medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Recuperación Bestial

Un texto de Cris Pavón

Cris Pavón

Cris Pavón

Levo horas diante da pantalla e de socato quedei sen internet. Vaites! Reinicio o router. Nada. Vou chamar aos de R, tampouco hai liña. Dende o móbil logo. Sen cobertura. Polo menos hai luz, dígome, pero mellor aproveito para saír a estirar as pernas un pouco.
Nada máis poñer un pé na rúa sorpréndome. Asústome. Hai un vento tolo, algúns edificios están a esboroar aos poucos, cae unha varanda aquí, unha cheminea acolá, voa un teito máis aló. Hai alarma na xente da rúa. Unha cicloxénese das gordas non será, que sempre o avisan. O ceo escurécese e aclárase, axiña e sen pausa, nun ciclo estraño. Hai que andar espelido para que non che caia algo enriba, pero iso xa parece un problema menor cando vexo que máis aló, diante do bazar chinés, hai unha fenda profunda na beirarrúa. E agora este ruído! Tremeu a terra ou fun eu? Acubillada nun portal tento chamar a alguén pero non hai cobertura.
Pasa diante miña un grupo andando con présa e aceno moi serio.
– Que pasa? Onde ides? –pregúntolle a un deles, o da ferretería Carabobo.
– Onde? Onde non haxa asfalto, está a rachar por moitos sitios.
Óese outra vez ruído baixo o chan. Serán as augas non canalizadas, o escorrentar dos regatos eses de sempre… Dubido que facer, volver a casa ou intentar saber que pasa. Asómanse moitos ás fiestras e berran cousas incomprensíbeis dende os pisos máis altos da Travesía.
A xente bota a correr, non acabo de entender porque, e amais fano en varias direccións. Síntome arrastrada por un grupo grande que pasa ao meu carón e subimos á Guía mentres escoitamos ruídos espantosos e alí, dende o primeiro tramo do paseo de tileiros, vemos como entra na ría un pedazo de monstro descomunal, unha especie de Godzilla con saias. Quedamos xeados de espanto. Anda entre as bateas, tira dunha, e doutra, e pon as cordas ao redor do pescozo coma o colar de Kali a destrutora, con mexillóns no canto de caveiras. Algún din que lle imita moito a teutona señora Merkel. Outro que se é máis ben unha especie de Mazinger Z manexado por control remoto. O medo déixanos paralizados e agachados ao abeiro das tuias non lle quitamos ollo. Move unha gadaña con soltura e desaprensión, coma a máis lizgaira maiorette que cun golpe de man pode cortar mil cabezas. Namentres se achega fai ondas grandismas que estragan os peiraos e paseos de beiramar a ambos os dous lados da ría.
Témola xa moi preto. Confiemos que sexa coma os tiranosauros e non nos vexa ao estarmos quietos. Agora empréndea cos guindastres de Guixar, arrinca un e facendo molinetes con el lánzao cunha forza impresionante que nin se ve onde vai parar. A Marín polo menos.
– Haberá máis coma este? –penso en alto.
As miradas dos outros fanme calar de vez.
Sobrepasa a nosa posición e perdémola de vista un intre. Non vai durar moito a ponte de Rande se segue adiante, pero non imos quedar a velo, verdade? Pois si, imos a outra aba do monte a ver que pasa.
– Temos que liscar, non imos quedar aquí coma parvos.
Lisquemos, si, pero … espera… deus! O monstro sae da auga e dun pisotón esmaga medio instituto de Teis! O restaurante Siete Torres librou polos pelos. Xesús xesús. O zunido dun helicóptero que vai aterrar no hospital do Meixoeiro atrae a atención da besta, que se dirixe cara alá co pisar contundente que a caracteriza.
– Veña, aproveitade, bulide!
Si, pero cara onde? Onde pode un meterse, como librarse disto?
