medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Vento ferido no ano Cortázar

Un texto de Francisco X. Fernández Naval

Circulan pola rede relacións de escritores nacidos en 1914 e que, polo tanto, estiveron de centenario neste 2014 que remata. Máis de 70, figuran nalgunhas listas. Entre os máis coñecidos: Octavio Paz, Marguerite Duras, Dylan Thomas, William Burroughs, Adolfo Bioy Casares, Julián Marías ou Julio Caro Baroja. Algún aínda vive, como Nicanor Parra. Nesas listaxes non aparecen escritores galegos, pero haber, hainos, como Xosé María Díaz Castro, o autor de Nimbos, homenaxeado este ano coa celebración das Letras Galegas.

Fernández Naval./Foto: E. Castro Bal

Fernández Naval./Foto: E. Castro Bal

É posible que, no noso ámbito cultural, os focos do centenario coincidisen en Julio Cortázar, nacido en Bruxelas o 26 de agosto de 1914. Xa fora o ano 2013 ano de festa para a lexión de lectores do autor dos cronopios, conmemorando os cincuenta anos de Rayuela.

Nos últimos meses, Julio Cortázar foi celebrado do lado de alá, na Arxentina, o país onde medrou, pero tamén en Cuba, en Nicaragua, en USA ou en México. Lembrámolo aquí, deste lado, en España, en Suíza, en Bruxelas onde naceu, en Francia onde viviu. Arredor desta efeméride recibimos libros que nos sorprenderon e que ampliaban o coñecemento que tiñamos del: Cortázar de la A a la Z ou Papeles inesperados, os dous en edición de Aurora Bernárdez, a súa primeira muller e testamenteira, e por Carles Álvarez Garriga. Con respecto a este segundo título, do que Aurora consideraba que quedara ben e que era divertido, suscitouse certa polémica en relación coa conveniencia de publicar textos que o autor non incluíu en vida nos libros sobre os que tivo decisión. O certo é que, con polémica ou sen ela, ambos libros achegaron ao lector amante da súa obra novos e sorprendentes materiais.

Pero estes últimos meses, un vento frío ou un vento ferido, (por lembrar a Carlos Casares, quen tamén foi celebrado cunha biografía), levouse a parte máis importante da memoria de Cortázar, a parte máis galega, tamén, porque o 8 de novembro falecía en París Aurora Bernárdez, e o día 18 de decembro, en Barcelona, Francisco Porrúa.

A Aurora Bernárdez e a súa orxie galega xa nos referimos aquí, nun artigo do pasado mes. Francisco José Joaquín Jesús Porrúa Fernández naceu en Corcubión, en 1922. Galego sen saudade, segundo a súa propia expresión, con ano e medio marchou á Arxentina. Regresaría a Galicia en 1932, vivindo tres anos de adolescencia en Ferrol, onde o avó exercía de notario, pasando os veráns en Corcubión e algúns períodos máis curtos en Oza dos Ríos. Ao cabo, emigraría de novo, indo a vivir a Comodoro Rivadavia, ata que rematados os estudos secundarios, o pai formula a alternativa de buscar un traballo ou estudar bacharelato en Buenos Aires. A opción elixida é a de continuar os estudos e prepararse para a vida universitaria na capital. En Buenos Aires estuda e traballa en cuestións de imprenta, traducindo e corrixindo artigos para enciclopedias.

Editor, fundador en 1955 da editorial Minotauro que, segundo Luís Seoane, ofrecía nos seus catálogos algúns dos autores máis inmensamente minoritarios do mundo, iníciase coa publicación de Crónicas marcianas de Ray Bradbury, con limiar de Jorge Luis Borges. Logo propoñerá a Cortázar a publicación das Historias de Cronopios y de Famas. Pero o seu traballo de editor compleméntase co que desenvolve, durante máis de vinte anos, na editorial Sudamericana, sendo responsable de boa parte da obra de Cortázar (Las armas Secretas; Todos los fuegos el fuego; Los premios; Rayuela; Buenos Aires, Buenos Aires; 62. Modelo para armar; Libro de Manuel) ata Octaedro, libro no que xa non intervén. Pero tamén de Cien años de soledad de Gabriel García Márquez e boa parte dos grandes autores do denominado Boom hispanoamericano.

Cen, así de redondo é o número de cartas que lle escribe Julio Cortázar e que aparecen recollidas nos tres tomos da correspondencia publicada por Aurora. Cen cartas que definen unha relación que transcende a normal entre autor e editor, cen cartas que explican moitas das circunstancias que rodean a obra de Cortázar, pero que tamén son expresión dunha firme e fonda amizade.

Ao pouco tempo de entrar a traballar en Sudamericana, Julio envíalle o orixinal de Las armas secretas. Paco Porrúa ten repetido en moitas entrevistas que nos almacéns da editorial estaban case todos os exemplares de Bestiario sen vender, pero insiste que non hai escritores completamente descoñecidos. Lembra que cando Julio empeza a falarlle de Rayuela, antes de enviar o libro, pregúntase se Sudamericana é a editorial axeitada. Pensaba que Rayuela era unha especie de escándalo literario e que, en Sudamericana, ía caer mal, pero o que se comprobou foi que Sudamericana deixou de ser esa formalidade literaria que era, grazas a que publicou Rayuela. É dicir, que Rayuela, o libro que ía ser inadecuado para Sudamericana, converte a Sudamericana nunha editorial adecuada para Cortázar e para moitos outros, curiosamente.

Paco Porrúa opinaba que ao traballo do editor se lle dá unha importancia como motor da cultura que en realidade non ten. Para el o editor forma parte dunha corrente que se inicia co escritor, continúa co editor, que o único que debe facer é editar ben e finaliza co lector. O editor, afirmaba, só é un catálogo, o seu valor non vén determinado polas calidades intelectuais que teña na casa. Se o catálogo é bo, o editor é bo, se é malo, o editor é malo. Afirmaba isto quen resucitou a Marechal, quen deu a coñecer a García Márquez.

Luís Seoane dedicoulle unha «Figuración», publicada no xornal La Voz de Galicia o 7 de xaneiro de 1973. Nela recoñece a paixón de Porrúa polos grandes escritores aparentemente sen lectores. Julio Cortázar sabía da súa orixe galega, pero considerábao tan arxentino coma el mesmo, coa singularidade de que ningún dos dous nacera na Arxentina.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


5 + = 6