medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“A cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional”

Mario Regueira (Ferrol, 1979) ten dende hai escasas semanas un novo libro na rúa: Outono aquí (Edicións Sotelo Blanco), a obra coa que gañou a última edición do Premio Lueiro Rey de Novela Curta. Dende Letra en Obras puxémonos en contacto con el para falar desta nova publicación e da súa visión sobre a literatura galega actual. Eis a conversa

-Despois de L’affiche rouge (Xerais, 2007), volves ao terreo da narrativa con Outono aquí (Sotelo Blanco, 2012). Que historia vai atopar o lector nesta última proposta literaria? Como naceu?

L’affiche rouge era unha novela que xogaba co retrato xeracional, en concreto o da mocidade que tentara, sen éxito, torcer o rumbo político da Galiza e pódese dicir que, en determinado sentido, tamén o do mundo. Outono aquí nace, en contrapartida, como unha historia máis íntima e persoal, a súa trama xermola nos conflitos e as contas pendentes de dous irmáns que se atopan despois de varios anos sen verse e, máis que da cuestión nacional ou do desengano político, fala das relacións persoais e familiares e a forma na que se desenvolven e reinterpretan nos nosos tempos. Aínda así, na súa trama segue aparecendo a sombra dunha xeración que, a pesar de ser a mellor formada das últimas décadas, malvive entre a emigración, o desemprego e os traballos precarios, cun futuro cada vez máis incerto. Unha xeración que segue a ser a mesma do libro anterior, a miña.

-“A sorpresa do lector non diminúe malia a dosificación da traxedia, o que fala moi a favor das boas artes do autor”, afirma unha crítica asinada por Inma Otero. Era a novela curta o mellor xeito de manter a tensión narrativa ao longo de toda a obra?

Mario Regueira

O termo “novela curta” é moi útil a nivel informativo pero non deixa de ser bastante relativo, como case sempre que falamos de xéneros ou subxéneros literarios. Esta novela anda preto en dimensións da anterior, que nunca foi cualificada de curta, e algunha amiga fíxome notar que con dous capítulos máis podería competir sen problemas nun premio de novela longa. Nese sentido, non diría que foi pensada á mantenta como curta, e aínda que é certo que cada dimensión narrativa esixe a súa propia arquitectura, non creo que a tensión narrativa sexa máis doada de conseguir nos percorridos curtos, só que as técnicas para lograla son diferentes.

-A obra publícase grazas a ter gañado un premio de prestixio como é o Lueiro Rey. Nestes tempos de economía de guerra parece que os certames son unha das poucas táboas ás que agarrarse para publicar en galego…

En contra do tópico, debera dicir que, fóra dalgúns atrasos conxunturais, nunca tiven queixa á hora de querer publicar. As miñas propostas, dende o primeiro libro até agora sempre foron ben acollidas polas editoras, aínda no caso das máis arriscadas, como Lois Pereiro, unha persecución. É algo que debo agradecer, sen dúbida, pois coñezo moitos casos de camaradas que non tiveron tanta fortuna, e hai xéneros como a poesía, o teatro e mesmo o ensaio, nos que segue a ser moi complicado publicar, por máis que novos proxectos editoriais e a autoedición vaian paliando algo este problema. O premio foi moi importante pola publicación e o prestixio que trae aparellado, pero nestes tempos doídos de emigración, desemprego e traballos precarios, tamén se agradecen outras cuestións menos simbólicas pero que os creadores seguimos precisando para sobrevivir.

-Nalgunha gran área comercial é moito máis fácil atopar wasabi para o sushi que a sección de literatura galega; os libreiros de toda a vida quéixanse de que non hai un relevo xeracional nos compradores…Dá a sensación de que a literatura galega é menos visible agora que, por poñer un exemplo, na década dos 90. Percíbelo así? Que está a pasar?

Sobre este tema sempre poño como exemplo o caso da Televisión de Galicia, a súa aparición en 1984 fai que un terzo da oferta televisiva do país sexa na nosa lingua. Hoxe, por máis que aparecesen máis canais en galego, esa oferta caeu porcentualmente até o abismo e rolda a irrelevancia, tendo moitas dificultades para sobresaír na enxurrada de canles en castelán que apareceron. Con outros eidos da cultura pasou algo semellante, a nosa importancia relativa como cultura cae sen parar, e nin sequera fai falta remontarse aos anos noventa. Se comparo a atención mediática que recibiron os meus primeiros libros e os últimos xa podo notar diferenzas, en boa parte pola recente hecatombe dos medios en galego e pola precarización e amateurización doutros, pero tamén polo desinterese cara á cultura galega de moitos medios profesionais do país e polo xa tradicional desleixo dos estatais cara a ela.

-A miúdo debátese sobre a necesidade de internacionalizar a nosa literatura. Aínda que houbo algúns casos puntuais, os intentos por entrar nos mercados máis próximos (mesmo no Estado Español ou Portugal) apenas deron resultados. Que é o que falla á hora de darnos a coñecer fóra?

