medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Guardiola e as palabras

Un artigo de Pablo García Martínez

A casa na que eu ubico os meus primeiros recordos non era unha casa, que era un piso, e estaba no número catro da rúa que á que lle daba nome o noso máis importante intelectual, aquel que, no medio da tensión coa que deglutía a súa pulsión creativa, tivo tempo para traer a modernidade ao noso país. Nós viviamos na Luís Seoane, en Arzúa, e os habitantes dos pisos segundo e terceiro compartiamos, ademais do primeiro apelido e dunha cansativa (como dolorosa) tendencia ás escordaduras de xeonllo, a afección ao fútbol, en clave de apoio (por veces visceral) ao equipo grande de Barcelona. Unha desas herdanzas en bruto que no noso caso ten, seguramente, a súa orixe nos anos pasados polos meus pais e polos meus tíos na emigración en Barcelona, alá a cabalo entre os setentas e os oitentas. Vaia isto por diante, pois se cadra a miña exposición resulta máis clara se explicito agora unha certa admiración por Guardiola.

Polo camiño dende aquel Luis Seoane, Nº 4, P 2º cousas que se oxidan e xente, máis xente, cousas novas con tendencia a oxidarse e despois o verao de 2008. Un verao cos meses todos, sen lume, e con China comezando coa súa vitoria nas Olimpíadas de Beixín a revolución simbólica, silenciada agora por ruído de demolición e ruído de paredes que se rompen porque os chineiros non collen polos corredores, adelgazados, pero os señores dos despachos nos lugares outos queren levalos porque son seus, e porque si, e porque así podrecen nalgún rio e temos que ir mercar outros a unha grande nave para a venda de venda de mobles fabricados en cadea, que tamén é súa. Naquel verao a alopecia apenas comezaba a manifestarse nun Guardiola que aceptaba dirixir o Barça despois de que llo propuxera o president. Imos ao tema.

Sitúome hoxe xunto aos que afirman a necesidade de coñecer particularmente cada unha das actividades profesionais que compoñen unha sociedade e contemplan tamén a necesidade de estudar aquelas traxectorias que inciden simultaneamente en varias esferas sociais, ou que se pasan dunha a outra. Explícome con exemplos e, se cadra, o caso máis claro é o de artistas ou intelectuais que se pasan á política, pero tamén pertencen a este espectro de transferencias que sería útiles analizar as declaracións sobre, por exemplo, cuestións políticas, realizadas por persoas cuxa opinión resulta interesante por mor da notoriedade que acadaron grazas á súa actividade artística e, sobre todo hoxe, deportiva.

Os encargados de pensar sobre xente na cousa pública non poden ficar alleos a estes discursos, moitas veces ignorados por ser elementais de máis, se cavilamos na incidencia que poden ter nas estruturas de pensamento de grandes grupos de poboación, nun estado onde dous dos tres xornais máis vendidos son xornais deportivos. Medios de comunicación que encadran a produción dos seus textos dentro da contribución ao máis existoso proxecto de cohesión identitaria española en moito tempo: o Deporte Español. Os intelectuais non poden ficar do lado de fóra porque os pseudointelectuais que figuran na nómina da caverna mediática españolista (atinada expresión do president Joan Laporta) traballan incansablemente para impoñer un discurso no que a épica que rodea ao deporte consiga tecer pontes ata os lugares onde se xoga o debate das identidades colectivas. Resultará útil, se cadra, lembrar cánticos habituais nas celebracións dos éxitos deportivos como o “yo soy español, español, español”.

