medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Unha vez eu gañei un premio

Un artigo de José Luís  Sucasas

Todos temos un pasado escuro adormecendo nalgún recanto da memoria e rezando para que ningunha vasoira indiscreta o saque á claridade do día. O inventario do que alí hai é ancho e longo coma o mesmo mundo: Dende crimes de lesa humanidade e laxa conciencia ata homicidios sen querer ou por equivocación; dende desfeitas ecolóxicas ata vulgares sapos de horta espetados na punta dunha vara; dende fillos secretos e esquecidos ata puntuais infidelidades en noites atravesadas; dende grandes desfalcos ata pequenos furtos de claudias e cereixas nos primeiros calores do verán; dende falsas testemuñas xudiciais ata mentiriñas de nada para saír do fregado. Xa dixen que o inventario era infindo e podiamos estar co conto así un dia enteiro.

José Luís Sucasas

Un reputado neurólogo norteamericano, algo mormón e bastante republicano, aló a finais dos 80 do século pasado, publicou un estudio sobre a mala conciencia da veciñanza de Cadron Creek, na Arkansas central. Constatou o moi científico que as persoas cun pasado máis negro camiñaban coa cabeza máis ergueita ca o resto, o que o levou a concluír que o cerebro humano gardaba os pecados cometidos na súa parte traseira (in the lower back of head, nas súas precisas palabras), tamén coñecida como zona occipital ou croca baixa. Esta concentración de negrura tiraba da cabeza cara atrás e obrigaba ó titular a camiñar estirado e como con fachenda. Poderíavos dar o nome do neurólogo, pero iso sería un falar por falar.

Pois ben, a respecto da literatura, tamén eu teño un pasado escuro. Sen ánimo de compararme a ninguén, e moito menos a Caneiro ou a don Alfredo, eu unha vez gañei un premio. A comezos dos 80 estudaba os primeiros anos de Empresariais en Lugo e miña irmá Nesi facía non sei cal ano de Bup no Instituto Mixto Xan Montes da capital. Un día contoume que a Deputación de Lugo convocara un premio para relato curto entre os estudantes dos institutos da cidade e cunha dotación de tres mil pesetas. Axiña vin o negocio: Xa que eu non me podía presentar, miña irmá poñería o nome e eu a pluma. Non me custou convencela: vendinlle os honores públicos, a fama e maila admiración dos compañeiros mais garridos da clase; para min os cartos, que daquela tiña o xusto para tabaco e o café nos bares de Recatelo Square.

Logo duns días tiña xa rematado un relato en primeira persoa dunha rapaza xogando ás casiñas debaixo do hórreo familiar. Resultoume doado: non tiven mais ca ordenar en palabras as lembranzas de miñas irmás xogando ás casiñas, con carolos que eran vacas, terra negra que era colacao, follas de acacia que eran moedas, latas de sardiñas que eran berces, chapas de refresco que eran platos…Nada era o que parecía. Nin elas mesmas eran sempre elas, xa que ás veces eran nais, e logo fillas, e logo fillos, e logo pais, e logo xa eran o taberneiro, ou o carteiro, ou o cura…Alí debaixo do hórreo nada parecía o que era.

Meu dito meu feito, o premio foi para nós: miña irmá gañou a gloria e eu os cartos. Non lembro agora o que lle durou a ela a gloria nin a min os cartos. Supoño que por aí andarían. Pero nin ela gañou mais premios nin eu saín de pobre.

Currículo do autor

4 comentarios a Unha vez eu gañei un premio

  1. Imaxino que non se refire a iso, pero eu non lle vexo nada de malo a gañar un premio. Polo menos, sigo sen verllo definitivamente. Aínda que, coas cousas que se premian neste recando desde hai xa un tempiño, non lle sei…
    O asunto das vivencias persoais resulta con frecuencia efectivo neste tipo de empresas. Eu tamén gañei, haberá 15 anos, un premio de relato para estudantes (o Trapero Pardo, do Concello de Lugo) cun monólogo sobre un individuo introvertido que ía a carón dunha rapaza nun autobús. Ocorréraseme, de feito, a bordo dun autobús urbano. E non era autobiográfico mais, como a meirande parte da humanidade non é moi receptiva fronte á sutileza, todo o mundo acabou pensando que o introvertido era eu. Foi a primeira e última vez que pretendín imitar o que escribía Suso de Toro nos oitenta.

    • Vidal, claro que non ten nada de malo gañar premios. Pero gañalos do xeito que o gañei eu….Foi mello que rematara aí a miña carreira delictiva literaria.

  2. Señor Sucasas, vostede é un golfo ben simpático. Seguro que o conta agora porque xa prescribiu o delito…A conciencia, xa o dicía Dostoiewski

    • Levas razón, Marián. Se a Garzón lle prescribiu o asunto do Banco Santander, o meu está requeteprescrito. Polo carallo ía confesar eu se a cousa fora recente, tal e como está ultimamente a Xustiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


8 + 3 =