medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Caneiro e Jaureguízar no Monte Faro

Un artigo de José Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Nos felices e inflacionarios primeiros anos do euro, o senlleiro filólogo Fernando Pío de Ana e máis eu tiñamos unha asociación cultural para nós sos. Chamábase Foro Cultural Pai Arnego. Segundo tiveramos o día, un facía de presidente e o outro de secretario; e moitos días, eramos os dous presidentes ou secretarios os dous. Non podo aseguralo, pero penso que nunca se nos pasou pola cabeza facer mais socios. Pai Arnego eramos nolos dous: todo polo pobo pero sen o pobo. Ou tiñamos un toque absolutista ou algún antepasado de Bilbao. Se cadra, só era medo atávico ás multitudes. No fondo, creamos Pai Arnego como unha escusa para coñecer persoalmente a persoeiros da política e da cultura, polos que sentiamos respecto e admiración, ós que invitabamos a unha prédica pública de balde, e de seguido, a unha soirée privée a gastos pagos. Así pasaron por Lalín Xosé Luis Barreiro, Carlos Mella, Pablo González Mariñas, Xavier Alcalá, Riveiro Coello, Xosé Carlos Caneiro, Santiago Jaureguízar, Xabier Quiroga… Lembro que non conseguimos que viñera o arousán Manuel Seixas, e mira que lle porfiamos.

Por aqueles mesmos días foi cando se fixo público o enfrontamento, real ou suposto, entre Caneiro e Jaureguízar. Axexando na Rede, fun dar a unha páxina onde Caneiro e mailos seus seareiros rifaban a dentadas con Jaureguízar e mailos seus. Non lembro o nome da páxina nin quen deu a primeira patada, so que facían continua referencia a un traballo do amigo Xosé Manuel Eyré no que gababa as excelencias da novela de Caneiro, Ébora. Ían xa polos douscentos comentarios, en contra e a favor, e a cousa semellaba non ter fin. Había neles tanta xenreira partidaria e tanto odio visceral que mesmo daba arrepío seguir diante da pantalla do ordenador, non fora o demo que unha bala perdida rebotara nalgunha letra e viñera baterme nos fociños. Esa noite boteina toda soñando cos espantallos de Caneiro e co Jaureguízar.

Aproveitando o enfrontamento público e manifesto entre Xosé Carlos e Santiago, Pai Arnego organizou unha pelexa a morte no cume do Monte Faro, na camposa que arrodea a capela da Virxe. Fernando Pío ofreceuse gustoso a ser o padriño do lugués; eu, tamén de bo grado, sería o padriño do de Monterrei. Oficiaría de xuíz do combate o limiao Riveiro Coello, home afoutado e afeito a ver sangue alleo correr sen pestanexar. Xa dende que demos a coñecer o evento, La Región púxose claramente a favor do de Verín, e outro tanto fixo El Progreso co seu paisano e colaborador. Faro de Vigo tardou en amosar as cartas, pero cando o fixo non reparou en gastos para maior gloria do autor de Ébora, fundamentando a súa posición no feito de que os ourensáns sempre foron á praia ás rías baixas; ó ver que entraba Vigo na regueifa, La Voz puxo as súas mellores plumas ó servizo do lugués, e cun editorial de Don Santiago Rey titulado “Entre Santiagos anda a cousa: hoxe por ti, mañá por min”.

Segundo pasaban os días, meirande era o espazo que lle adicaban os xornais e aproveitaban calquera desculpa para falar ben dun e mal do outro: os suplementos culturais convertéronse en monográficos de cadanseu autor; as seccións de Local facían fincapé nos vencellos da comarca cos autores; as de Internacional, nos parentes das dúas familias espallados polo mundo; as de Economía, nas influencias de Comendo spaguettis diante da televisión na obra George Reissman, e todo o que Paul Krugman tomara emprestado de Un xogo de apócrifos; incluso nas seccións de Deportes se falaba, un día si e outro tamén, das excelencias deportivas de ámbolos dous escritores cando eran mais novos. As droguerías dos chinos enchéronse de camisetas coas caras pintadas dos dous escritores, e balóns de fútbol, paraugas, táboas de surf … Os libreiros non daban abasto a vender exemplares de Ébora, Talvez melancolía, Fridon Spik, Las horas sucias… Xa non os colocaban nos andeis, vendíanos directamente da caixa da editora. Couceiro non daba creto: “Isto é unha regalía … Quítanmos das mans” Namentres, os políticos seguían ó seu, e so cando nin os xornais lles facían caso, so entón colleron medo e decidiron tomar partido. Os Populares arrimáronse a Jaureguizar, os Socialistas colleron o pendón de Caneiro, e os Nacionalistas … os Nacionalistas enrabiáronse co mundo e con razón, porque dous entre tres non dá número enteiro …

Antes de espertar aínda soñei mais cousas, pero ata aquí podo escribir. Por suposto, ó meu socio Fernando Pío conteille o soño todo. “Ti es de soñar esperto”, díxome. Daquela eu lembrei que xa miña nai mo dicía de pequeno.

 

4 comentarios a Caneiro e Jaureguízar no Monte Faro

  1. non aclarou se o combate sería a man aberta ou con armamento tradicional, a saber: fouciño, forquita ou mesmo pedra de afiar coitelas, ainda que sospeito que polo tema estético vostede propón espadas…

    • Señor Noguerol das nogueiras, acerta vostede. Sendo tales os contendentes, a cousa requería espada, que ademais sendo ámbolos dous ben fortudos, ben podían con ela.

  2. Cando coas páxinas non abonda, atrás veñen as labazadas. Parece mentira, pero é algo moi literario. Sempre hai mulleres a dicir, como con desagradable estupor, iso de “que malas somos entre nós”. É raro que non haxa escritores que digan igual. Aínda sendo a escala autonómica, no caso presente. Un sente unha especie de complexo: non se é home ata que che medra barba dura, e non se é escritor ata que non apuñalas verbalmente a outro escritor.

    • Vidal, pois foiche certo que daquela pensei en aproveitar o enfrontamento entre Santiago e Xosé Carlos (mais ben entre os seus seareiros ca entre eles mesmos) para facer medrar o interese da xente na literatura. Así como as rivalidades deportivas (Barça-Madrid, ou Depor-celta) chegan a facer que se interesen polo fútbol xente que pasaban olimpicamente del. Era unha idea un chisco peregrina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


6 + 1 =