o seu primeiro libro “Luisteratura”. Sen máis editor ca el mesmo, o autor logrou algo máis que meritorio: despachar máis de 300 exemplares dunha obra que tamén se pode ler de balde en internet. Conversamos, vía cuestionario, para saber algo máis deste autor que ten de todo menos de convencional.

Como xorde Luisteratura?

É o resultado dun longo proceso de madurez persoal e narrativo. Sinceramente nunca pensei que chegaría a crear unha cousa semellante. Especialmente tendo en conta que o meu interese pola Literatura é escaso, chegando algunhas veces ao odio. Penso que o sistema educativo é culpable diso último. Se as clases de Literatura consistisen en máis que memorizar biografías e ler o que che mandan sería diferente. Hai a quen lle sorprende que unha persoa que escribe non lea. Mais eu digo o de sempre: Aprendemos antes a imaxinar e fantasiar ou a ler e a escribir? A creatividade está dentro de nós.

A cuestión é que no ano 2010 comecei a escribir algunhas cousas soltas. E un par de anos despois a facelo compulsivamente. Inicialmente publicaba os contos en formato fanzine e dábaos gratuitamente a quen puidese ter interese. Mais co tempo sentín a necesidade de publicar algo en formato tradicional. Convencido por xente do meu entorno contactei coas poucas editoriais que publican en galego. Sentinme ignorado, mais iso non foi un problema porque eu nunca me rindo.

Foi cando pensei que o mellor que podía facer era autoeditarme. Non podía permitir que un soño acabase por converterse nun pesadelo. E menos sabendo que había moita xente interesada nos meus contos. Entón botei man do D.I.Y. (do it yourself), a filosofía do “faino ti mesma”, que aprendín nunha xuventude na que escoitaba bandas de música anti-comerciais que autoeditaban os seus proxectos. Fixen unha escolla de contos e poemas, e logo contactei cunha cooperativa gráfica. Ao ver que non era caro decidinme a facelo.

Nun momento moi complexo para publicar, e máis en galego, optaches pola autoedición. Como é o balance desta aposta?

Estou moi satisfeito. Conseguín mover ata agora máis de 300 exemplares. Mais o importante é que grazas a isto coñecín moitísima xente. A maioría dos libros entregueinos eu persoalmente, e iso supuxo ter contacto con quen o ía ler. Moitas veces eses encontros deron lugar a conversas moi enriquecedoras e tamén a novos contos inspirados nalgunhas desas persoas. Aprendín moitas cousas da xente que me le, e sempre sen menosprezar a ninguén pola súa idade.

É algo que non tería acontecido se seguise a liña habitual do mercado literario, no cal non adoitas saber quen se fai cos exemplares do libro. Penso que hai pouco contacto entre quen produce e quen le.

Que apoios botas máis en falta como novo escritor?

Para min o importante é o apoio do público, que a fin de contas é quen le. Estou agradecido a toda esa xente, a todas as boas e xenerosas, porque sen elas isto non tería sentido. Cada mensaxe que recibo de alguén que me pide un libro, ou que simplemente aprecia o que fago, é un impulso que me dá forzas para continuar.

No referente a outro tipo de apoios boto en falta o dos medios de comunicación galeguistas/en galego. É frustrante non poder acceder a eles polo feito de non facer parte do noso canon literario ou non publicar en editoriais. A nivel institucional non teño queixa porque os meus contactos foron mínimos, case inexistentes. Se cadra no futuro comezo a buscar apoio deste tipo, mais non será nada alén de solicitar un espazo público para facer algunha presentación dalgún libro ou calquera cousa relacionada con eles. Diñeiro nunca pedirei porque suporía que o meu proxecto deixaría de ser autoxestionado, e iso significa traizoar os meus principios. Tampouco contemplo a escrita e a cultura coma un negocio ou profesión. Gustaríame que fosen un simple acto de creatividade non condicionado polo lucro.

Que lle aconsellarías a autores e autoras que teñen unha obra e que non saben que facer con ela?

Que non se rendan e que busquen a maneira de dar a coñecer o seu traballo. Penso que todo ten o seu público. É cuestión de atopalo. As redes sociais da internet son unha moi boa axuda. E tamén as rúas. Por exemplo eu pego nelas poemas, contos ou pequenos fragmentos dos mesmos. Especialmente por Compostela, que é onde vivo actualmente. Mais tamén aproveito calquera viaxe que fago para deixar por outros lugares. Co tempo fun descubrindo nas redes sociais que houbo xente que se topou con elas e compartiunas. Penso que se trata de compartir. Mais ante todo hai que ter paciencia e non desesperarse. A veces podes estar semanas sen mover ningún exemplar e noutras unha ducia deles. E hai que saber entender que hai xente á que non lle interesa o que fas. Hai tantos gustos como persoas. Eu non obrigo a ninguén a ler o que fago.

Hai xa nova obra a piques de saír, que nos podes contar sobre ela?

Sairá a comezos de 2016 (calculo que en marzo) co título “Ministerio de Asuntos Literarios”. Ao igual que “Luisteratura” terá 3 partes: contos breves, contos extensos e poesía (desta última menos ca no anterior). E a temática tamén a mesma: mortes e nacementos ridículos, crítica á sociedade (especialmente a estrutura familiar e o sistema educativo) e historias de amor (sen ser as típicas de romanticismo heterosexual que nos inculcan nos filmes e nos libros como modelos a imitar).

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 5 = 10