medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Ética, estética e política : a Galicia emerxente

¿Porqué o affaire lingüístico, en Galicia, destila toneladas de enerxía, quer positiva, quer negativa?. Se aplico unha mirada sociolóxica con tino e mesura, non me queda máis remedio que concluir que unha comunidade humana desposuída de instancias formais de auto-representación política eficientes ten que vivir, necesariamente, a súa identidade –e entendo o concepto de identidade nun senso secular, poliédrico e dinámico, sen retóricas esencialistas nin confesionais- dun xeito profundamente doloroso e problemático, e ademais, proxectado só na intimidade familiar ou persoal. Todas as cuestions relativas á identidade son moi delicadas, e son delicadas porque fan referencia a sentimentos cunha fonda relevancia no comportamento, non só individual e privado, senon tamén colectivo e público. Son delicadas, tamén, porque son cuestions de lóxica borrosa que a literatura resolve dun modo moito máis imaxinativo que as instancias de poder político, que sempre adoitan a instrumentalizar as alteridades linguísticas e culturais para producir odios recíprocos.

Diego Taboada

Diego Taboada

Só a doxa ultra-liberal dominante, inzada de positivismo xurídico –¡A “lex” é a “lex” e non pode discutirse!– e utilitarismo economicista –¡Bussines is bussines, and the rest doesn’t matter!-, pode defender a existencia de suxeitos abstractos sen ningún tipo de vínculo coa súa memoria intrahistórica, persoal, mais tamén colectiva, pública. Sen ningún tipo de sensibilidade axiolóxica dende a que facer valoracions ético-morais. Sen ningún tipo de vínculo coa terra que lle fornece de auga e alimentos. Sen ningún tipo de vínculo coa lingua/s , herdada/s ou adquirida/s, que configuran a arquitecura mental do seu pensamento… e sen ningún tipo de vínculo coa cultura/s ou subcultura/s, herdada/s ou adquirida/s, que o fornecen dun imaxinario interpretativo e de ferramentas prácticas para poder construir a autonomía do seu corpo e conciencia en tódolos eidos da vida social.

Este senso común ultra-liberal é a partícula elemental da mentalidade colonial que se expandiu a escala planetaria ao mesmo tempo que se expandiu o grande mercado e manifestase de xeito necesariamente diferente noutos contextos político-culturais e xeográficos; con todo, por moita igualdade de dereitos que reclamemos ao obsoleto poder político-económico constituído dos grandes estados-nación, hai que ter moito coidado con non confundir a aspiración ético-política ideal da igualdade perante a lei que inspira ao constitucionalismo liberal coa existencia empírica e real da desigualdade de condicions socio-económicas da que parten os suxeitos e colectivos exclúídos polo omnímodo falo da man invisíbel do mercado e, tamén, por suposto, da razón de estado. Desigualdade de condicions que, ao mesmo tempo, levan implícitas, tamén, a dominación etno-racial, de xénero, lingüística, cultural e sexual pertinente. Neste enfoque temos moitísimo que aprender de Nancy Fraser, que recentemente escribiu un lucidísimo artigo en Le monde Diplomatique no que explicaba perfectamente porqué o valor da igualdade ten que partir do recoñecemento empírico dunha sociedade estratificada por clases, mais, tamén, do recoñecemento de que nesa complexa estratificación social e económica existen, ao mesmo tempo, coma nun xogo de bonecas rusas, estructuras de dominación e subalternidade que se suman á dominación de clase e que fan referencia á dimensión etno-racial, de xénero, cultural, lingüística e sexual da mesma, cos seus discursos simbólicos e as súas estructuras socio-económicas pertinentes. Estructuras e discursos que cumprirían ser deconstruídos para visibilizalos, impedir a súa cousificación e poder reconstruir de novo, a efectos prácticos, o seu empoderamento político.

 
Estes feitos empíricos, a min, persoalmente, obríganme a concluir que o recoñecemento da diferencia non pode quedarse só niso, no recoñecemento simbólico-identitario auto-satisfeito da súa diferencia ou na mera política procedimental que se contenta coa positive action a prol de grupos sociais excluídos, mais que deixan intactas as mesmas estructuras de dominación. Rotundamente non, ese non é o horizonte acaído. Persoalmente, considero que a visualización das estructuras e os discursos de dominación de clase, xénero, etno-racial, lingüística, cultural e sexual teñen que ser un instrumento de empoderamento das diferencias rebeldes para, precisamente, reconstruir a episteme e o fundamento ético dun universalismo que trascenda as exclusions históricas do universalismo decimonónico e euro-céntrico que herdaron as nosas xeracions. Ese falso universalismo que segue a ser a falsa conciencia e o gran no cu de certa modernidade cosmopolita que pensa que con ler catro liñas de Kant e dúas de John Stuart Mill xa ten todo feito.