Baixamos da Guía conmocionados. Óense ruídos por baixo do asfalto outra vez, que raio será iso? Enfiamos Sanxurxo Badía e vemos que aló adiante, case en García Barbón, abriuse outra fenda, esta moito máis grande, da que saen ducias e ducias de zombis fedorentos que replican as caras de ministros e conselleiros. Avanzan co típico abaneo, sen presa e sen pausa, levan a mirada baleira e as carteiras cheas de disposicións mortíferas. Non semellan agresivos, mais cando atrapan a alguén, como xa fixeron co da tenda de deportes, lévano entre varios ao buraco … e ninguén se atreveu a ir ver que pasa alí.
Diante da panadería, veciños a facer unha barricada con coches, contedores, bombonas baleiras, para deterlles o paso e defender os pequenos negocios e vivendas. As vidas. Unha meniña escápalle á nai para recoller a moneca Monster High que lle caeu tras da barricada. A nai bérralle, a nena non atende e segue a correr pola boneca. Un zombi con cara de Wertz, avisado polos berros, bule cara ela e agárraa!! Ai deus, non podo mirar iso!!! Pero que pesadelo é este? E agora, que é iso que ven polo ar? Un cepelín posto de pé? Un globo aerostático sen máis? Unha cousa flotante coma un ‘muñecolate’ xigante en sotana, e ten dúas caras, por un lado a de Rouco Varela e pola outra a de Gallardón. O globo inmenso mesmo parece inofensivo até que se achega o suficiente, e entón dispara crucifixos, e ben afiados. Dispara con moita mala hostia e boa puntería, e algúns veciños quedan no chan con crucifixos cravados no peito, na gorxa, nun ollo.
A nave episcopal descende sen tocar o chan e dela desembarcan axentes eclesiásticos con roupas talares de vivas cores espectaculares.
– Coidado! –advírtenos un home ensanguentado e con cara de ter visto demasiado– Estes xa os mirei no Castro, que veño de alí. Collen reféns femininos, as que están empreñadas retéñenas, e as demais cósenlles as vulvas antes de ceibalas.
– Queee?
– Con punto de Cruz. E se berran moito, cósenlles tamén os outros beizos.
Blasfemo preventivamente e, ala, a correr!
Metín tal acelerón que non sei onde quedaron os que estaban comigo. Subo por Aragón e vou vendo o panorama arrepiante. Aínda me custa crer o que está a pasar, pero as vítimas e os estragos están aí, imposíbel non os ver.
Chego até ao Calvario. Parece que a cousa acougou un intre. Que pasaría en Ceboleira? E nas Travesas? E en todos lados? Sento a coller folgos diante dunha tenda de electrodomésticos e intento chamar a casa, pero segue sen haber cobertura. Nun dos televisores que están acendidos vexo, na banda de texto da parte inferior da pantalla onde unha tipa expende telecaridade, a noticia en maiúsculas: A CRISE REMATOU. Interrompen o programa para daren detalles da nova coa importancia que lle corresponde. Leo tamén nos movementos labiais do locutor_monicreque: A crise rematou.
– Rematou, si. Connosco –di unha muller que vén andando penosamente e cae no chan diante miña. É Susana, ex-caixeira do Eroski de Travesía. Creo que está morta.
Escoitase un atronar de consigna en megáfonos: A crise rematou. Retírense das rúas. A crise rematou. Volvan todos ás súas casas.
– A casa? A que casa, ladróns? –brama un vello cunha escopeta e unha carraxe hipotecaria máxima.
A crise rematou, insisten. Como se a nova fose o sinal do ataque definitivo, séntese un ruído dunha gravidade nunca oída e un tremor arrepiante que remata cun estourido enxordecedor. Aló polo cruce de Colón con Policarpo Sanz –NGB– o asfalto levántase coma se os vermes de Arrakis cheiraran especia canda nós, e manda polo ar persoas e edificios. Mais non son vermes o que sae do inmenso buraco feito, senón un tropel de cucarachas privatizadoras xigantes con antenas ansiosas e mandíbulas famentas de beneficios, dispostas a non deixar nin un residuo por apañar, humano ou bancario.
A crise rematou. Agora veñen as rebaixas. A grande liquidación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


2 + 3 =