medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

O teatro universitario en Galicia

Un artigo de Carla Capeáns

O teatro universitario galego acada unha importancia notable na conformación da estrutura teatral galega actual.  O labor teatral, por exemplo, de Armando Cotarelo (autor de “Hostia”, posta en escena polo Centro Dramático Galego aló polo ano 1995) desenvolveuse en boa medida ó abeiro da Universidade de Santiago de Compostela e sobre todo do Seminario de Estudos Galegos.  Algúns dos mozos que formaban parte desta institución, como Lois Tobío ou Figueira Valverde, foron asiduos colaboradores das angueiras teatrais do seu mestre, quen chegou a artellar un variopinto equipo de afeccionados no que  podemos ver un lonxano devanceiro das actuais aulas de teatro das universidades galegas.

Por así dicilo, o movemento teatral universitario foi e é na actualidade, unha das principais fontes de formación teatral. En Galicia destacan a Aula de Teatro da Universidade de Santiago, a do Campus de Lugo, a da Universidade d’A Coruña, e a da Universidade de Vigo xunto coa do campus universitario de Ourense. Cada unha das Aulas de Teatro ten unha estrutura e forma de traballo diferente entre sí, pero teñen como punto en común ese afán de formación e desenvolvemento da creatividade, da crítica, do traballo e da sensibilidade.

Sen a intención de excluír ás demais Aulas universitarias, coñeceremos máis en profundidade a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela e o entramado teatral que se desenrola no Campus de Ourense.

Carla Capeáns

En Compostela, coa Aula de Teatro da Universidade de Santiago (Campus de Compostela) iníciase unha traxectoria teatral universitaria que tería influencia anos despois no resto do país. No ano 1990, a Aula de Teatro estrea “A esperar por Godot” de Samuel Beckett baixo a dirección de Roberto Salgueiro quen dirixiría a partir dese momento todos e cada un dos espectáculos oficiais da compañía a excepción do espectáculo “Xogos á hora da sesta” que contou coa colaboración de Cándido Pazó.

A Aula de Teatro da USC engloba á Aula do Campus de Compostela e tamén a Aula de Teatro do Campus de Lugo dirixida actualmente por Paloma Lugilde pero á que estivo ligado durante algún tempo Alberte Cabarcos.

Centrémonos pois na Aula de Teatro do Campus de Compostela, que se coñece xenericamente co nome de Aula de Teatro da USC. Esta ademais de contar cunha compañía oficial ofrece á comunidade universitaria a oportunidade de conformar eles mesmos as súas propias compañías teatrais experimentando así todas as facetas da montaxe teatral. A Universidade de Santiago elabora un entramado de axudas e subvencións para a creación de compañías propias e espectáculos. Actualmente as compañías creadas ao abeiro da Universidade son: Teatro da falúa, Os sigillatos galaicos, Mequetrefes, NNC Teatro, Enlata Teatro, Pinchacarneiro, Tolemia Teatro, Teatro no Aramio, ARTías, Arte Maior Teatro, Las Civas, TIKTAK Teatro, ademais do Grupo de Teatro do Colexio Maior Fonseca e do Grupo de teatro do Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana. Estas compañías exhiben os seus traballos no marco da Mostra de Teatro Universitaria de Galicia xunto coas compañías que proveñen do resto de Aulas teatrais de Galicia.

Dende o ano 1991, A Aula de Teatro da USC organiza cursos de formación teatral que conta sempre coa colaboración de profesionais do teatro galego e portugués. Salienta a formación en dirección teatral, interpretación, commedia dell’arte, maquillaxe teatral, tratamento de voz para actor, etc.

Conta ademais con espazo propio: A Sala Roberto Vidal Bolaño, sede da Aula de Teatro da USC, foi inaugurada no ano 2005 e está ubicada nun edificio anexo ao Auditorio da Universidade. Nesta sala desenvólvese a programación pedagóxica, ademais de servir como espazo de exhibición de espectáculos de pequeno formato. Tamén se pon á disposición da comunidade teatral universitaria un fondo de vestiario, atrezzo e escenografía que se atopan na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño.

