medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Agostinha Neto e a literatura conceptual

Un texto de Samuel Solleiro

Gostaría de que quen lese as seguintes liñas tivese unha visión próxima a miña sobre o que é a arte conceptual: a grandes trazos, unha puta merda, a excepción dun par de cousas simpáticas de hai xa moitas –demasiadas– décadas. Ollo que nin con arte conceptual me refiro a toda a arte contemporánea nin o meu argumento toma en conta o que pintaría no seu lugar un meu suposto sobriño de dous anos. Máis ben ten a ver coa aceptación do triunfo do discurso sobre a forma e coa burbulla que a partir de aí se xera. De todos modos nin eu sei todo o que debería saber para

Samuel Solleiro

pronunciarme sobre estas cousas nin este é o lugar para facelo. O que si que me interesa é deixar a seguinte reflexión: no cinema experimental ou na música experimental, por exemplo, un pode, como ouvinte ou espectador, trazar a seguinte fronteira: se a obra explora texturas e orixina algún efecto de tipo sensorial nos meus ouvidos ou na miña vista, a obra non é conceptual, por difícil que poida ser. Se a obra depende exclusivamente da miña capacidade intelectual para interpretala, pode ser moi fácil pero é conceptual e, se se guían por min, a puta merda que dixen antes. Pero que pasa coa literatura? A literatura non é sensorial senón intelectual, de seu. É posíbel falar dunha literatura conceptual e doutra non conceptual? É máis conceptual Finnegan’s Wake que En tiempo de prodigios? Non teño unha resposta. O que si que teño é unha historia, que non vai resolver nada (ningunha historia o fai) pero pode dar que pensar. Pasa en Angola e é a historia de Agostinha Neto.

Si, Agostinha Neto (Luanda, 1979), así, con a, nacida  Maria dos Anjos Agostinha Giovana Rosalinda Nenongwe Tomé nunha familia máis ou menos acomodada consistente nunha nai e un pai con senllos traballos no Banco de Poupança e Crédito. Este dato pode que teña algunha relación coa súa estraña carreira literaria ou pode que non. En 2003, recén licenciada en teoría da literatura e coas brasas da guerra civil aínda a fumegar por Angola adiante, Maria dos Anjos realizou unha performance, que consistiu en escribir con esprai en varios muros do centro de Luanda versos de Agostinho Neto (o coñecido poeta, presidente e todas esas cousas) levemente modificados. Por exemplo, a Eu vivo / nos bairros escuros do mundo / sem luz nem vida, engadíalle un cuarto verso: nem ADSL; a Depois as doze horas de trabalho / escravo, engadíalle: duas horas de porno em internet, e así. E estes versos (que hai que recoñecer que pasaron, a nível de rúa, sen pena nin gloria, como calquera graffiti pouco inspirado) ían asinados, por primeira vez, como Agostinha Neto.

Agostinha Neto explicou, na presentación do blogue que abriu ao día seguinte, que a súa acción (titulada De[con]struir o velho para construir o novo) bebía da teoría queer e da psicanálise lacaniana e tamén que escollía ese nome porque Neto era un acrónimo dos seus dous apelidos e porque podía considerarse a reencarnación de Agostinho Neto xa que nacera o día da súa morte. Hoxe sabemos que non nacera ese día exactamente senón tres días despois, como se fosen precisos tres días de trámite para a reencarnación. Sabemos tamén que o proxecto de Agostinha ía un pouco alén e tiña como obxectivo provocar e tamén desbancar a Agostinho dos primeiros resultados nos buscadores de internet que non fan diferenzas por unha letra mal posta. O caso é que o país precisaba, logo dunha guerra tan longa, figuras culturais renovadas e modernas e ás empresas de telecomunicacións recén xurdidas tamén lles interesaba que a xente contratase os seus servizos. Por iso Neto xa aparecía nas capas de todas as revistas literarias e de tendencias de África occidental, con lentes de sol estrambóticas e o pelo rapado polos lados, cando o seu blogue non levaba máis de catro ou cinco entradas e unha importante porcentaxe dos cidadáns angolanos non tiña maneira humana de se conectar a internet. Nas entrevistas dicía que a súa obra estaba construída en base a unha desterritorialización do pensamento de raíz deleuziana e a como as forzas pulsionantes dos corpos se artellan coa diseminación do suxeito na obra de Artaud. Da noite para a mañá todo o mundo coñecía a Agostinha Neto, nas universidades de Luanda todas as rapazas raparon a cabeza polos lados e a xente en xeral fixo un importante esforzo para introducir na lingua de todos os días conceptos como “rizoma”, “différance” ou “biopolítica”. Cando Neto anunciou unha performance que se chamaba Chegam os elefantes había doce mil persoas na praza de Luanda na que Neto, cunha máscara de elefante, preparou e bebeu unha taza de chá e pronunciou a palabra “morfema” substituíndo as vogais por todas as combinatorias posíbeis de vogais, “marfama”, “marfame”, “marfeme” e así sucesivamente. Foi moi aplaudida e ao día seguinte explicou no blogue as reminiscencias fálicas de todo isto e como nunha relectura, sen dúbida, posmoderna, do concepto de “hipostase” de Plotino podía comezar a tramarse unha solución. Ao día seguinte nove varóns foron inscritos no rexisto civil co nome de Plotino.

