medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Un galego en Chopin

Un artigo de Xurxo Martínez González

Xurxo Martínez

Basta nomear a Chopin para que calquera persoa o relacione co piano e, máis de xeito preciso, cos nocturnos. Non é que fosen unha innovación do compositor polaco pero si foi quen os elevou á categoría de xénero eterno. O iniciador, din os especialistas, foi o irlandés John Field.

A súa tumba, no camposanto de Père-Lachaise (París), é das máis visitadas e floreadas das que coñezamos. Milleiros de románticos e seareiros da súa música acoden a renderlle tributo. Cantos festivais de piano levan o seu nome! Cantos rapaces aprenden o seu “Vals do minuto” como un dos primeiros exercicios de aprendizaxe! Cantas musiquiñas de espera nas centralistas de teléfonos! Cantas escenas de televisión levan de banda sonora algunha das súas composicións! Vénme ao maxín a escena d´O pianista, xa contra o final, cando o xeneral nazi lle pide ao protagonista que toque unha peza. Esa peza é a Balada nº 1 de Chopin que soa con tanta intensidade.

Paréceme indiscutíbel que estamos perante un dos meirandes pianistas da historia, sen restar méritos a ningún outro. É o pianista por excelencia do romanticismo. A súa propia vida é toda unha novela decimonónica. Porén, sabedes quen foi un dos coñecedores máis profundo tanto da vida como da obra musical deste polaco? Un galego.

O seu nome é Xesús Bal y Gay, nado en Lugo, educado en Madrid no Instituto de Libre Ensinanza e ocupante dun cuarto na famosa Residencia de Estudantes. Converteuse axiña nun musicólogo de prestixio na España democrática, isto é, na republicana.

Porén non foi un desleigado que marcha á metrópole despedíndose da terra con ademán de esquecela. Bal y Gay foi colaborador do Seminario de Estudos Galegos e de xornais como El Pueblo Gallego. Na cidade das murallas trabou amizade con intelectuais galegos como Luís Pimentel e participou en empresas culturais como as revistas Yunque e Ronsel. O propio Xesús Bal compuxo (das poucas composicións que temos del) “Seis pezas para canto e piano encol de verbas de Amado Carballo” (1930). Si, título en galego que non vos é tradución miña.

A España feixista non podía aturar un home da intelixencia e educación de Bal y Gay e tivo que acollerse ás mans abertas do presidente Cárdenas para entrar en México. Alí viviu moitos anos e alí foi onde elaborou unha obra mestra para todo seguidor e investigador da obra chopiniá.

Se a algúns lles contaramos que Bal y Gay analizou a música tradicional galega (velaí a súa pegada con “Hacia el ballet gallego” ou o “Cancionero gallego”) e puxo moita atención neles, dirían que é un “provinciano” que non cruzou o Padornelo. Se lles contaramos que é o autor do mellor estudo sobre Chopin, dirían que é un home de referencia universal e de merecidísimo respecto. Diferenzas que nacen dos prexuízos de quen teme as raíces. Paifocos de pouca monta que se cadra nin lembra o fervor nacionalista de varias pezas de Chopin compostas tras a ocupación de Polonia (citemos o chamado “Estudo revolucionario”).

Mais se afirmamos que Bal y Gay realizou ambas tarefas e soubo agarrar as mans de Chopin tendo os pés na chaira de Lugo, debe ser motivo de fachenda, agradecemento e rendida homenaxe. En 1959 saíu da editorial Fondo de Cultura Económica (editorial mexicana fundada por exiliados republicanos) o citado traballo titulado Chopin. Coñeceu varias reedicións (nós temos a quinta, correspondente ao ano 1993).

Así, cando escoitemos algún deses nocturnos ou vals ou mazurcas ou baladas ou polonesas de Chopin, saibamos que un galego é deica hoxe un dos máximos especialistas. E dende esta estremeira occidental, sintámonos entón universais.

7 comentarios a Un galego en Chopin

  1. Xenial. Para min é todo un descubrimento o sr. Bal y Gay.
    Grazas por compartir esta información.

  2. Sempre me gustou Chopin. Cando era pequena, mentres estudaba música, fun a Valldemossa e alí o compositor pasara parte da súa vida recén diagosticado de tuberculose. Foi un tempo acompañado pola súa compañeira George Sand, unha escritora feminista cun estilo de vida pouco convencional. Emocionoume estar aló daquela.

    De Bal y Gay teño o excelente cancioneiro, mais non sabía sobre os seus estudos acerca de Chopin.

    Xurxo, sempre ilustrándonos… Parabéns polo artigo.

    • Xa saberás, Bidueira, a polémica (xa resolta) sobre a estancia de Chopin e George Sand en Mallorca. Sand publicou un libro onde recolle as impresións daquel tempo na illa, por se che resutla de interese.

      Por outra parte, foi alí onde Chopin compuxo o preludio op. 28, nº15, coñecido como Raindrop.

      Obrigado polos comentarios. apertas

      Xurxo

  3. Pingback: Un galego en Chopin | O marmurio das ondas

  4. Ola Xurxo. Sempre é un pracer lerte, no meu caso a través de O marmurio das ondas, unha das bitácoras que sigo con maior interese, pois sempre atopo nela un anaco de cultura e saber que me resulta de moito proveito. A túa escrita, para min, é tranquilizadora, porque nela presinto o bo facer de xente anónima que enriquece o mundo.
    A partir de agora, cando escoite a Chopin, lembrarei a Bal y Gay.
    Parabéns polos teus artigos.

    • Es moi amábel, Luís. A verdade é que ultimamente teño algo parado “O marmurio das ondas” por mor da redacción da tese. Pero volverei a ela. Se resulta moi tranquilizadora a miña escrita, se cadra se debe á influencia dos nocturnos de Chopin. Quen sabe!
      Apertas, Xurxo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


6 + 5 =