medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Mitocondrias

Un texto de Cris Pavón

O microbio acordou feliz. O sono fora reparador e trouxéralle un recendo sen determinar, coma unha novidade coñecida… non sabía como chamar a esa sensación, nova non era, pero si case esquecida… unha tecla pulsada nun harmonio remoto. Vaites, acordara case lírico! Tan era así que no canto de poñerse a menear o protoplasma e buscar de comer ficou pasmado un longo intre, tamborilando cos cilios á espera de que aboiase algunha lembranza máis nidia do soño.

A lembranza resistíase, pero o sabor que tinguía os seus pensamentos non o abandonaba, e o sentimento, que lle quentaría o corazón se o tiver, fíxolle discorrer deste xeito:

– A vida somos nós, humildes microbios. Máis ca humildes, humillados, porque nós –malia o precario do noso sistema de relación co exterior, sen un mal ganglio do que presumir– temos ben clara a nosa importancia: non só somos vida, senón que somos a orixe da vida, os que fixemos posíbeis outras formas máis complexas e grandes, incluídas as que arestora pretenden esmagarnos.

Somos vida e merecemos respecto. Os pasos verdadeiramente grandes na historia foron dados por nós. Connosco probáronse os mecanismos bioquímicos que empregaron logo todos os organismos pluricelulares. Si, a maioría fíxase no vistoso dos bechos e plantas, os seus deseños espectaculares, as súas estratexias adaptativas… e esquece o noso esencial traballo de base. Mais todo grande organismo está feito de células especializadas das que as bacterias somos antecesoras, aínda que algúns coa súa fachenda mamífera ou o seu pedrigee reptiliano o queiran esquecer.

Cris Pavón

Cris Pavón

Non son nada sen nós, pero permitimos e aturamos as súas desfeitas até chegarmos ao punto no que pretenden fumigaren e esterilizaren todo o que sexa disonante! Que todo o que non se mova ao seu favor sexa inmobilizado, prohibido! E si, poden acabar con moreas de nós dunha tacada, exterminarmos con penicilazos copagados. e iso facerlles crer que dominan a situación, cando se algo ten ensinado a evolución é que as situacións son cambiantes. E que os cambios non sempre se producen por ínfimas variacións do xenoma seleccionadas e pasadas á seguinte xeración, non. Ás veces hai r-evolucións, simbioses e alianzas que cambian o escenario radicalmente! A quen cren que van facer calar? A nós, que somos da estirpe das mitocondrias?

Ahá, as mitocondrias! Fora iso co que soñara, con eses lendarios devanceiros, as mitocondrias e os cloroplastos primixenios, bacterias arroutadas que abandonaran a súa individualidade para crearen algo novo! E grande! De aí víñalles ese pulo ancestral, esa enerxía mítica, da mito-condria, a mito-condria, repetiuse a si mesmo, ledo co chiste, recreándose naquel momento épico de simbiose, de sinerxia, de mutuo apoio entre diferentes… até que se interrompeu e berrou indignado:

– Se nolo debedes todo, cabróns, se respirades grazas a nos! E nós, igual que fixemos posíbeis todo tipo de bechos incluídos certos primates prepotentes, podemos tamén combinarnos de xeito diferente e dar pé, alas, a outros organismos que non actúen coma se non houber máis seres vivos ca eles na terra. As mesmas leis que puxeron en marcha a vida e vos fixeron posíbeis poden destruírvos, esas mesmas leis, sen necesidade de asteroides impactantes ou raios gamma xusticeiros, que tamén. A vida empezou connosco, e cando tanto mamífero chuchón desapareza, nos seguiremos aquí!

E así, cheo de orgullo microbiano, arrincouse a cantar unha panxoliña:

– Arriba microbios do mundo, en pé patóxena lexión…!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


7 + 7 =