medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Día das Letras, non esquezamos que imos perdendo

Un artigo de Ramón Vilar

R.Vilar

Hai pouco máis dun mes, Xabier Docampo escribía que profesores dun colexio exhibían un neno galegofalante coma se fose un fascinante exemplar de pita do monte. Esta é unha proba máis do estado comatoso do idioma nas cidades do país e nas súas áreas máis próximas, mais a batalla, non nos enganemos, xa se está comezando a perder en capitais de municipios de pouco máis de 10.000 habitantes. Comparemos os rapaces galegofalantes menores de nove anos que hai en Ordes, en Silleda, en Chantada ou en Verín cos de hai tres décadas.

Hai pouco estiven no parque da Torre de Celas de Peiro, quizais a parroquia máis rural de Culleredo, e non vin unha soa nena falando en galego, aínda que este fose o idioma da maioría dos pais e nais. Digámolo en voz ben alta: a situación é de tal emerxencia que se persistimos outros trinta anos nos mesmos erros o vindeiro neno que fale galego de xeito espontáneo vaino ter que buscar un equipo de National Geographic.

Estou farto de falar con parellas amigas que teñen fillos nas cidades e que ven con impotencia como só din unha palabra en galego se é por equivocación. Tamén coñezo moi de cerca o caso dunha nena de sete anos en Cambre que se nega a falar no idioma do país porque algún compañeiro da escola díxolle que “hablar gallego es muy fácil, sólo hay que saber ladrar: eu, eu, eu, eu”.

É certo que as causas deste proceso de destrución masiva e de persistencia de prexuízos son múltiples e moi complexas: que se os poderes políticos, que se o ensino, que se os medios de comunicación, que se as novas tecnoloxías, que se Peppa Pig, que se… a hostia en verso. Si, é certo, temos un idioma nunha posición subalterna, mallado a paus e que por riba é visto por moitos como unha inutilidade e por uns poucos (pero ben poderosos) como unha arma potencialmente subversiva. Moi ben, todos de acordo, e agora que? Aquí caben dúas solucións: cambiamos de estratexia e intentamos a remontada con corazón e cabeza ou seguimos pensando que o 7-0 é culpa exclusiva de que o campo tiña a herba moi alta para a nosa forma de xogar.

Dicía o novo presidente da RAG que o galego non é patrimonio dos nacionalistas. É rigorosamente certo, o nacionalismo esquece a miúdo que o futuro da lingua pasa por un gran pacto no que debe entrar unha gran maioría social. Pero Alonso Montero obvia algo ben máis grave: as outras tendencias políticas parecen agardar pola “morte morrida”, por acción ou por omisión. O galego é de quen o fale, de quen o estime e de quen considere que é unha riqueza potencial tan grande que non colle nin no cómputo do PIB.

Facemos congresos sobre as locucións adverbiais na documentación notarial medieval, celebramos Días das Letras coma se fosen cabodanos, convocamos manifestacións que saen dunha alameda e rematan nun cemiterio e chupamos pirolas e esfolamos lombos sen máis criterios que os puramente tribais. Pero quen lle axuda ás familias que intentan educar en galego? Como reforzamos o uso da lingua nas casas? Como os ensinamos a se defenderen da galegofobia? Con que material contamos? Non é primeiro o falar que o escribir?

Por suposto que hai moreas de cousas que se fixeron ben, moitas incluso titánicas, pero analicemos o percorrido destas últimas tres décadas, debatamos, mudemos estratexias e saiamos por unha vez unidos ao campo, poida que non haxa moitas máis finais. É hora de remontar, o demais son ganas de matarse a pallas mentres arden as palabras, e polo que estamos vendo, arden a velocidade vertixinosa.

Comentario a Día das Letras, non esquezamos que imos perdendo

  1. Touchè Ramón!

    Eu pido o lateral dereito! 😉

    A tumba aberta ;D

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 2 = 6