medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“Teño respecto polas novelas e non creo moito na posibilidade de escribilas rápido”

Samuel Solleiro

Seis anos despois de publicar o ata de agora o seu último libro, Dz ou o libro de esperma, Samuel Solleiro (Tui, 1982) volve ás librarías con Gran tiburón branco (Ed. Xerais). A nova e agardada proposta é un compendio de relatos que retellan na complexidade e permanente contradición dos seres humanos. Cunha traballada e resolutiva linguaxe narrativa e cun sutil humor que envolve aventuras e desventuras tan cotiáns como perturbadoras, Gran tiburón branco é sen dúbida unha das grandes propostas literarias deste ano.  Dende Le Mans (Francia) onde reside por cuestións de traballo, Solleiro resposta este breve cuestionario de Letra en Obras.

-Volves ás librarías cun libro de relatos. Pedíacho o corpo ou simplemente non están os tempos para novelas?

-O que pasa é que as novelas esixen unha constancia que eu non dou conseguido case nunca, por motivos diversos que dun modo ou doutro sempre se relacionan co emprego ou a súa ausencia. Entre os varios -demasiados- proxectos que teño en marcha hai novelas, pero este libro foi o primeiro que rematei. Teño moito respecto polas novelas e non creo moito na posibilidade de escribilas rápido. En todo caso non, non creo que ningunha circunstancia faga que este momento sexa pouco propicio para ese xénero en particular. É máis ben cousa miña.

–     Gran tiburón branco manda unha dentada dende o primeiro relato: unha muller fendida ao medio entre o amante e o marido, entre unha vida acomodada e rutinaria e os sobresaltos de encontros sexuais clandestinos…A busca (ausencia) do pracer é unha constante en boa parte do libro… 

Nunca o pensara. Pode ser. Os personaxes en realidade encontran pracer por momentos, eu diría que todos eles, tamén esa muller. O que non encontran (porque non existe) é unha situación definitivamente harmónica na que o pracer estea aí para nunca marchar. O pracer é efémero e iso frústraos. Outro personaxe sobe un monte en bicicleta, cansa a medio camiño e cando o seu amigo lle di que pense en cando estea arriba, con todas esas vistas fantásticas e tal, el angústiase porque di que se se proxecta no futuro vai ter que pensar na morte, porque total o futuro último é a morte. É un caso extremo desa frustración, pero si, pode que todos os personaxes, diferentes como son, anden nesa órbita.

–     Detrás de cada relato hai un traballo moi minucioso e logrado na busca dunha voz diferenciada para cada narración. É isto un dos estandartes do libro?

Pretende selo, si. Os narradores escriben/falan/pensan nun estilo que verosimilmente corresponde con quen eles son. Tampouco é nada que non leve facéndose case un século, pero creo que segue a ser unha forma honesta de escribir.

–     Samuel, dende Francia vese moi diferente a literatura e a cultura galega?

En teoría vivir no estranxeiro, polo menos en lugares onde non hai un gran continxente de colegas de lingua e de profesión, suponse que crea unha raza de escritores raros, tal vez menos gregarios e corporativistas, con referentes distintos da maioría e unha visión algo máis fría das cousas. Aí atrás estiven moi interesado en Gombrowicz e na clase de escritor polaco que construíu no seu exilio en Arxentina. Dito isto, no meu caso os lazos co país son bastantes, para ben ou para mal, e se algún diminuto resto podo ter do que dixen arriba, xa o traería de antes por chamar a atención. Xa non se emigra como antes. A inexistencia de internet ao longo de case todo o século XX foi a que fixo posíbel que existise Gombrowicz, entre outros.

–     Semella que nos últimos anos a literatura galega foi perdendo espazo na sociedade: menos vendas, menos espazo nos medios tradicionais… Reiventarse ou morrer?

Sería prepotente responder isto como quen ten unha solución que ofrecer. Non a teño e desde hai un tempo prefiro non botar a lingua a pacer con estas cousas. En todo caso non se me ocorren demasiados casos no que a máxima “reinventarse ou morrer” funcionase mal.

–     Dende hai uns meses colaboras con Letra cuns sorprendentes “artigos-relatos” sobre escritores africanos. Literatura e colonias (ou Feliz coma un watusi),  hai aí un libro de ficción en potencia?

Non é a intención primeira. Pode non ser unha mala idea, pero parece que só verbalizalo xa fai que pareza menos viábel, non sei por que. Este mes, por de pronto, xa vou con retraso na entrega.

2 comentarios a “Teño respecto polas novelas e non creo moito na posibilidade de escribilas rápido”

  1. Parabéns polo libro, do mellor que teño lido en galego nos últimos tempos. Se teño que quedar cun relato pois que sexa co do veciño xudeu. Francamente soberbio

  2. Pingback: Samuel Solleiro: “Teño respecto polas novelas e non creo moito na posibilidade de escribilas rápido” | ::Axenda cultural AELG::

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


8 + = 12