medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Nalgún tempo futuro

Un texto de José Luis Sucasas

José Luis Sucasas

José Luis Sucasas

Isto que vos conto sucedeu nun tempo futuro e indeterminado. Nunha reorganización administrativa e con bo criterio, a Xunta de Galiza creou a Consellaría de Medio Rural, Mariño e Cultura Galega, metendo así e por fin a cultura galega no seu sitio natural. A para daquela Conselleira, unha “brava do país” chamada Pilar Dopazo, nomeou Directora Xeral a Ana Pestonit, e xuntas escaravellaron no sistema cultural ata poñelo coas patas para arriba. Tanta foi a remexedura que os escolares xa estudan a chamada “Revolución Cultural Pestonit”, ao mesmo nivel ca Revolta Popular Alaricana do 89 ou ca Gran Revolución Cultural chinesa.

Co gallo da integración de Cultura, Terra e Mar, unha das primeiras medidas da revolución Pestonit foi a creación dunha Rede de Produtos Ecolóxicos de Proximidade, na procura dunha meirande sustentabilidade e eficiencia enerxética; a saber, todos aqueles produtos cultivados e elaborados nun radio de distancia de 100 quilómetros entre produtor e consumidor. A posta en práctica da regulación foi complexa e polémica no asunto dos libros, xa que autores coma Jaureguizar alegaban que eles escribían en Lugo para unha editorial de Vigo, que imprimía os libros en Porto, e preguntaban onde carallo comezaba a contar o radio dos 100 km. A regueifa chegou ata o Tribunal Constitucional, ditaminando que sendo o libro un produto máis de proximidade, debía ser producido, elaborado e posto á venda nos arredores, igual ca os grelos de Ordes, a pataca de Coristanco, o repolo de Betanzos ou o chourizo de Lalín.  A interpretación do alto tribunal, que pasou a coñecerse como a “doutrina Jaureguizar”, fixo agromar editoras e imprentas locais aquí e acolá para darlle saída legal á produción literaria local.

A Xunta abriu unha liña de axudas para fomento da produción ecolóxica de proximidade: cretos a rédito negativo, subvencións para furgonetas, carros e carretas de reparto, axudas para tenderetes e mobiliario diverso de exposición e venda dos produtos, … Rehabilitou as mil feiras de gando e delimitou con sinalización horizontal tramos de estrada, nas entradas e saídas das poboacións, para que os vendedores puideran amosar as súas reliquias aos turistas con presa, despistados e amantes das circunvalacións.  O noventa por cen dos escritores -case todos, que se dicía nos tempos predemocráticos- entrou polo aro e botouse á estrada, percorrendo as feiras galegas cos seus libros ao lombo. Así, naqueles anos, os chigres dos escribidores encheron as rúas do Cocido de Lalín, as do Queixo en Arzúa, as do Polbo no Carballiño, as do Mexillón na Illa da Arousa, as do Boi en Allariz, as do Botelo en Navia, as do San Froilán en Lugo (as que antes chamaban dos negros), as San Lucas en Mondoñedo, as de Santos en Monterroso, … así ad infinitum. Eu tamén me botei á estrada, faltaría mais. Fíxenme case de balde co vello carro dos xeados de Pepe da Ibense e conseguín restauralo, coas habelencias propias adquiridas na montaxe de varios mecanos de Ikea e coa inestimable colaboración do meu consogro Rafa Cuiña, que me subministrou o aluminio 7020 necesario para remendos, remaches e resortes (dixo que xa fariamos contas na dote e nas facturas do casorio). Aproveitei os tres depósitos estancos e galvanizados de nata, vainilla e fresa para facer as veces de almacén, onde gardar os exemplares a salvo de piollos, termitas e ratos rilladores de celulosa. Penso que me quedou unha carreta xeitosa e coma do trinque.

Outra das medidas estrela da pérfida Pestonit foi a creación da AELGA, unha clasificación anual de escritores a remedo da ATP dos tenistas ou da UCI World Tour dos ciclistas, e aproveitando as siglas da asociación xa existente. A puntuación acadada proviña fundamentalmente dos premios literarios, que estaban obrigados a elaborar unha clasificación con tódolos manuscritos presentados e cunha puntuación acorde co seu número. A saber, se por exemplo había 30 manuscritos presentados, o gañador sumaría 30 puntos, o segundo 29, e así ata o último, que sumaría 1 punto na súa clasificación AELGA. A pesares das criticas iniciais das vacas sagradas afeitas a publicar sen concorrer a certame ningún, este sistema de puntuación foi aceptado e rematou callando na sociedade. A listaxe quincenal da AELGA era publicada polos principais xornais en lugar aquelado e con letra grande, e polo Nadal, o día de Santo Estevo, celebrábase unha cerimonia fastuosa e multitudinaria na Cidade da Cultura, retransmitida en directo pola TVG para todo o mundo, onde a Directora Xeral Pestonit botaba a súa prédica anual e a Conselleira Dopazo facía entrega de escapularios conmemorativos aos dez primeiros da lista dese ano. O top ten do primeiro foi o seguinte: … … …(Ata aquí podo contar, polo de agora. Que tampouco é bo que saber mais da conta sobre o futuro.)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


6 + = 11