Nesa batalla onde a provocación frontal do president Laporta resultaba doada de neutralizar e cando o crédito deste comezaba a esgotarse malia cinco anos de bos resultados deportivos (dúas ligas e unha copa de Europa, nun equipo que só gañara unha ata daquela) apareceu o incómodo Guardiola. Unha persoa cunha intelixencia superior á media da que demostran os profesionais do deporte, e cunha certa sensibilidade pola elección da linguaxe (cómpre lembrar aquí aquel discurso de motivación antes da final do mundial de clubes co “se perdedes serdes os mellores, se gañades serdes eternos”), dúas cuestións claves para entender a súa grande ascendencia sobre os seus empregados, multimillonarios de entre 20 e 30 anos. Engadamos a isto que Guardiola tamén fora un futbolista moi querido no Barcelona, distinguido tamén fóra por estar na cerna dun estilo de xogo combinativo ata a extenuación que levaría ao extremo como adestrador, e xa temos a mistura coa que Guardiola consegue a veneración do grupo de futbolistas que adestra. Despois veñen os títulos e, dende 2009, nas roldas de prensa, ese templo da esclerose comunicativa tan dos nosos tempos, xa aparecía un tipo a respectar (remito ao exposto no terceiro parágrafo) pois estaba parapetado tras dun éxito deportivo sen precedentes (gañou todos os títulos que xogou o primeiro ano). Sobre como Guardiola xestionou esa posición de forza debería versar este artigo que xa é longo de máis, pero non podo deixar de sinalar polo menos dous momentos puntuais nos que falou firme, sempre moi consciente da posición dende a que falaba, cousas que considero útiles para pensar na orientación que Guardiola lle quixo dar ás súas intervencións públicas, alén do socorrido “nós somos dun sitio, dun país que se chama Catalunya, aí arriba, e estamos alí”.

Trátase de dúas intervencións en roldas de prensa oficiais de competicións europeas, ateigadas de xornalistas de diferentes nacionalidades. Na primeira destas intervencións, Guardiola explica dun xeito sinxelo a elección do catalán en moitas das súas comunicacións. Na outra é aquela tantas veces reproducida nas televisións onde o adestrador do Barça, no medio dun enfrontamento cun adestrador portugués, di aquilo de “Nesta sala el é o puto xefe”. Pois ben, o que poucas veces tivemos ocasión de escoitar ou ler aqueles que seguimos (aínda con laxitude) unha parte da avalancha de novas que xera unha práctica deportiva de tanta transcendencia pública como o fútbol é o xeito do que Guardiola rematou a súa rolda de prensa. O adestrador do Barcelona rematou a rolda de prensa organizada pola asociación do fútbol europeo falando en catalán e, despois dunha batería de eloxios ao equipo grande de Madrid, pechou a conversa utilizando unha cita da canción País petit, de Lluis Llach, dicindo o seguinte (a pasaxe comeza en 2.05, no vídeo en catalá): “Nós caemos moitas veces como equipo e como país, e levantámonos e seguiremos a facelo tantas e tantas veces… Mira si é pequeno o país que dende o alto dun campanario sempre pode verse o campanario veciño. Imaxínate si é pequeno”. Ergueuse e marchou, mais iso nunca apareceu neses facedores de vida que o venres só falaban de que Guardiola tiña os ollos chegados cando anunciaba que marchaba, porque así a xente pode dicir ho que profundo! e non ten que reflexionar sobre o tempo ou o ruído, que era do que quería falar Guardiola.

Dixo que estaba canso, pero seguramente o que estaba era afónico, de tanto berrar no medio dese ruído perverso que hoxe non nos deixa escoitar voces de persoas cando aínda estamos rodeados de xente que, para comunicarse, emite os sons aos que historicamente se lles chamou falar.

A motivación deste artigo era só chamar a atención sobre como Guardiola elixiu participar nunha das liortas: poñer o prestixio conseguido como xogador e especialmente como adestrador ao servizo dunha posición política manifestada nas súas actitudes e as súas declaracións como fai, por exemplo, Manuel Rivas cando colle o micrófono nas manifestacións de apoio ao xuíz Baltasar Garzón. Tomas de posición diferentes, en ámbitos diferentes, con orientacións diferentes en grande parte, mais só quería anotar (por se a alguén lle presta participar) que as dúas forman partes de liortas que están a ser xogadas tamén no país de onde eu son, que non ten plataformas para a transcendencia pública tan potentes como o Barça. O meu é un país tan, tan pequeno que dende o fondo dun encoro seco escóitanse os contos dos que pasean pola aldea somerxida durante anos no encoro veciño. Fixádevos se é pequeno o meu país.

