medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

A subxectividade da violencia

Un artigo de Albert Tortajada

Penso que coñezo o significado pero, por se esas, recorro ao dicionario.  Uso o da RAE por se en castelán ten diferentes acepcións que en galego ou non vaia ser que sexamos uns brutos de remate na miña aldea e vexamos as cousas dunha forma demasiado natural.  No uve atópase fácil o que busco:

Violencia:

    • f. Cualidad de violento: la violencia de la tempestad.
    • Acción de utilizar la fuerza y la intimidación para conseguir algo: se opusieron con violencia al desalojo.
    • Acción y resultado de violentarse: me produce violencia tener que pedírselo.
    • DER. Coacción: violencia en un contrato.

A primeira entrada obrígame a buscar unhas liñas máis adiante.

Violento:

    • adj.  Brusco, muy fuerte o intenso: un choque violento.
    • Que se sirve de la fuerza en lugar de la razón: una represión violenta.
    • Se dice del periodo en que suceden guerras y otros acontecimientos sangrientos.
    • Que se irrita con facilidad y tiende a insultar o atacar a otros: se pone muy violento cuando le contrarían.
    • Que está fuera de su estado o postura natural.
    • Comprometido, difícil, apurado: me resulta muy violento irme sin saludarla.

Esencialmente, era o que esperaba atopar.  De feito, esperaba unha entrada máis, digamos, violenta.  Da simple lectura da definición tampouco hai para espantarse nin considerala algo cun sentido estritamente negativo.  Todo depende da intensidade da forza.  E a intensidade, coma tantas outras cousas (venme á cabeza, non sei por que, a velocidade) é moi subxectiva.

Albert Tortajada

Todo isto vén pola queixa, hai uns días, de Esteban Gonzalez-Pons. O vicesecretario do PP considera violentas as manifestacións diante dos domicilios particulares dos deputados. “É violento para os seus familiares, di”. Pola cara que pon, mudando a súa habitual forzada mirada amable que tanto medo dá, está a empregar o termo “violencia” cunha carga negativa importante. Para él, está claro, as manifas esas non están ben porque lles ve una alta dose de violencia.

Outro colega seu de partido (o que está a gobernar neste país) Basagoiti, dende o País Vasco, un sitio onde de violencia da boa saben bastante, comparou a xente da plataforma “Stop Deshaucios” cos simpatizantes de ETA, nun siloxismo da seguinte construcción:

Stop Deshaucios maniféstase diante da casa de personalidades públicas.

Os simpatizantes de ETA manifestábanse diante da casa de personalidades públicas.

Polo tanto, Stop Deshaucios son coma os simpatizantes de ETA.

A construción de siloxismos perversos, coma a manipulación dos datos estatísticos en busca da conclusión que a un lle beneficia ou que quere inculcar na audiencia, require de algo de formación, habilidade mais enxeño.  As dúas primeiras poden adquirirse co tempo, pero a última ou a tes, ou non.  E Basagoiti carece das dúas últimas. De seguro que alguén xa lle recordou que a estratexia de chamar primos dos batasunos sen mirar moi ben a quen apuntas non é boa idea.  Aznar xa a empregou con Carod-Rovira para que Esquerra Republicana terminase acadando uns resultados históricos, no positivo.

Na mesma estruturación que fai Basagoiti, poderíamos construír o seguinte siloxismo, tamén inválido coma o do vasco, xa que das premisas non se obtén, necesariamente, a conclusión, so un bonito sofisma para facer demagoxia barata:

Franco, ditador fascista, promulgaba as leis mediante Decretos.

O PP está a promulgar as leis mediante Decretos.

Polo tanto, o PP é coma os ditadores fascista.

E todos sabemos que non é así, aínda que os feitos mais a construción do siloxismo puidera dar pé a que lle colase a conclusión a alguén que viva nas nosas antípodas e non estea moito no día a día de aquí. Estamos nunha democracia, lembrémosllo, e o PP ten o crédito da maioría absoluta que lle deran as urnas nas últimas eleccións.  Aínda que estean a facer todo o contrario do que prometeran, as urnas son así.

A Dolores de Cospedal parécelle “nazismo puro”.  Poderíamos repetir o siloxismo mais construír outro (tamén inválido) con nazis, xudíos  abandoados á súa sorte nos campos de concentración mais o que intentou facer o seu partido coas Urxencias na autonomía que goberna.  Pero a xente non é tan parva para que lle cole. Á maioría.

O de Sigfrid non ten nome, pero está claro que a o tipo violéntao a situación.  Xa ten mala sorte o pepé, entre tesoureiros desleais mais xente coma este, co que escollen ultimamente, para a súa plana maior.  Co bo exemplo que da Mariano sen abrir a boquiña para non dicir ni , baixo o principio de ¿Pa qué? ¿Pa cagarla?

Ben, consideraremos as manifestacións diante de domicilios particulares coma violentas, en virtude do respecto as opinións dos demais, aínda que non as compartamos. E coma case todo é medible mediante escalas do cero ao dez, darémoslle un oito, vendo o indignados que estaban todos eles con elas.  Boh! A Sigfrid darémoslle un nove, xa que estaba disposto a entrar a hostias.

Agora lles preguntaría a eles. ¿Coma consideran de violento, do cero ao dez, que te deixen sen fogar? Xa sei, moita xente endebedouse por enriba das súas posibilidades.  Tamén é certo que moitos foran ao banco a pedir vinte millos e saíron con trinta porque o director do banco os meteu na súa cartilla.  O que asina ten culpa, si, pero o que dá tamén ten a súa responsabilidade.