Mais, ¿porqué dou tantas voltas en espiral para contestar á pregunta que da comezo a este artigo?. Moi sinxelo : porque o pensamento complexo e circular é o pensamento acaído para respondela. Vaiamos, pois, ao gran : O galego é o único instrumento real, tanxible e, sobor de todo, común, que os galegos de pedigrí, ou mestizos, ou recén chegados a Galicia, os galegos de aquí e acolá, por filiación ou afiliación, temos para levar a cabo un efecto chamada e apelar á solidaridade civil en tempos de escuridade totalitaria –como os actuáis-, e por iso os ataques xurídicos, políticos e ideolóxicos que tratan de confinala nun guetto son constantes, sistemáticos e intencionados. Este feito, por suposto, condiciona moitísimo o comportamento e a actitude dos creadores que escollen o galego libremente como instrumento expresivo. A nosa lingua podería ser o chinés, sí. Podería ser o Francés, sí. Podería ser o sueco ou o Alemán. Podería ser o castelán, por suposto, mais imaxínense vostedes o esperpento nacional e internacional que poderiamos escenificar por aí adiante se lle intentamos explicar a un Noruego ou a un arxelino, por exemplo, que para facer un pronunciamento colectivo e público na praza do obradoiro en resposta á eliminación progresiva de dereitos cidadans fundamentais hai quen ten medo a facelo en galego por medo a ser xulgado despectivamente por quenes consideran tal xeito de proceder coma excluínte, e que ademais dispoñen de todo un tecido social, político e mediático para convencer á sociedade civil española, europea e internacional de tal barbaridade, convertindo unha situación de exclusión e marxinalidade nunha vontade de asimilación totalitaria. O mundo ao revés.

 
Con todo, fagamos autocrítica e situémonos : a industrialización da cultura, inserida no modelo das sacrosantas industrias culturais, xestionadas con criterios puramente economicistas, así como a profesionalización e mediatización da política, que renunciu a todo horizonte emancipatorio en pro dunha auto-regulación técnica da conflictividade social, está a converter a discursividade cultural e política de Galicia nun auténtico show-business no que o que prima, ante todo, é vender a marca-identidade Galicia cara o exterior. Mais este país-marca é un espello deformado desta cidade xardín que é Galicia, e como tódalas marcas, o que fan é apostar polo seu valor de cambio no mercado e non polo verdadeiro valor de uso que ten a cultura en tódalas súas expresions humanas, a saber : a ampliación do goce estético e a conciencia crítica, independentemente da lingua e o contexto cultural/nacional no que o mercado queira etiquetar as propostas estéticas.

Entre a concepción da lingua e da cultura como marca e a concepción da lingua e da cultura coma goce estético, instrumento de ampliación da conciencia crítica e empoderamento social, existe a mesma distancia mental que existe entre o progresismo estéril e a honestidade ética, estética e política. Son xeitos de entender a relación cunha lingua e unha cultura de seu totalmente irreconciliables. Ademais, para divertirnos e vender un país-marca xa temos os circos italianos que percorren día a día as estradas de Galicia, España e Europa, e para vender un país-marca xa temos os departamentos de administración e marketing. Eu, persoalmente, anceio a voz de conciencias libres e singulares que non me miren por riba do ombreiro. A voz de persoas libres, iguais e diferentes.

Desque teño uso de razón, e dende que vivo neste país, a feble e complexa situación da creación cultural en galego obrigou sempre aos escritores e creadores a centrar tamén as súas enerxías na reivindicación política a prol da conservación dunha identidade colectiva perpetuamente negada e estigmatizada. A día de hoxe, é evidente que non se pode crear e pensar en galego sen ter que bater coa maquinaria do odio dese pseudo- hispanismo e dese pseudo- Europeísmo cuxos soños da –súa- razón conciben unha sociedade de suxeitos mecánicos, igualados polo baixo en canto ás súas capacidades, homoxeneiados en canto ás súas diferencias e considerados como mera álxebra contable pola lóxica empresarial da globalización.

 
Mais non penso caer no auto-engano : eu sei que a identidade de Galicia é un riquísimo mosaico de voces singulares e anónimas aínda por emerxer, non unha marca. Son voces que non queren ser céntricas nin periféricas, queren SER. As liberdades políticas fundamentais da sociedade civil galega, como as liberdades políticas fundamentais da global civil society, exprésanse tamén nun riquísimo mosaico de voces singulares e anónimas aínda por emerxer. Tampouco queren ser céntricas nin periféricas, queren SER. E a literatura e a lingua realmente existente en Galicia nas –respetables, por suposto- editoriais realmente existentes en Galicia, non son o espello, en absoluto, do rico, singular e anónimo mosaico de voces aínda por emerxer.

 Se queren coñecelas, voulles amosando unha porta. Vostedes deciden se queren abrila e mirar o que hai dentro : a porta chámase “A porta verde do séptimo andar”. Atrévanse a explorar, porque é tempo de coser a ética, a estética e a política e de saber cara onde demos queremos ir camiñando e quenes vimos sendo alén da linaxe familiar e a xeografía que nos viu nacer por azar.
 
Toma 1, comeza o filme. !Clak!.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


7 + = 16