En realidade a carreira de Agostinha Neto estaba a ser meteórica, acaso en exceso. Universidades de medio mundo convidárona a moitos congresos, nos que explicou a súa arte poética e reproduciu a performance Chegam os elefantes (por se a alguén lle interesar, tamén a convidaron á edición de 2005 do Festival da Poesía do Condado, pero pedía demasiado diñeiro e non puido ser). Ao seu regreso a Angola tomou varios meses de descanso para traballar na súa nova obra. Moita xente esperaba por fin un libro, pero deu en ser unha nova performance que celebrou diante do palacio presidencial na que sentaba nunha cadeira e comía unha banana, e que se titulaba Banana.

Banana tivo moito éxito, todo hai que dicilo, pero é certo que o feito de que Neto, neste momento unha das dez escritoras (incluídos os escritores) máis coñecidas do país, non tivese ningún libro publicado comezaba a estrañar a algúns sectores. A poeta Isabel Ferreira, nunha entrevista no Jornal de Angola, dixo que “nao é que todo o mundo tenha que ter livros, muitas pessoas nao têm, mas quando se é uma das dez escritoras mais conhecidas de Angola nao sobram um ou dois livros, com certeza”. O poeta António Gonçalves consignou con sarcasmo no seu blogue: “Eu quando comecei na escrita achava que tinha algo a ver com escrever, mas agora já vejo que nao era imprescindível”. Corría o ano 2007, o blogue de Agostinha Neto tiña unhas vinte e cinco entradas, aínda que bastante longas, e aínda fixo algunhas máis nas que viña a dicir que escribir era reaccionario e profundamente logocéntrico e que o futuro sería conceptual ou non sería. En 2008 sacou o seu primeiro libro. Titulábase Livro. Houbo colas en Luanda para compralo o día da saída. Livro deu en ser unha capa e unha contracapa que tiñan no medio un taco de papel macizo, sen división en páxinas nin texto de ningún tipo. A performance (porque unha performance era) foi moi celebrada ou, digamos, bastante celebrada: Livro costaba 3.000 cuanzas (uns 25/30 euros) e a algunhas persoas non lles fixo excesiva graza. Ese mesmo ano, Agostinha Neto deixou Angola para dar cursos de escrita creativa en Nova York. Nos cursos permanecía en silencio mentres os estudantes miraban o reloxo, un tanto nerviosos, e marmuraban entre eles. Aclaroulles, si, que podían consumir café durante os cursos. Aconteceu que os estudantes pagaran bastante diñeiro por eses cursos e foron protestarlle despois do curso. A vosa protesta é o poema, díxolles, parece ser, Agostinha. Así e todo non os convenceu completamente, e como no curso seguinte volveu facer o mesmo exactamente, case todos os estudantes abandonaron as aulas.

De regreso en Angola, Agostinha Neto anunciou que deixaba a literatura. Non o anunciou con vitimismo, nin con rencor, nin con ningún sentimento en especial: anunciouno simplemente, así. A decisión sorprendeu primeiro e despois o país afíxose, o blogue pechou, os buscadores de internet restituíron a Agostinho Neto nos primeiros postos e as cousas seguiron case como se ela nunca existise. Un coreano fixo unha performance que se titulaba Banana (바나나). Unha mexicana fixo outra que se chamaba Chegan os elefantes (Llegan los elefantes). Un ruso publicou un libro que se chamou Libro (книга). Soa case sórdido, pero din que Agostinha Neto casou cun militar, gañou algúns quilos e ten un aspecto bastante estándar. Algún nostálxico dos anos dous mil di que esa vida normal é con toda certeza un enorme novo poema que trazará o rizoma dunha nova era. Pero a ese nostálxico ninguén lle fai caso, cheira raro e cando pasea pola beira do mar ás veces tíranlle pedras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


7 + = 10