Fai falta existir. Hoxe por hoxe a cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional, que ningunha das iniciativas pasadas conseguiu aminorar. Fóra do noso país non somos practicamente coñecidos e así é moi difícil suscitar algún tipo de interese, e moito máis cando o que queremos poñer nos mercados son as nosas historias. Non serei o primeiro galego que, ao ver que non escribía en castelán, lle preguntaron no estranxeiro se era vasco ou catalán e tivo que explicar durante un bo anaco que non era ningunha das dúas cousas. Anécdotas coma esta, que se repiten nos países máis variados, deberan facernos pensar que vascos e cataláns existen, e nós estamos, para a maioría da xente, fóra da ecuación. E iso aínda en contextos, como o portugués, que deberan sernos naturalmente favorábeis.

Este problema de visibilidade sempre se relacionou co tamaño do noso país, porén, culturas pequenas de Europa, como certos países nórdicos, teñen sido moi exitosas na difusión da súa literatura, tamén os cataláns son medianamente coñecidos no panorama internacional. Non cabe dúbida que o problema é político: a falta dunha estrutura de poder (estatal ou autonómica), que promocione a nosa propia identidade sen ambaxes e que perda o medo á que a cultura galega exista como cultura europea diferenciada.

-Outro dos debates candentes é a irrupción de novos formatos (libros dixitais), fálase moito sobre unha realidade que está aquí pero á vez semella que o sector (editores, autores, mesmo lectores) está como agardando acontecementos…

É moi frustrante a posición da maior parte dos axentes culturais galegos sobre este tema, especialmente porque o noso contexto cultural nunca se caracterizou por ser conservador nin temeroso ante os cambios. Porén, é como se a transición do libro obxecto ao libro dixital espertase fantasmas agochados e paralizase á maior parte das persoas que teñen que protagonizar o cambio. Guste ou non, os formatos dixitais acabarán tendo un papel moi importante no futuro, un papel que aínda se está definindo pero do que a cultura galega non pode quedar fóra. O estatismo, cautela, ou temor de moitos destes axentes o único que fará é que queden fóra dun cambio que se producirá de todas formas, mesmo pasando por riba deles.

-Mario ti es un dos que, con outros da túa xeración, pulou pola recuperación da figura literaria de Lois Pereiro. Mesmo publicaches o ano pasado o ensaio “Lois Pereiro. Unha persecución”. Rematado o ano que se lle adicou, que valoración fas de todo acontecido?

Ningún acontecemento desta magnitude pode cualificarse como positivo ou negativo en todas as súas dimensións. Sen dúbida houbo elementos que me desgustaron, como ver poemas de Lois nas bolsas dun supermercado ou a polémica xestión por parte da R.A.G. das xornadas que fechaban o ano. Mesmo así, o balance é sobradamente positivo e creo que marcou un fito na historia do Día das Letras e propiciou unha empatía da sociedade coa festa que había moito tempo que non se producía. Foi a primeira vez que un homenaxeado do 17 de maio protagonizaba graffittis e era reivindicado dende as casas okupa, e iso ten moita máis transcendencia do que pode parecer a primeira vista. Aínda que moitos dos que tiñamos a poesía de Lois case como un tesouro e unha descuberta persoal tivemos medo do que podía deparar toda a súa súbita popularización, finalmente vimos niso algo enormemente positivo. Que tanta xente puidese achegarse á visión que Lois tiña do mundo e compartise o seu amor pola vida e as persoas é un dos grandes méritos dese ano.

*Unha entrevista de Ramón Vilar

7 comentarios a “A cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional”

  1. É difícil internacionalizar unha cultura cando nin sequer está normalizada nas súas propias fronteiras. Queda traballo arreo por diante.

  2. Pingback: Entrevista a Mario Regueira : Premio Pérez Parallé

  3. Pingback: Mario Regueira: «A cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional». Entrevisa de Ramón Vilar en Letra en Obras | Xerais

  4. Amosa sentidiño, Mario Regueira, niso que di aí enriba.
    Algo interesante que dixo foi que nos noventa a literatura galega tiña máis presenza do que agora. Pode ser, non sei. O que me parece é que era ben máis atrevida do que é a actual, sempre falando en xeral e do que máis se ve. Nese sentido, en atrevemento e potencia, a literatura (en particular a narrativa) galega actual está a milleiros de anos luz, diría eu, daquela outra. As vendas son outra cousa.

  5. Pingback: Mario Regueira: “A cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional” | ::Axenda cultural AELG::

  6. Pingback: Tempos Dixital | Mario Regueira: «Gustaríame que os meus lectores escoitasen as cancións que saen na novela»

  7. Pingback: Entrevista a Mario Regueira – Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 3 = 10