medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Parvos

Un artigo de Vidal.

O sentido da existencia é un concepto escuro. Para moitos humanos, ou polo menos para moitos dos que habitan neste recanto, o segredo de algo moi aproximado ó que sería unha vida plena semella residir en que a intelixencia propia non se vexa infravalorada polo resto da humanidade de local en adiante. “Filliño, nesta vida non o poden poñer a un por parvo”, dille o pai ó fillo, con voz grave pero cansa de anos e desencantos, cun vaso de viño entre os dous e demais lugares comúns.

Vidal

Vidal

Demasiado a miúdo, un efecto secundario moi peculiar deste propósito, por non dicir obsesión, á marxe dun embrutecemento letal para o sentido da ética, é que un ser humano remate por tomar por parvos a outros, ben como mecanismo defensivo, ben como resultado do instinto animal. Digo isto polo seguinte:

Hai pouco, no centro desta cidade de Lugo na que a tanta xente se lle nota ese pánico a ser considerada pouco espelida, paroume un voluntario de certa ONG. Díxenlle xa de entrada que carezo de medios para financiar a súa causa, o cal é certo. Coidei que faría el o mesmo cá súa compañeira a semana anterior: daría por rematada a conversa e cada un seguiría ó seu. Era o máis práctico para todos. Non foi así. Presentouse formalmente (a miña aperta de man foi frouxa, por precaución; coido que é unha reminiscencia da infancia, a de non calibrar de todo a forza da aperta) e pasou a informarme detalladamente da realidade en varios campos de refuxiados da metade norte de África. Intentei amable pero firmemente facerlle entender que non podía poñer a miña conta de aforro á súa disposición, polo cada vez máis baleira que está. Non houbo maneira.

Escoiteino igual, algo que case ninguén fai. Cría comprender o que el pretendía. Rematei de velo claro cando pasou olimpicamente das miñas explicacións e seguiu insistindo nas súas. Chegou a preguntarme, non sei se dúas veces, se sabía eu o que era un refuxiado. Dubidei un par de segundos e logrei non alterarme. Díxenlle que coñecía a páxina web da ONG e que non era preciso que me informara con tanto detalle. Logo amosoume unha bolsiña rectangular de plástico chea de algo semilíquido ó tacto. Preguntoume se sabía o que era. Neguei. El respondeu, cun sorriso demasiado estático e un leve desdén, que tanto mirar internet e non sabía eu o que era aquilo… Lin a diminuta etiqueta, en inglés: era un produto alimenticio para subministrar a nenos gravemente desnutridos.

A actitude del virara na dun comercial a porta fría cunha leve dose desa acedume propia da mocidade da Xeración X. A miña seguía a ser externamente amigable. Non me caía mal. Parecía un voluntario entregado, alguén pouco común. Durante o seu discurso, repetínlle varias veces, cun sorriso: “Que me queres dicir?” Mantivo a compostura, sempre. Malia saber que non podía eu axudar, quería que soubese toda a verdade. Interesáronme en particular certos detalles referentes ó transvase de refuxiados entre dous campamentos, un en cada país, para que un deles ficara baleiro e poder dicir as autoridades ós medios de comunicación que naquel territorio xa non había fame.

Sen embargo, houbo algo que non me agradou nada. O fulano falábame todo o tempo coma se sobreentendera que a min a súa labor me importaba un carallo e o que me dicía me entraba por un oído e me saía polo outro. Esa era a razón da miña impaciencia en aumento ó longo dos escasos minutos que había que nos coñeciamos.

Aquel voluntario parecía coidar, sen máis, que eu podía ser socio da súa ONG pero non quería. Ou ben, que era un imbécil cortés máis. Ou as dúas cousas.

Con isto, e velaí a relación co principio deste artigo, os dous resultamos suxeitos perfectos para ilustrar o que expuxen nos dous primeiros parágrafos: el, ó guiarse polo prexuízo, e eu, ó ser vítima deste.

Fun decontado tomar un café só longo con ron para intentar asimilalo.

2 comentarios a Parvos

  1. Home, ben saberás que hai moita xente que ben pode darlle cartos a tódalas ONGs co que gastan en móbil nunha semana, por exemplo. É comprensíbel que tras dez ou vinte persoas, ou dúcias de decenas de persoas, que lle din que non, o rapaz sacaría xa dureza no oído. Tanto lle ten se podes ou non, a lo menos escoitaches falar dos refuxiados, que quizais non pensaras neles nos últimos dez cafés sós e con ron.

  2. Ás veces tamén esquecemos, Ignacio, que é conveniente non botar o día a pensar en calamidades. Porque como nos poñamos a pensar, ¡válenos máis chimparnos ó Miño cunha pedra atada ó pescozo. Nese sentido si me parece necesario iso chamado “felicismo”: por hixiene mental. (Sobre o de axudar ás ONGs, os seus responsables e simpatizantes adoitan culpar por sistema a quen ten catro cadelas no peto, e non a quen de verdade debera aportar…)
    O tema do artigo non era ese, tampouco. Pensaba eu no proclive ós prexuízos que resulta ser moita xente aparentemente desprexuizada. Do excesivo valor que se concede á aparencia, ó externo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


3 + = 10