Cando ves que cos teus cartos, os de todos, saneamos as contas do mesmo banco que queda coa túa casa e aínda estás a deberlles… ¿Coma é iso, de violento? Cando neste pais hai un millón e medio de casas baleiras… ¿Coma é de violento que te boten a rúa?.  Non estamos a falar de que “che collo o barco porque o tes amarrado sen usar no porto”.  Estamos a falar do máis elemental para unha persoa: Un sito onde vivir, non dun luxo.  O argumento pernicioso de que “empezaremos cos pisos e terminaremos expropiando coches porque teño mais ca ti” xa empeza a rular, coma se isto fose o principio de unha revolución bolxevique.

Ben será que o consideren unha revolución, que camiño leva.  Desta maneira poderán botar a rúa os mil quinientos millóns (aceptando o prezo de saldo que lle marcan) que teñen en tanques Leopard hibernando en Zaragoza, un carro de combate estupendo para as extensas planicies centroeuropeas pero que son coma inútiles na xeografía española (excepto nas amplas avenidas das capitais, claro) e darlles unha utilidade (eu venderíaos para pagar a débeda, ocórreseme).  Ou  os cazas eurofighter que mercáramos para defendernos de non sei quen, cando o de que temos que defendernos é da gripe, das listas de espera, da precariedade laboral (o que tiña a sorte de gozar de precariedade) mais outra ducia de preocupacións máis, digamos, cotiáns, que a posibilidade dunha invasión. Con toda esa ferralla vendida a prezo de saldo, acabaríamos co déficit.  Ou con parte del.

Sigamos con situacións incómodas ¿Coma é de violento, do cero ao dez, que os mesmos que arranxaron as contas cos cartos de todos fixesen unha estafa masiva e aínda non haxa un só responsable encausado? Porque o das preferentes é iso, unha estafa masiva, un engano consentido.  Os xuíces están a condenar as entidades bancarias, pero dos arquitectos máis dos inxeñeiros da operación, coñecida e consentida polo Banco de España, non sabemos nada…

Non lle preguntarei a Cospedal (no me respondería, aforro saliva) como de violento puntuaría o feito de que haxa sete millóns de parados mentres ela cobra tres soldos, o presidente increméntase o seu na mesma proporción que o que din Bárcenas que cobraba nun sobre (o que podería darlle a pensar a unha mente retorcida que o único que fixo foi branquealo) mentres  o seu partido (que vai camiño de que un xuíz ditamine que vulnerou a lei de financiamento sistematicamente) anda a regular as horas extras para que a xente non poda facelas, tratando que deste xeito que as empresas contraten máis xente.

Nin como ten que ser, de violento, ser xornalista político e asistir ás roldas de prensa do presidente.  Eu andaría a buscar un novo traballo.  A este paso, o goberno vai enviar dvd´s coa comparecenza aos xornais e non van a facer falta que ninguén as cubra.

Marañón Bertran de Lis alude a dous principios que a democracia non pode deixar de lado: que o fin non xustifica os medios e non facerlle aos demais o que non desexamos que nos fagan a nos. ¿O fin non xustifica os medios? ¿Ah, non? Para chegar aos números de Bruxelas non están a facer “os sacrificios que faga falta”. Non me faga rir.

A min paréceme violento que un tribunal diga que porque un neno quere estudar en castelán toda a clase teña que mudar de idioma e, en cambio, non se lle permita a un deputado usar a súa no congreso e que o boten fóra.  E violéntame que, cando o orador non é do PP ou do PSEO, a maioría de señorías abandoen o pleno. ¿A que van ao Congreso? ¿A aplaudir mais a votar? Que manden a un coa delegación de voto de todos e aforramos viaxes, dietas e soldos, que a metade pasan a lexislatura sen aportar nada máis que iso, aplausos, apupos e votos.  Poderían facer coma o presidente, asistir vía telemática, ¿Para cando o skype no congreso?

Tamén me violenta a inutilidade (para nós, non para eles, claro) da monarquía.  Dígoo só para subliñar iso que estábamos a falar, a subxectividade da violencia.  Porque, xa o sei, son un “roxo” republicano separatista (de merda, coma tantas veces tiven que oír, o respecto non é para as ideas dos que non pensan coma eles).  Pero viólentame de oito esa inutilidade.  Pero aguántome, é o que escolleran entre todos os nosos pais.

Eu pediríalles a todos eles que se preguntasen porque a xente vai á casa dos deputados e a resposta é sinxela.  Porque as cousas non van coma teñen que ir e os que as teñen que arranxar non o fan. Xa desistimos das iniciativas lexislativas populares.  Sabemos por onde se pasan as súas señorías esa expresión democrática do pobo, a outra que non é ir a votar cada tanto.  Porque as 65 que foran propostas, dende que se instaurou esa posibilidade, foran directamente o arquivo, sen entrar nin a debatilas. Si esa era unha das nosas armas, cargárona con auga.  Por iso e porque non temos vinte micrófonos mais media ducia de cámaras de tele cada vez que falamos, por iso, é polo que imos á casa dos que teñen que arranxar as cousas.  Porque non están a facer aquelo polo que os elixiran.

Estando o patio coma está, que un político se queixe de que a xente se queixa é máis inmoral que Cristiano diga que está triste.  Ainda que o estea non o pode dicir públicamente, vendo coma vai o país. E a min violéntame.  De oito e medio. En nove empezan as hostias.

2 comentarios a A subxectividade da violencia

  1. Admirables verbas, sobre todo co difícil que é expresarse mais escribir nun estado de indignación do cen por cento.

  2. É unha forma de canaliza-la, penso. Un sustitutivo; a metadona das barricadas que non tardaremos a levantar. Os sustitutivos son iso, sustitutivos…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 6 = 8