medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Carlos Penela: “Ás veces existe un optimismo un tanto excesivo coa literatura galega actual”

Vén de gañar un dos premios poéticos máis prestixiosos en lingua galega: o González Garcés que convoca a Deputación da Coruña. O galardón, ademais do premio en metálico, leva aparellado a publicación da obra. Isto quere dicir que nos vindeiros meses volverá ás librarías, logo de case sete anos, un dos autores máis destacados da poesía galega actual. Dende Viena, onde reside xa hai ben tempo, Carlos Penela (Vigo,1975) contesta o cuestionario que lle remitiu Letra en Obras.

-Poucos poetas poden presumir de ter os principais premios poéticos do país. Gañou o Espiral Maior, o Lorenzo Baleirón, o Caixanova e foi accésit no Esquío. Agora chega o González Garcés, dá vertixe ver tanto recoñecemento?

Carlos Penela

Carlos Penela

Os premios son un acaso e, si, tamén unha vía para exteriorizar un traballo; no meu caso, e ata ao momento, foi case o único medio que tiven para poder publicar, debido a motivos varios de certo aillamento e distancia e a outros sobre os que a min non me compete opinar (as editoras elaboran os seus catálogos cos seus propios criterios e os medios informan coa liberdade e as excepcións que consideran). En todo caso, acho que sería moito máis satisfactorio se o recoñecemento outorgado por ese premios -que eu agradezo, evidentemente- servise sobre todo para afondar nun diálogo máis amplo verbo do discurso literario galego do noso tempo, con liberdade e esixencia estética, máis alá da noticia puntual dun galardón que a min se me conceda ou non… Sexa como for, a miña tarefa é a de escribir co maior rigor, normalidade e independencia posibles en idioma galego, alí onde estiver. Máis nada. Fóra diso, ao meu ver, a miúdo córrese o risco de incorrer en imposturas e solipsismos algo innecesarios. Ademais, por parafrasear o poema de Elisabeth Bishop (unha autora que estimo especialmente), eu falaría tamén do facer poético como unha sorte de permanente “arte de perder”.

-Quizais a mellor noticia do premio é que, case sete anos despois, volveremos ver unha obra súa nas librarías. Que vai atopar o lector en ‘Arte de fuga’?

Moitas grazas…Ben, “Arte de Fuga” (o título é unha alusión evidente á peza musical de J.S.Bach; non sei de moitos “poemas” tan sólidos como esa partitura, por certo) é unha especie de declaración de intencións co feito da escrita -e non se lea aquí unha sorte de escapismo, por favor…- e está conformado por unha serie de textos independentes con tres ou catro temáticas que os colocan en relación os uns cos outros e lles van dando corpo: certa ollada ao mundo da infancia, misturada esta coa ollada ao pasado doutros feitos históricos e outras realidades; a lembranza das paisaxes humanas logo da Guerra e do Horror en Europa; ou a pesquisa metaliteraria como propia materia do poema. Na cita de Hilde Domin coa que se abre o libro está contido, tal vez, o sentido último do libro; non é tanto unha fuga, en realidade, como un xeito particular de regreso ao “dicir” en forma de poema.

-O xurado no seu fallo fala das “moi suxestivas referencias culturais da tradición europea”. E isto lémbranos ao seu blog Vieiros de Kakania, que vostede mesmo define como “unha ollada en galego na historia cultural de centroeuropa”. Hai vasos comunicantes entre o blog e este último traballo poético?

Si, evidentemente, hainos, aínda que en “Vieiros de Kakania” non se inclúen en ningún caso textos póeticos meus; o blog tenta ser máis ben unha especie de dietario persoal e plural de autores, obras, anédotas e referencias da cultura centroeuropea (sobre todo da literaria), cun traballo de documentación e tradución por tras. Amplío este traballo de maneira semanal desde a rede social Facebook, con notas máis breves e constantes sobre asuntos variados desa mesma orde. Os textos do blog son textos en prosa sobre unha serie de temas que, quizais, non foron tratados aínda coa atención suficiente (ou con ningunha) no noso idioma e que eu creo que poderían enriquecer moito  a literatura galega. Desde algúns deses nomes é que se entrou claramente na contemporaneidade literaria e cultural en Europa. Ao meu ver, a cultura galega tamén ten de aspirar a iso e presentarse ao mundo con toda a potencialidade da que sexa capaz, indo da man de todas esas tradicións e influencias. Ese é o meu propósito con ese proxecto, un proxecto que é, en todo caso, particular e moi modesto. Os meus poemas tamén teñen moi en conta esas mesmas referencias (que poden vir da pintura, do cine ou da fotografía…) aínda que, tal vez, con outra estratexia.

-Son moitas as voces que o consideran un autor indispensable na poesía galega dos últimos 15 anos. Vostede leva xa ben anos residindo no estranxeiro, dende Viena, como se ve a literatura galega actual con máis de 2.400 km de terra por medio?