6 comentarios a Guardiola e as palabras

  1. Alberto Rodríguez Díaz

    A relevancia do traballo de Guardiola, visionario creador dun estilo propio, exportable a outros equipos -como por exemplo a Selección Española- e que ten como xogador fetiche e epítome dese estilo a Xavi Hernández, talvez o mellor mediocentro que viron e verán os nosos abraiados ollos, é tan grande, tan grande no Universo Futbolístico que poderiamos aplicarlle a cita que no seu día Cocteau dedicou a Proust: “A súa Obra seguirá existindo cando el morra, como os reloxos de pulseira dos soldados mortos.”

  2. Guardiola, inventar, non se pode dicir que inventara nada no tocante a táctica. Descoñezo a orixe exacta dese estilo, pero en España introduciuno Rinus Michels alá por 1973. Non callou porque non había material. A Cruyff saíulle a cousa algó mellor co chamado “Dream Team”, e Guardiola logrouno de todo. O seu mérito meirande talvez estea no eido da psicoloxía deportiva.
    Paréceme tamén Josep Guardiola Sala símbolo válido dos tempos que corren: fala con extremo coidado, e a miúdo cunha afectación sospeitosa, mais nunca se pode estar seguro de que estea pensando o que di. Dache un billete de 20 euros, pero non podes acreditar de primeiras en que sexa verdadeiro.

  3. Vai un comentario picante (do que, seguramente pediría viño para a súa resposta) para un dos Maradonas dos contos en Letra en Obras, como é o grande Vidal:

    “Afectación sospeitosa”de quen fala ou de quen xulga? Isto é, existe a posibilidade de estar “seguro de que (alguén) estea pensando o que di” cando nos fala?

    Ollo, que a xenreira que lle ten a “caverna” a Guardiola calla ás veces tan fondo que todos corremos riscos de ir á guerra con pistolas de cartón.

    PS: Así por problematizar algo, que nos anuncios da tele seguen poñendo músicas amorosas…

  4. Pablo, xa postos, podíasme comparar co Cristiano Ronaldo, que é máis guapo e trabállale mellor a cabeza, ou co Leo Messi, ó que no se lle coñece criptonita, pero agradecido igualmente.
    Afectación sospeitosa para o que isto escribe, polo menos. Alá en Friol, onde teño raíces, dos individuos coma Guardiola dise que “debaixo dun pelo ten outro”. Non sei se me explico. O espectáculo deportivo está cheo de roldas de prensa preparadas, con frases aprendidas e insulsas… Seino. Pero é que eu a Josep Guardiola nótolle MOITO (cursiva) que está a dicir algo que soamente CRE (cursiva) que debe dicir. El e máis o seu meirande adversario nos bancos, José Mourinho, sempre me pareceron da mesma pelica, só que con distintas maneiras.
    O que me resulta curioso é que a Mourinho lle pillen o truco e a Guardiola non. Para min, é igual de evidente.

  5. PS: Por se non se comprendeu, no que eu tiña en mente era una reflexión aplicable á literatura actual: á hora de comunicar, semella importar o como e non o que.

  6. Alberto Rodríguez Díaz

    Karanka, o doméstico de Mourinho, quen lle pasa o ferro ao chándal e lle saca de paseo o lambecricas nesa hortera mansión de Pozuelo, dixo de Pep: “A Liga existiu, existe e existirá sen Guardiola”. De verdade, despois de Oscar Wilde, George Bernard Shaw e Mark Twain, Karanka é o puto xefe das citas enxeñosas…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


7 + 9 =