medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Informe sobre a tolemia de Estevo

Un texto de José Luís Sucasas

José Luis Sucasas

José Luis Sucasas

Nunha solleira mañá da primavera do ano 80, a Estevo da Laxe debéronselle encerellar os fíos da razón. Botou porta fóra da casa descalzo, en camiseta e cos pantalóns a medio abrochar, e marchou correndo cara o agro de abaixo, berrando que fuxiran todos de alí, que as leiras estaban inzadas de cobras picadoras, os valados de donicelas e as arribadas de alacráns. Cando lle demos botado a man, prendémolo cun adival e levámolo de volta para a casa. Pechámolo no cortello das ovellas e alí botou uns días. O pedáneo pediume un informe sobre o asunto, para presentarllo ao Sanedrín das Eiras (En Cadrón, os mais sabios reuníanse nas eiras, sentados arredor dos palleiros) e decidir que se ía facer co pobre Estevo.  Velaí van as miñas conclusións.

O de Estevo non é idiocia, xa que esta é un estado conxénito, produto dunha falta de desenvolvemento dos miolos que empece a manifestación das actividades da alma. Nos casos de idiocia non hai nunca nin entendemento nin vontade, faltan ata os instintos e moitas veces tamén os movementos. Tampouco estamos diante dunha imbecilidade, que tamén é conxénita, e aínda que presenta mais masa miolar, esta non chega a ser completa. Da imbecilidade resulta unha impotencia intelectual e afectiva, en grados diferentes segundo sexa a imperfección da masa encefálica. Tampouco o caso de Estevo entra dentro da categoría de demencia, onde hai negación das facultades intelectuais e afectivas. Os dementes gozaron de uso de razón, pero chega un día malo e pérdeno, e xa non hai mais ideas nin sentimentos, e apágase todo e todo está perdido.

Así pois, Estevo non é idiota, nin imbécil, nin tampouco demente. E logo que é? Se non é ningunha das tres cousas anteriores, daquela só pode ser maníaco ou monomaníaco. En Santos existen as facultades intelectuais e afectivas, pero nun estado de aberración, de discordancia entre a súa actividade e os obxectos que impresionan o seu sensorio, e os seus sentimentos rebordan a lei moral. As alucinacións e erros dos sentidos que presenta Estevo son caracteres esenciais da tolemia maníaca ou monomaníaca, así coma as exaltacións e aberracións dos sentimentos que non caben no cadro de leis fisiolóxicas. A diferencia entre unha e maila outra, é dicir, entre maníaco e monomaníaco, está no grao mais xeral ou particular das actividades afectadas pola doenza: no caso do maníaco, o trastorno mental e afectivo comprende a totalidade ou a meirande parte das actividades, ideas e sentimentos; no caso do monomaníaco, redúcense as alucinacións e erros dos sentidos a unha soa orde de facultades, ficando expeditas as demais para razoar e obrar coma o común das xentes.

O pobre Estevo presenta abondos caracteres para ser cualificado de maníaco, xa que a súa extraviada razón non se limitou a unha soa idea ou a unha soa orde de ideas; e foron varias, heteroxéneas e numerosas as extravagancias e delirios ao longo da súa vida, e que remataron por tolealo. Perdeu varias veces o uso das facultades intelectuais, e outras tantas tivo trastornada a memoria e maila atención; de cativo xa sufría distraccións patolóxicas, e os erros dos sentidos e alucinacións sucedéronse na súa vida, aparecendo e desaparecendo de xeito regular, coma as estacións do ano ou as horas do día.

A todos aqueles que sempre defenderon o actuar lóxico e racional de Estevo, direilles que non sempre debe procurarse o extravío no xeito que ten o tolo de discorrer, xa que pode moi ben exercitar tódalas facultades intelectuais e afectivas na súa orde lóxica e sen necesidade de abandonar o extravío para nada. Moitas veces a tolemia está nas premisas extraviadas de partida, e a partires delas, os tolos deducen as consecuencias, seguramente cunha lóxica e ilación tan estreita e severa, que causa abraio na xente mais corda. Pero que discorran e obren con lóxica non proba a súa cordura, porque esta non só reside nas proposicións menores e consecuencias, senón tamén nas maiores ou premisas. Se as premisas son tolas, se son a expresión dun erro dos sentidos, dunha alucinación ou aberración dos sentimentos, de nada serve que despois se actúe coa maior das corduras. O home que foxe da palleira porque ve que lle cae enriba o tellado, o outro que entra ás carreiras no serradoiro porque a ve ardendo, ou aqueloutro que non quere cruzar o agro porque está inzado de cobras; cada un deles é lóxico na súa conduta, e de seren certas as causas dos seus temores, teriámolos por tolos? Por suposto que non. Pero se non hai tellado caendo nin serradoiro ardendo nin cobras na leira, chamarémoslle tolos porque parten dunha suposición imaxinaria, dunha alucinación.

Agora ben, tamén é certo e non debemos esquecelo, que en Cadrón algo tolos sempre estivemos todos.

2 comentarios a Informe sobre a tolemia de Estevo

  1. Segundo as estatísticas, que tamén están algo tolas, esa tolemia frecuente non é exclusiva de Cadrón. Méndez Ferrín diría que é un detalle máis da singularidade nacional, coma o feísmo urbanístico.

  2. Pingback: O extravío pasaxeiro de Tucho da Torre | Letra en Obras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


6 + = 14