medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

O profesional, do Centro Dramático Galego

Un artigo de Carla Capeáns

– Autoría: Dusan Kovacevic

– Dirección e adaptación: Manuel Guede Oliva (a partires da tradución de Vladimir André Cejovic e Ann Renoue.

– Asistente de dirección: Inma Antonio Souto

– Elenco: Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel

– Escenografía: Arquitecto José Carvalho Araújo

– Deseño de iluminación: Juanjo Amado

Fálase da volta ao malos tempos no Centro Dramático Galego logo do retorno de Manuel Guede á dirección do mesmo. Neste comentario crítico non entrarei a analizar si volven ou non eses malos tempos dos que se está a falar, pois entendo, simplemente, que tampouco lle precederon tempos de gloria teatral (lembremos, por exemplo, o “Salomé” dirixido por Carlos Santiago con Blanca Cendán á cabeza do CDG).

Carla Capeáns

O Centro Dramático Galego, en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga estreou o día 5 de outubro no Salón Teatro de Compostela a súa última montaxe:  “O profesional” de Dusan Kovacevic baixo a dirección de Manuel Guede Oliva.

“A acción transcorre en Belgrado, no ano 1990, dez anos despois da morte do presidente Tito e pouco despois de que o Partido Comunista renunciase ao monopolio do poder, iniciando unha tímida apertura democrática. Teodor Teja Kraj (interpretado por Miguel Pernas) é un antigo disidente que, no novo contexto, pasa a ocupar un lugar de privilexio como director dunha poderosa editorial estatal que atravesa certas dificultades.”

O texto presenta certas dificultades dende un punto de vista técnico e interpretativo pois os personaxes describen e comunícanlle ao espectador cada unha das accións que, seguidamente, levarán a cabo. En ocasións isto afecta notablemente ao ritmo da peza pese a que en certos momentos produce o efecto contrario. Dependerá, sobre todo, do actor que nese momento leve o peso escénico. Atopo, ademais, unha gran diferenza interpretativa entre todo o elenco da peza.

Miguel Pernas (Teodor Teja Kraj) destaca nesta montaxe, pese ás dificultades interpretativas que entraña o propio texto, pola súa potencia vocal e o tratamento do cómico e o dramático. Manexa ben os tempos, o ritmo e os grados de tensión de cada unha das escenas. Pola contra, Luka Laban, o personaxe interpretado por Ernesto Chao, pese a ser un dos puntos clave da historia, parece non sentirse totalmente cómodo cando é el o que leva o peso da escena. O ritmo decae notablemente nas súas longas intervencións quizais debido ao escaso tratamento da curva melódica e á propia estrutura interna dos seus monólogos.

Rebeca Montero (Marta), presenta unha interpretación correcta, mais algo inferior ao que nos ten acostumados esta actriz. Un dos puntos discordantes deste espectáculo é o personaxe de Rodrigo Roel (o Tolo) que aparece en escena para emitir escasamente cinco parlamentos. E xorde, entón, unha pregunta entre o público: Un actor para cinco frases? É realmente transcendente para a historia a intervención desta personaxe? Sinceramente, creo que era totalmente prescindible.

O espazo escénico é realmente atractivo e acorde ao conxunto do espectáculo. Lémbrame moi ao lonxe, quizais polo uso da madeira, á escenografía empregada en “Calígula” dirixida por Manuel Guede no ano 2000. Hai, non obstante, dous elementos que, dende o meu punto de vista, non eran realmente necesarios ou que serían matizables. O primeiro é o chan de serradura sobre o que os personaxes camiñan con pouca naturalidade e certa incomodidade. O outro elemento é a fiestra con marco de madeira situado nun lateral da escena e que impide a visión global do espectáculo dende diferentes puntos do patio de butacas.

Son moitos os cambios de iluminación para separar, por así dicilo, unhas escenas de outras ou para resaltar, en ocasións, un concreto acontecemento. Pese a que, na miña opinión, eran excesivos, en certos momentos agradecíanse e axudaban a que o público retomara a atención logo dunha brusca caída de ritmo. Creo, ademais que a proxección de vídeo neste espectáculo rompe un chisco co carácter xeral da peza.

En definitiva, “O profesional” é un espectáculo complexo dende o punto de vista textual. Eu diría que é un espectáculo máis de texto que de acción, o que non axuda precisamente a un achegamento directo co espectador.

[*] Data da función sobre a que versa o comentario: 5 de outubro de 2012 (estrea)

© Carla Capeáns Pardo, 2012

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


5 + = 14