medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Os riscos de Juan Compañel ao publicar Cantares gallegos

Un artigo de Xurxo Martínez González

Este ano celebramos que hai 150 anos saía do obradoiro de Juan Compañel a obra cume da ecumene literaria galega: Cantares gallegos, da muller sinónimo e espello e mímese de Galiza, Rosalía.

Xurxo Martínez

O estabelecemento tipográfico, situado nalgún punto da rúa Real de Vigo (pois o lugar sinalado na actual placa non era realmente o que correspondía a 1863), convertérase na oficina de correos da cultura galega. Alí escribían os protagonistas do Rexurdimento, interesados polas páxinas dos xornais progresistas de La Oliva e El Miño (dirixidos polo propio Compañel) ou para propor algún proxecto de obra. Sabían que o impresor, editor e tipógrafo contaba coa simpatía pola “grande obra” do florecer da cultura e da patria galegas.

Manuel Murguía non foi un home ecuánime nos testemuños que nos deixou, como así ten demostrado Barreiro Fernández nesa magnífica e voluminosa biografía publicada en Galaxia o pasado ano. Murguía afirma, nas páxinas dedicadas a Rosalía en Los precursores (onde hai notábeis ausencias, coma Alejandro Chao ou o propio Compañel, pezas claves nos pasos iniciais no mundo cultural do matrimonio Castro-Murguía), que Juan Compañel non quería arriscar co poemario. Nós coidamos que si arriscou, e bastante. Sinalémolo en tres puntos:

  1. Arriscou ao publicar a obra dunha muller que asinaba co nome e apelidos, non con pseudónimo, como facían George Sand en Francia ou Fernán Caballero, a quen dedica a obra a poeta compostelá morta en Padrón (que non padronesa morta en Compostela).
  2. Arriscou ao publicar unha obra integramente en galego porque o mercado literario non demandaba este tipo de libros. Sabemos que Cantares, como a maioría das obras da época, era unha obra de subscrición. Pero non todos os que se comprometían logo cumprían coa palabra. Juan Compañel era consciente diso pero apostou pola súa amiga. E tivo éxito, abofé que o tivo! Foi a única obra de Rosalía que coñeceu unha segunda edición na curta vida da autora.
  3. Arriscou ao publicar unha obra cunha vontade transgresora e reivindicativa nese prólogo-manifesto de Cantares. O que Rosalía expresa nesas páxinas é a voz de boa parte da xeración protagonista do Rexurdimento. E Juan Compañel estaba identificado con eses valores. Alentábaos dende as páxinas da prensa, dende o prólogo d´El Álbum de El Miño ou na correspondencia que coñecemos del.

Velaí tres notas dos riscos editoriais do editor e impresor de Cantares. Dato, este, non menor, xa que na cuberta da obra Compañel quixo figurar con esas dúas facetas profesionais.

Neste ano de relectura da obra rosaliana deberiamos atender tamén ao estudo dos editores da súa produción publicada, sinaladamente Alejandro Chao e Manuel Soto Freire. De Compañel xa temos falado noutros lugares e aínda teremos ocasión de sinalar máis informacións sobre o home que sacou do prelo a estrela que guiou a fundación da literatura moderna.

3 comentarios a Os riscos de Juan Compañel ao publicar Cantares gallegos

  1. Home, non teño a man o que escribiu Murguía sobre o particular, pero, guiándose por ese “non quería arriscar”, digo eu que falta por saber a que se refire exactamente con iso, se a que editou Cantares gallegos con vontade de que fora outra cousa, ou ben a que, se ben ó cabo arriscou con eles, inicialmente non pretendía facelo.

  2. Xurxo Martínez González

    Exactamente Murguía dixo: “También detuvieron a la autora los límites impuestos por el editor, que no quería arriesgarse a más de lo posible, con un público al cual se daba por primera vez un volumen de versos en gallego”. Ben sabemos que non era o primeiro volume de versos en galego, e sabemos tamén o custe que tiña o papel, a edición etc. polo cal precisaría asegurar unha subscrición mínima. Compañel arriscou, coido, pero consciente do risco. É dicir, como produto “comercial” o libro non parecía convencelo pero si o convencía a repercusión que tiña para Galiza e a súa cultura.

  3. Cando se edita para suscritores (editoras coma Galaxia facíano ata hai 30 anos, máis ou menos, creo), hai que calibrar todo o que se poida. De tódolos xeitos, e aínda que non se sabe de certo (supoño) se o editor lle fixou límites, Compañel arriscou igual: poesía e en galego sempre é arriscado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


3 + 9 =