Pero sen dúbida algunha, o Festival Internacional de Teatro Universitario organizado pola Aula de Teatro da USC é un dos máis prestixiosos, xunto coa MITEU de Ourense, de toda Galicia.

Polo que respecta á Aula de Teatro Universitaria de Ourense, cabe destacar a xa internacional MITEU (Mostra Ibérica/Internacional de Teatro Universitario) que naceu no ano 1994 como unha mostra de teatro universitario de Ourense. A Mostra de Teatro é a culminación da actividade da Aula de Teatro Universitaria e un factor dunha intervención social e cultural de grande importancia na cidade de Ourense. Van pasando os anos e a MITEU acolle actualmente na súa programación non só propostas teatrais universitarias, senón que tamén incorpora teatro profesional, organiza concertos, encontros, cursos e exposicións en diversos espazos culturais da cidade ourensá.

“Por iso, e nun marco universitario que está ofrecendo unha panorámica internacional dos autores, directores e intérpretes do século XXI, o debate, a formulación de interrogantes e respostas, a explicación de maneiras de enfrontar os traballos, a clarificación de contextos sociais (especialmente nos grupos de fóra da Península e cunha ollada especial a aqueles países en conflito) serven para os artistas-estudantes, para os profesionais e para os espectadores. Hai que ter en conta que estamos a ver, en moitos casos, os intérpretes e directores que rexerán o teatro dos vindeiros anos. Trátase, en definitiva, de potenciar o intercambio artístico e humano entre actores universitarios e profesionais galegos, da Península Ibérica e de fóra dela.” [Miteu Ourense]

Atendendo á propia estrutura interna da Aula Universitaria de Ourense, podemos distinguir catro compañías que corresponden a diferentes niveis de formación teatral. No nivel 1 atopamos ao grupo “Rosaura” que este ano presentou na MITEU “Enredados”, unha idea orixinal de Sabela Gago, quen ademais dirixe o espectáculo. “Cordelia” é o grupo correspondente ao nivel 2 de formación. “Otelo 2012” é o espectáculo que neste curso a compañía ten en cartel: un traballo con dramaturxia de Elena Seijo e Fina Calleja a partir do texto orixinal de William Shakespeare “Otelo”. No nivel superior atopamos á formación “Maricastaña” que clausurou a XVII MITEU co seu novo espectáculo “Un novo mundo feliz” con dramaturxia de Fernando Dacosta a partir de “Un mundo feliz” de Aldous Huxley.

O teatro universitario ourensá conta con nomes ligados dende sempre ao teatro profesional galego. Boa parte dos profesionais que traballan a prol da Aula Universitaria pertencen á compañía teatral “Sarabela Teatro” que conta con recoñecido prestixio no eido teatral galego.

En definitiva, o teatro universitario de Galicia, tivo, ten e terá moito que dicir no futuro teatral galego e xa son moitos os profesionais que saíron das Aulas de Teatro universitarias: María Ordóñez (Premio Max 2012 a mellor autor teatral en galego), Marcos Correa, Diego Rey, Toni Salgado, Roberto Pascual, etc.

2 comentarios a O teatro universitario en Galicia

  1. Centrémonos pois na Aula de Teatro do Campus de Compostela, que se coñece xenericamente co nome de Aula de Teatro da USC. Esta ademais de contar cunha compañía oficial ofrece á comunidade universitaria a oportunidade de conformar eles mesmos as súas propias compañías teatrais experimentando así todas as facetas da montaxe teatral.

    ERROR A AULA DE TEATRO DA USC CONTA CON DUAS COMPAÑÍAS DENDE HAI POLO MENOS 18 ANOS

    • O que se di neste artigo é que a Aula de Teatro da usc do CAMPUS DE COMPOSTELA se coñece como Aula de Teatro da Usc. Ademais, a autora xa fixo referencia á existencia de 2 compañías. Tamén hai unha Aula no Campus de Lugo pero quizais non acade o recoñecemento (incluso internacional) que sí ten a do campus de Compostela dirixida polo gran Roberto Salgueiro. E eu, a dicir verdade, cando fun ver algunha das súas representacións a compañía sempre se identificou como Aula de Teatro da USC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 7 = 11