medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Riscadas das páxinas da historia

Un texto de Raquel Boo Anderson

Confeso que ía ir por outra derrota e ao final, acabei cismando sobre profesións das que as mulleres foron inxustamente afastadas, en maior ou menor medida, aínda que nos seus inicios xogaran un importante papel para o seu desenvolvemento. Lonxe de pretender ser unha alegación feminista, que xa vos digo que non é, considero necesario e xusto dedicar unhas liñas a aquelas que ficaron na sombra a pesar de facer tanta luz.

Raquel Boo Anderson

Raquel Boo Anderson

No eido das artes, coñécense casos de mulleres como Alice Guy-Blaché, que a historia do cinema borrou en moitas das súas revisións. Ela, que nos tempos de Méliès facía filmes narrativos, experimentaba con técnicas de montaxe anovadoras (atribuídas de sempre a Griffith) ou xogaba co son anticipándose décadas ao “O Cantor de Jazz”. Outras moitas grandes cineastas e guionistas (Lois Weber, Dorothy Arzner, etc.) desapareceron da historia e da profesión en canto o cine deixou de ser unha forma de entretemento menor, para converterse nunha máquina de facer cartos aos ollos dos homes de negocios que até entón miraban cara outro lado.

No mundo do deseño editorial e a impresión tamén aconteceu algo similar. Mentres no século XVIII era frecuente atopar mulleres compoñendo tipos e traballando xornadas abusivas nas imprentas, coa industrialización foise prescindindo das labores máis artesanais en detrimento do deseño e calidade das edicións, e de novo, os magnates da época as botaban dos seus postos de traballo, matinando no beneficio das grandes tiraxes.

Raq 1Non foi até finais do s. XIX, con William Morris (autor, impresor, poeta, artista, socialista e orador) e o movemento de Artes e Oficios, que a edición comezou a recuperar os seus estándares perdidos. E mentres Morris facía publicacións coidadas, mais rudas, con tipografías grosas e aparencia medieval, unha muller destacaba, xunto con outras coetáneas, pola súa delicadeza e os seus deseños decorativos. Margaret Armstrong, a quen se lle atribúen máis de 270 cubertas de libros, moitas delas asinadas co seu persoal monograma, reproducía deseños orgánicos, de inspiración vexetal, que comunicaban ademais de lucir.

Considero humildemente que un libro, e me estou a referir a exemplares literarios, está ben deseñado cando chegas ao final, e despois de lelo enteiro, ao pechalo, atopas ese sentimento que che produciu reflectido na cuberta e te das de conta de que viaxou contigo a través de cada páxina, de que o libro é un todo coherente. Esta muller sabía facelo moi ben, condensar toda a historia nunha imaxe significativa. E estamos a falar dunha época na que o deseño, como tal, non estaba definido, aínda non existía un código semiótico visual recoñecido, mais aquelas cubertas xa falaban.

Nas sociedades de Artes e Oficios, pola contra que noutras, admitíanse mulleres, que se dedicaban a dirixir pequenas escolas e obradoiros onde ensinaban encadernación, ilustración e outras habilidades do eido da edición para dar oportunidades de emprego a mulleres novas. Sarah Wyman Whitman, Julia DeWolf Addison, Mary Crease Sears e Amy Sacker son exemplos deste labor.

Raq 2E así foron nacendo as imprentas privadas, que se espallaron rapidamente por Europa e América do Norte, constituíndo un modelo familiar de negocio no que o matrimonio traballaba unido ofrecéndolles a ambos a posibilidade de escribir, editar, encadernar, etc. Este foi o caso de autoras de sona coma Virginia Wolf… e tantas outras.

Un pouco máis tarde, nos anos 30 e 40, a polifacética Jane Grabhorn, fixo unha grande defensa do papel das mulleres no mundo editorial. Participou, con suma retranca e sentido do humor, como escritora en The Bookmaking on the Distaff Side (A edición desde o lado feminino), unha compilación de tributos ás mulleres que traballaban no mundo editorial e que respostaba a unha ofensiva antiga insinuación que declaraba ás mulleres como “inimigas naturais dos libros”. Chegou a crear dous selos editoriais propios, un para títulos da historia americana e outro para proxectos máis desenfadados e atrevidos, Jumbo’s Press, constituíndose nunha grande inspiración para moitas compañeiras de profesión.

Raq 3Coa Bauhaus volveu a discriminación. Na época de Weimar, vetóuselles ás mulleres o acceso á formación nalgunhas disciplinas da Escola, quedando fóra do seu alcance arquitectura, por exemplo, sendo relegadas ao tear e outras artesanías que non estaban consideradas tan artísticas, acusadas de darlle un carácter excesivamente feminino ás súas obras. Elaine Lustig é unha das poucas figuras que conseguiron sobresaír co deseños para as cubertas de Meridian nos anos 50.

Mudaron as tornas co retorno posmoderno da década dos 80, na que facéndose valer, chegaron a liderar proxectos editoriais como a Random House, con Carol Devine Carson á fronte, ou como Louise Fili e as súas máis de 2.000 cubertas como directora de arte para Pantheon.

É terrible pensar que até hai relativamente poucos anos, había carreiras de homes e mulleres. Que as disciplinas artísticas tivesen ese marcado compoñente sexista que impediu que hoxe figuren máis mulleres na historia da arquitectura, pintura, moda, cine, etc. Por sorte, miro para as escolas de deseño e vexo un futuro distinto, vexo o día no que non se distinga entre “deseño feminino” ou “deseño masculino” e simplemente sexa bo deseño.

Quedade cos desafiantes versos de Jane Grabhorn. Eu quedo.

I have tried in all ways

To be a perfect printer

I have never been swayed

By thoughts of fame or dinner

I have used white paper

And I have used black ink

I have never catered

To what other people think.*

(Tradución libre: Tentei por todos os medios ser un impresor perfecto, non deixándome seducir por delirios de fama e riqueza. Empreguei papel branco e tamén tinta negra, e nunca sucumbín ás opinións alleas.)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 5 = 11