medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Vilariño: un andar ergueito, un falar forte

Vilariño de Conso

Na comarca de Viana, no corazón mesmo do Invernadoiro, entre regatos e montañas, sobrevive, á marxe do acontecer oficial, Vilariño de Conso. Non suma máis de 670 veciños, moitos maiores. A oferta cultural vilariñesa non é moi ampla; tampouco a promesa de traballo. Aforro dicir que non quedan alí moitos nenos: os pais van traballar fóra, a Viana ou a Ourense, e procuran o futuro que achan mellor para os seus pequenos lonxe do acubillo rural.

Os veciños son as perfectas vítimas dos recortes progresivos que ditan os gobernos: os vellos quedan sen atención, os pequenos sen escola. Por orde da Xunta de Galiza, Vilariño tería que ficar para o próximo curso sen colexio. Chámanlle “reagrupamento escolar” e deixa sen aulas a todos aqueles centros que non sumen 18 nenos. Mais, non será tal grazas ao afouto traballo dunhas rexas mulleres das que hoxe quero falar.

Son Manoli González e Luisa Alonso. Liberadas de servidumes políticas, á marxe de entramado institucional algún, lideraron una iniciativa que xa tivo os seus froitos: o de levar rapaces a vivir a Vilariño. Primeiro listaron as vivendas que ficaban baleiras mais que poderían ser habitadas, despois trataron cos seus propietarios, algúns cedéronas de balde, outros cun baixo aluguer. E chamaron os medios: prensa, radio, televisión, internet… xa estaba todo fiado.

As chamadas non se fixeron agardar e o teléfono de Manoli non parou de soar nunha semana. Atenderon até un cento de interesados: moitos atraídos polo aluguer rebaixado, a vivenda sen custe… algúns procurando traballo, cousa de difícil amaño agora mesmo na comarca. Mesmo do Brasil, unha muller preguntou polo incomparábel entorno natural e xa decidiu ir vivir ao carón do Invernadoiro.

Foi o xermolo dunha mudanza que xa se sente en Vilariño. Xa hai nenos para a escola, mais tamén haberá novos habitantes para o concello. Un grupo de arquitectos ofreceu axuda para a rehabilitación de vivendas, o obxectivo é que construtores ofrezan tamén os excedentes de obras… e, man a man, os veciños son exemplo de que a resistencia é posíbel.

Cóntovos esta historia porque a min me emocionou. E porque rodeados como estamos de amigos que asumen o papel dun actualizado Fuco Buxán, malia non sermos fillos da fame nin vivirmos de prestado traballando de sol a sol, Manoli e Luisa son o exemplo vivo de que se poden facer cousas. De que nas nosas mans está mudar, cando menos, unha parte daquilo que non nos gusta. De que, coma elas, podemos asumir un andar ergueito e un falar forte.

Pica aquí para saber máis de Isabel García Couso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


5 + = 7