Un xuízo dese tipo sobre a miña escrita é excesivamente xeneroso, demais…Ficaría xa moi satisfeito se logo de min alguén puidese reler apenas un par dos meus poemas para se sentir algo recoñecido neles. Pretender moito máis a min paréceme algo pretencioso ou inxenuo. Ademais, como dicía Borges, “o tempo fará a súa antoloxía”.

Sobre o que vostedes me preguntan acerca da literatura galega actual vista desde a distancia: ben, a miña valoración creo que non variaría tanto de estar aí en lugar de estar en Viena como estou. Na medida do posíbel, tento manterme ao día a respecto das discusións e novidades que van aparecendo na literatura galega, as cales acompaño desde a rede e desde a bibliografía coa que me fago aquí. Doulle realmente moitas voltas a estes asuntos, na verdade…Ao meu entender, ás veces existe un optimismo un tanto excesivo co estado de cousas actual; boto tamén algo en falta unha maior variedade de propostas e discusións máis ricas e plurais sobre certos asuntos…Mentiría se dixese o contrario e lamento non mostrar máis entusiasmo. Considero, ademais, que o ensaio en galego ten aínda moito que percorrer (ensaio de todo tipo, porque nunha lingua viva e moderna isto ten que ser así ou acabamos na peor das endogamias).

Por outra banda, son un lector bastante agradecido de novela -tal vez antes máis ca agora- e este é un xénero no que en galego tamén boto en falta algo máis de fondura. Evidentemente, todo isto tamén está ligado ás tipoloxías e ao número de lectores que temos, ás súas expectativas e esixencias, así como ao traballo editorial e crítico existentes. Sen caer en conformismos estériles, temos tamén de ser conscientes das nosas capacidades e do noso rendemento; non para ficar de brazos caídos ou deixarnos levar polo desalento, moi ao contrario, senón para tentar mellorar en función dunha lectura realista e constructiva de todo iso.

No entanto, tamén hai certos signos moi positivos, como, por exemplo, o fenómeno do agromar de novas editoras pequenas e especializadas que se produciu nos últimos anos, algunhas delas elaborando un excelente catálogo de traducións, cousa que antes non existía…Desde os seus comezos estou subscrito desde Austria a un par desas editoras galegas e, ás veces, desde a distancia, a min case me parece un milagre que se traduzan obras tan interesantes e que, ademais, se faga tan ben como se fai. Neste sentido, creo tamén que sería moi importante traballar no sentido inverso, é dicir, difundir a literatura en galego desde traducións variadas e de calidade. Niso vexo aínda moito traballo pendente.

-Como saberá o mundo literario galego anda ben revolto estes días pola elección de Filgueira Valverde para as Letras 2015. Mala nova, merecida escolla ou non sabe/non contesta?

Entereime onte mesmo…Honestamente, precisaría de máis tempo e de máis informacións dos que agora mesmo dispoño para dar unha resposta realista, contrastada e xusta acerca de Filgueira Valverde (considerando a súa biografía e a súa obra de maneira ampla) en relación a esa decisión da RAG.

-E falando de Día das Letras, ten sentido a celebración tal e como se fai? Que faría vostede?

Se nos limitarmos ao propósito co que foi pensada ese data de conmemoración, si, o seu sentido pode xustificarse aínda, por que non? Tal vez a confusión xorde cando se lle atribúen a esa celebración a resolución de problemas e carencias que ningunha data concreta, de seu, pode resolver. Pero iso non é un problema desa celebración en si (unha celebración que existe noutras literaturas dun xeito semellante, en todo caso).  Ninguén lles esixe aos organizadores do Premio “Georg Büchner” das Letras Alemás que resolvan un problema determinado, non sei, na organización do sistema de bibliotecas municipais, poño por caso…Digo isto, por formular unha hipótese que exemplifique o que quero dicir.

Sexa como for, non me parece que a chave das noces da vitalidade da literatura galega radique en prescindir ou non desa data ou en celebrala dun xeito moi diferente ao que se fai. É moito máis preocupante o feito de toda a producción bibliográfica en galego ser inferior aos 800 títulos ao ano, tal e como aconteceu no 2013; ou de que o número de lectores habituais en galego sexa aínda tan deficiente como é. Aí si que eu lle esixiría moito máis ás institucións culturais e políticas, a todo o corpo social no seu conxunto (lectores, escola, medios…). Aí é onde penso que habería que centrar os esforzos, en tentar resolver esas carencias, porque estas non son apenas algo testemuñal e, en función delas, é que se vai decidir o futuro máis inmediato da literatura galega

2 comentarios a Carlos Penela: “Ás veces existe un optimismo un tanto excesivo coa literatura galega actual”

  1. Pingback: Carlos Penela: «Ás veces existe un optimismo un tanto excesivo co estado da literatura galega actual» | ::Axenda cultural AELG::

  2. Pingback: Carlos Penela: “Ás veces existe un optimismo un tanto excesivo co estado da literatura galega actual”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


9 + 7 =