medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“Non escribín un libro de poemas, empreguei a poesía para contar un amor podre”

Xurxo Chapela

En 1999 Xurxo Chapela estreábase literariamente cunha novela da que renega: Con Aroa, o último verán (Ed. Sotelo Blanco). Logo veu un silencio creativo que durou nada menos que trece anos. A finais do pasado mes de agosto, coa sixilosidade e modestia do propio autor, chegaba ás librarías o poemario Primavera de navallas. Un fascinante tratado sobre o amor que corta, enferma e podrece canda a vida mesma.

A saída á luz destes versos foi posible grazas á teima dun atípico empresario carballés, Xabier Graña, que non dubidou en practicar o mecenado creando un pequenísimo selo editorial (Quequeres Edicións). A obra comparte espazo no mesmo libro cunha peza teatral: Solpor en Waterloo, de Xosé Manuel García. Chapela contestounos a este cuestionario que lle fixemos chegar por escrito.

– Dende hai escasos dous meses tes nas librarías Primavera de navallas. Como poderiamos definilo: como un libro de poemas primaverais aos que lle mete sen piedade a navalla de barbeiro?

-Quero pensar que algúns versos de primavera de navallas foron á moa e, como te despistes, cortan. Polo demais, malia o título, o poemario é de entretempo.

– No seu libro o desamor anda polas rúas e moitos versos son tan cotiáns como perturbadores. É Primavera de navallas en certo xeito un imposibel axuste de contas coa propia vida?

-Xa o teño dito: primavera de navallas é un feixe de versos contra a vida e contra o amor, anque non está baseado en feitos reais.  Por citarme, non convén esquecer que fóra axexa a amenaza dun novo día.

– Xurxo, en 1999 publicaches a novela “Con Aroa o último verán” (Sotelo Blanco) que ti cualificaches como un “xoguete cómico que non lle fixo gracia a ninguén”. Antes deste brillante monllo de poemas nada menos que trece anos de silencio…Non semellas ter demasiada preocupación por publicar?

-Cometín o erro de publicar Con Aroa o último verán ás presas e sen coller a distancia necesaria para recoñecer que era un textiño de aprendizaxe que nunca debeu saír do caixón do disco duro, así que con primavera fun máis amodo.  E se Xabier (Graña), o editor, non tolea e se embarca en QueQueres, o libro é moi probable que morrese no meu ordenador.

-Primavera de navallas comparte espazo físico con Solpor en Waterloo, unha peza teatral de Xosé Manuel García. O libro inaugura o traballo dunha pequenísima editorial carballesa (Quequeres Edicións). Publicar poesía é unha ousadía ou unha extravagancia?

-Se llo preguntas a Xabier, é mesmo medio comenencia: que casasen, en brevidade, dous textos editados enfrontados. Se mo preguntas a min, é anecdótico: non escribín un libro de poemas, senón que empreguei a poesía para contar un amor podre porque era o que entón me daba máis xeito.
– Se entramos no escritorio de Xurxo Chapela atopariamos traballos literarios inéditos ou simplemente roupa interior e algún paquete de tabaco?

-Agora mesmo teño máis calzóns que obra por unha razón sinxela (que ten que ver tamén co tempo entre Aroa primavera): hai un par de anos contestei afirmativamente á pregunta “¿Está seguro de que desea eliminar esta carpeta de forma permanente?” Salvei primavera de navallas, un par de contos e media novela que non pasou a última peneira.

– Xurxo, marchas deportado para as illas Sisargas seis meses, que cinco libros levarías contigo?

-Rayuela (Cortázar), El gran momento de Mary Tribune (García Hortelano), Corrección (Bernhard),  Cielos e inviernos (Irigoyen) e Breviario de podremia (Cioran). Aínda que se é para os vindeiros seis meses: Calquera outro día (Dennis Lehane) e El holocausto español (Paul Preston), que son os que ando a ler; e En-Nadar-dous-paxaros (Flann O’Brien), Los ríos profundos (José María Argüelles) e Galápagos (Kurt Vonnegut), os outros tres que están primeiro á cola.

2 comentarios a “Non escribín un libro de poemas, empreguei a poesía para contar un amor podre”

  1. Pois agradécese que haxa xente que non priorice publicar a toda costa. O primeiro é estar satisfeito co propio traballo. Non hai máis que ver algúns autores que con vinte e poucos anos xa levan 3 ou 4 libros, e logo pasa o que pasa en moitos casos.

  2. Pingback: Xurxo Chapela: “Non escribín un libro de poemas, empreguei a poesía para contar un amor podre” | ::Axenda cultural AELG::

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


1 + 2 =