medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

María Canosa: “É moi importante achegar a literatura de maneira lúdica aos pequenos”

Cando María Canosa publicou en 2012 Acuario (Edicións Embora), un libro de poemas infantís ilustrado por Dani Padrón onde se repasan peixes das nosas costas, seguramente non imaxinaba que a obra ía saltar do papel aos escenarios, como así ocorreu. Dende este outono e coa colaboración da xente da compañía Ghazafellos está percorrendo o país cun sinxelo pero sorprendente espectáculo onde se combina poesía, teatro e música. Os que dubiden do interese que pode espertar a poesía entre as crianzas só teñen que achegarse a algunha das 30 actuacións previstas. En Letra en Obras comprobamos hai pouco máis dunha semana o éxito da representación na vila de Ordes, onde máis de 130 persoas ateigaron o salón de actos da Casa da Cultura da localidade. Aquí vos deixamos o cuestionario que lle remitimos á autora e as súas respostas.

-Acabamos de vela hai uns días en Ordes e sorprendeunos tanto a cantidade de público asistente coma o interese que pode espertar a poesía combinada co teatro. Como valora estas primeiras funcións do espectáculo Acuario?

María Canosa

María Canosa

Valóroas de forma moi positiva. Cando me dixeron de facer un espectáculo teatral a partir do libro de poemas, xamais pensei que se puidera tirar tanto proveito del, facelo tan amable, agradable e próximo aos cativos. Eu nunca fixera de actriz, así que recoñezo que ao principio me resultou un pouco complicado enfrontarme ao escenario, e ao público tan esixente como o infantil, pero teño que recoñecer que o Teatro Ghazafelhos fai dos medos unha festa, e consideráronme coma unha máis do equipo dende o primeiro instante. Son unha xente estupenda.

Os aplausos ao final do espectáculo, e os sorrisos dos nenos, e tamén as gargalladas, ao longo de todo o tempo, resultan moi estimulantes. Ofrecen un sentimento positivo de cara a poesía para os máis pequenos.

– O libro Acuario viu a luz en 2012 da man de Embora Edicións. Como se xesta ese libro dedicado aos peixes e ata que punto influíu a súa vida a carón do mar (Cee e A Coruña)?

Non é o primeiro libro de poesía para nenos que escribo. Animeime a achegar este xénero aos máis pequenos porque cando eu era unha nena, non abundaban os libros de poemas. E así apareceu o primeiro, un libro que fala de moitas cousas, pero que, curiosamente, non falaba de ningún peixe. E como eu son unha apaixonada do mar e da ribeira, un día ocorréuseme a idea de facer unha colección de poesías sobre eles. O mar resúltame inspirador, e tranquilizador. Soségame a alma, aínda que lle teño moito respecto.

Non sei o motivo exacto, pero son de mar. Polo corpo córreme o sangue e a auga salgada a partes iguais. Vou á praia tanto en verán coma en inverno. Podo botar horas mirando as ondas, hipnotizada, que non me pasa o tempo. E reláxame. Como non escribir do mar? Se o boto de menos cando estou lonxe! Non son consciente do que me une ao mar ata que me descubro absorta mirándoo, camiñando pola area, ou ulindo o sal cos ollos pechados.

Supoño que o máis cómodo para min é escribir do que me rodea, porque o coñezo, e ao evitar o esforzo do ter que estudar sobre o descoñecido, reláxame e sáeme máis fluído. Falando con algún ilustrador, comentoume que a ver se o seguinte conto non falaba do mar… e decateime da cantidade de textos da miña autoría que xiran a redor del. Foi inconsciente! Mellor proba ca iso, non a atopo.

-Non lle chama a atención que nun país cunha tradición pesqueira tan arraigada coma o noso unha boa parte das crianzas apenas sexan quen de diferenciar catro ou cinco nomes diferentes de peixes?

Acuario conta coas ilustracións de Dani Padrón

Acuario conta coas ilustracións de Dani Padrón

Sorpréndeme relativamente. Moita xente emigrou das vilas de ribeira ás grandes cidades, e os nenos están afastados deses labores cotiáns da economía mariña. Mércase moita pescada en toros, e pouco peixe na lonxa. Así, é sinxelo que os nenos pensen que as luras son coma aros.

