medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

O que o Werto levou

Un artigo de Celia Parra

O día dos mortos levou consigo algo máis que cabazas esburacadas e restos de maquillaxe branco e negro. Hai cousas que, despois da ponte, tamén pasaron a mellor vida.

Celia Parra (Foto de Xesús Fariñas Navarro)

Celia Parra (Foto de Xesús Fariñas Navarro)

Arrincaba a semana tocando a defunto coa nova dun pasamento: o das bolsas Erasmus. Non se trata dunha morte defintiva, seica, senón dunha inxección letal que as deixará nun estado próximo ó dos zombies (eses que están tan de moda ultimamente, e non só durante Samaín).

O señor Wert anunciou que desde agora só recibirán axuda os beneficiarios da beca xeral do MEC. A reforma surtiría efecto inmediatamente, a curso comezado e afectando a miles de estudantes que xa se atopan no estranxeiro. Mais, ante o aluvión de protestas por parte do estudantado, a comunidade educativa, diversos partidos políticos e mesmo a Comisión Europea, Wert acaba de rectificar e non aplicará a medida este ano. O que pase o curso seguinte é outro cantar…

Non é a miña intención entrar en análises económicas, sociais, nin demagóxicas, senón achegar a miña visión subxectiva sobre o que isto podería significar sobre todo a nivel cultural.  Unha opinión desde a miña perspectiva de antiga Erasmus.

Eu tiven a sorte de estudar un ano en Praga. Alí familiariceime con vellas e novas correntes do cinema da Europa do este. Pasei debaixo da fiestra desde a que se asomaba Mozart. Comprendín na Ponte de Carlos por que o Moldava inspirou a Smetana. Descubrín a narrativa hipertextual. Redescubrín a Kafka, namorei de Kundera. Tamén caín nas redes doutras cousas con K, coma o licor Becherovka con sabor a canela. Pero embebedarse non é o único que fan os Erasmus.  Viaxei, viaxei moito. Incluso sen moverme do sitio. Coñecín moitos mundos.

Unha das mellores experiencias que implica o Erasmus é a de coñecer, ademais de mundos, a tantas e tantas persoas de nacionalidades diversas, con culturas e xeitos de ver a vida tamén dispares. Coñecer, neste senso, supón aprender, entender e compartir diferenzas e similitudes. E reparar nas diferenzas respecto ó “outro” leva a atopar a propia identidade. Do mesmo modo, esta peregrinaxe pola diversidade cultural propiciou que moitos “Adrián Solovios” chegasen a apreciar o verdadeiro valor da cultura de seu. O camiño a Ítaca é longo.

Á volta, a maleta pesa moito máis que á chegada. Non só traemos connosco o dominio dun idioma e novas aptitudes académicas ou laborais. Tamén madurez, independencia, amplitude de miras, consciencia das culturas dese espazo que compartimos e habitamos. Incluso redes de amizade ou de contactos profesionais que traspasan as fronteiras e se alongan no tempo. O Erasmus é vivir o agromar de mundos novos dentro de cada un.

E, a modo de apéndice para o señor Wert, se non interesa a cultura como razón, empréguese o argumento do idioma: é impresión xeral e comprobada, unha vez no estranxeiro, que os españois teñen un dominio lingüístico (sobre todo do inglés) infinitamente menor ó do resto de europeos. Vivir fóra e mergullarse noutro idioma é máis frutífero que o método Vaughan ou os cursos de inglés. E se xa antes era importante, dada a situación que vivimos a cuestión dos idiomas volveuse mesmo vital.

En definitiva, hai mil razóns, de mil cores e formas. Todas, con tal de que todo o mundo poida ter a oportunidade de vivir unha experiencia coma esta. Todas, con tal de que o Erasmus non fique sendo “o que o Werto levou”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


7 + 9 =