medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Linguaxe profiláctica

Un artigo de Diego E. Barros

O mellor que se pode dicir do extenso artigo-análise asinado hai uns días polo académico Ignacio Bosque e outros 26 compañeiros de Academia ―entre eles varias mulleres―, é que hai que botarlle collóns. Os seus por escribilo tras revisar as guías de linguaxe non sexista elaboradas por distintas institucións ―unha primeira mostra de valor que xa debería ser premiada―, e os nosos por lelo. Polo demais, ese extenso texto crítico cos usos da linguaxe que tende a confundir sexo e xénero non vén máis que certificar que os académicos teñen moito tempo libre e que, como todos os que gozan deste prezado ben, tenden a malgastalo.

Diego E. Barros

A lingua, todas, é primeiro un medio de comunicación e, despois, e non menos importante ―a orde aquí non altera o produto―, expresión e vehículo dunha cultura. Que a linguaxe é sexista ―aquí poden poñer o idioma que prefiran e o cualificativo que máis lles guste―, é algo que cae de caixón sen a necesidade que os gardiáns das esencias dunha e outra beira nolo traten de demostrar día si e día tamén. Esto é debido exclusivamente a que a sociedade tamén o é. Do mesmo xeito que todos somos racistas ―«non son racista pero…»―, todos levamos inoculado un cromosoma machista. A diferenza é a maneira na que desenvolvemos a nosa loita interna. Nesta cuestión non hai lugar para a vella dicotomía fotofinish entre ovo e galiña. Só mudando a sociedade mudará, dalgunha maneira, a linguaxe pois esta é algo vivo, grazas ao sangue que fan circular os seus falantes. É inútil recomendar o uso das duplicidades («compañeiros e compañeiras»), máis que nada polo que ten de malgasto de saliva e de tinta. Esta fórmula púxose de moda no berce do feminismo revolucionario pero aquelas mulleres que soñaron con facer a revolución o máis que conseguiron foi cociñar e lavar para os seus compañeiros, roxos si, pero igual de machistas que a oligarquía a derrubar. Hai solucións tan modernas que se pasan de freada até caer no esquecemento. Escribir «compañeir@s» é unha horterada ademais de inútil por ilexible. Logo están as substitucións. «A humanidade» en troques do xenérico «o home» é o exemplo paradigmático. Semella fácil a priori pero tratar de falar en verso a cotío deixa a un sen folgos para o verdadeiramente importante, que é unha enfermidade estendida especialmente entre políticos.

As Academias cumpren unha función fundamental, ser última trincheira ante o que se aveciña. Só así se comprende, por exemplo, a negativa da RAE, descoñezo o caso da RAG, a mudar a acepción de «matrimonio» para adaptala á realidade das familias con cabezas de que comparten sexo e xénero. Sen chegar ao límite manifestado por algúns ―García Márquez e a súa teima por «xubilar a ortografía», algo que só puxo en práctica Juan Ramón Jiménez sen tanto escándalo e co mesmo resultado: un Nobel―, coido que o debate ademais de falso é algo estúpido. Que na Academia existe esa postura paternalista que tanto gusta de amosar o PP de Gallardón cando fala do aborto é tan sinxelo de comprobar como buscar unha palabra (cos dous xéneros) no dicionario: avogado-a. É precisamente o dicionario o primeiro en saltarse a norma da orde alfabética para ordenar as verbas. Na outra bancada do debate non se quedan curtos. Un, que asiste como simple espectador, ten que recoñecer a súa tendencia a desconfiar de todo discurso baixo o paraugas do politicamente correcto, derradeira e máis vangardista encarnación do que antes chamabamos censura. Pódese ser educado e correcto sen ser gilipollas, mal estendido ultimamente entre certa esquerda. Eu prefiro escribir como me peta xa que idealismos quédanme os xustos para seguir lendo o que me cae nas mans e durmir polas noites.

Pode que a linguaxe sexa sexista pero é inocente pois por enriba da lingua está a praxe que fagamos dela. Tendo a pensar que, como o movemento, as cuestións de sexo demóstranse andando. Así, mentres as caixeiras sigan no Dia ―sempre me pregunto se nesta cadea fan castings― e os caixeiros nos bancos podemos continuar a discutir sobre o xénero das verbas. O que é seguro é nunca solucionaremos os problemas do sexo.

4 comentarios a Linguaxe profiláctica

  1. Un ser humano, sexa do sexo que sexa, é humano. Aí cabe o plural; un plural definitivo, do máis igualitario que pode haber. En troques, en “todos somos racistas” ou “todos somos machistas”, acho que non. Hai pouquiño, non sei se era John Carlin o que manifestaba que fora a testosterona (?) o que estivera a piques de afundir Islandia, ata que as mulleres viñeran ó rescate. Eu coido máis ben que foi o non elixir as cabezas axeitadas para pensar por todos.
    Pero é máis práctico simplificalo todo. É fenómeno estendido, como queda fino dicir. Se algo é en realidade moi complexo, reduzámolo a un par de plurais. O resultado non é certo, pero rematamos antes e non nos arrequece o pote.

  2. Edito: … ata que as mulleres (?) viñeran ó rescate. Eu coido máis ben que foi o non elixir BEN as cabezas axeitadas para pensar por todos.

  3. Eu creo que no de levar a igualdade ao campo da linguaxe hai algo de papanatismo. A loita pola igualdade ten que estar nas empresas, nos fogares, na erradicación da violencia machista, nas diferencias salariais, na conciliación, etc. Eu creo que o de centrar o tema na linguaxe é un pouco de “snobismo” barato. Ademais, se a sociedade avanza, a lingua vai variando soa.

  4. Pingback: Linguaxe profiláctica | Contraportada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


1 + = 6