A moitos cativos agora incúlcanselle os coñecementos a través de medios audiovisuais (que son moi bos sabendo utilizalos) obviando a realidade máis próxima, o que pode ser prexudicial por perder ese contacto directo.

Por iso, é sinxelo non distinguir unha gamela dun barco petroleiro. Xa non vos digo unha faneca dunha meiga, ou un ollomol dun bacallau! Isto é máis evidente con peixes que normalmente se comen en anacos, polo que os nenos perden a visión do peixe real completamente.

Seguramente sexa produto das présas coas que vivimos, que non nos paramos a pensar, coñecer e ensinar as cousas básicas, e hai unha conexión co básico que se perde.

-Por un lado a industria editorial quéixase dunha forte caída de vendas nos últimos anos e polo outro vemos que os espectáculos que combinan literatura con música ou teatro (sobre todo os dirixidos ao mundo infantil) están a ter un forte éxito de público. Precisa a chamada literatura adulta de novos formatos para chegar a máis xente?

Considero que é máis importante achegar a literatura de maneira máis lúdica e atraínte aos pequenos, pois eles son os potenciais lectores, e nos que debemos inculcar o pracer pola lectura, pois na base é onde se cimenta o futuro. De aí a importancia de facer da literatura un xogo, un divertimento. O espírito crítico que lles ofrece o seren lectores descubrirano sen decatárense de que o están a utilizar a través da literatura, cando xa sexan lectores por si.

Os adultos, con ese espírito crítico xa formado, necesitan menos de novos formatos que os incentiven a ler, pero nunca están de máis. O que eu creo é que ao lector se lle debe dar un amplo abano de posibilidades que explorar, e non só no tocante ao formato. Para os adultos, eu optaría por ofrecerlles variedade nos contidos. Ás veces parece que só hai xéneros que funcionan dentro da literatura, pero non nos paramos a pensar que quizais é que son os únicos que se ofrecen. Non só se deberan ofrecer textos comerciais, eu apostaría por ampliar as temáticas, sempre que teñan unha calidade literaria axeitada.

-Díganos o nome de dez autores (tanto de aquí como de fóra) que figuren entre os seus favoritos?

O espectáculo poético-teatral percorrerá 30 localidades

O espectáculo poético-teatral percorrerá 30 localidades

Nunca me gustaron as listaxes. Nin os favoritismos. Non sabería dicirche a miña película preferida, o meu libro preferido, nin sequera a miña cor preferida! Depende do día! Eu guíome (e vivo) polos sentimentos, así que as cousas poden mudar moito en pouco tempo.

Con todo, comentarei unha listaxe de autores que me interesan, por distintos motivos. Como Acuario está orientado ao público infantil, os autores elixidos tamén serán escritores deste xénero: Concha Blanco, Roald Dahl, Antonio G.Teijeiro, Xabier P.DoCampo, Gianni Rodari, María Gripe, Charles Perrault, Xoán Babarro, Gloria Fuertes, Agustín Fernández Paz… e outros!

-E da literatura en galego actual que autores e autoras a están a sorprender máis?

Pedro Feijoo foi unha auténtica revolución, precisamente polo que comentaba antes. Un xénero novo que explotou no mercado literario cunha forza brutal. A súa primeira novela foi un éxito de vendas, e a xente pasou meses reclamándolle a seguinte! Iso é marabilloso! Unha voz nova, cun xeito de escribir diferente, con historias que antes non existían no noso mundo editorial. Unha aposta que foi un acerto tremendo.

E logo hai voces marabillosas que teñen selo persoal, moitas delas, compañeiros case de promoción. Sorpréndenme tanto as voces novas que xurdiron nos últimos tempos coma as voces xa consagradas que non deixan de renovarse. É unha mestura marabillosa.

 

Comentario a María Canosa: “É moi importante achegar a literatura de maneira lúdica aos pequenos”

  1. Pódese considerar a poesía española como contemporánea a partir da segunda metade do século XX , emancipada da literatura de posguerra . Ao redor do ano 1960 comezou a xurdir unha nova promoción nova de poetas e creadores cuxos cánones estilísticos diferenciábanse dos dos seus máis inmediatos predecesores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 8 = 13