medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

Memoria de Helena e María, de Teatro Atlántico

*Un artigo de Carla Capeáns

Teño vinte dous anos e chámome Helena. Teño unha filla, María, e tiña un home, Manuel, que morreu na guerra no trinta e sete. (Amosa, agachado nas mans, un papel dobrado). Esta é a súa última carta, que lin centos de veces, que biquei centos de veces e que levei ao peito o día en que souben que morrera en Albacete. Está enterrado nunha foxa común a doce kilómetros de Quintanar del Rey. María tiña catro anos cando me levaron presa. Tiña uns ollos grandes, preciosos. Fitaba todo como se fose a primeira vez que o facía, como a vez primeira que a vin sobre o meu ventre, o día que a parín, na nosa casa, mentres Manuel me bicaba calado cos ollos embebidos, e ela semellaba fitarnos, sen chorar, caladiña.” (Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro)

Memoria de Helena e María, de Teatro do Atlántico

– Autoría: Roberto Salgueiro

– Dirección: Xúlio Lago

– Elenco: Lucía Regueiro e María Barcala

A través de monólogos que se van intercalando e cunha gran precisión na escrita, Roberto Salgueiro conta a historia de Helena e María, dunha nai e dunha filla. Unha historia chea de lembranzas, de vivencias, de medos e de soidades marcada pola Guerra Civil española.

Cando Xúlio Lago comezou a traballar coas actrices sabía que o único importante neste espectáculo eran as personaxes e o que a elas lles acontecía. As personaxes tiñan que comunicar o que sentían e non actuar como meras informadoras do acontecido.

Carla Capeáns

Na proposta de Teatro do Atlántico, parece non quedar claro o punto de vista dende o que parte a interpretación das actrices. As personaxes reviven a súa historia ou pola contra recordan a súa historia? Creo que o que se pretendía en esencia era “recordar para transmitir, e non para revivir” aínda que isto non quedase completamente claro pola maneira de enfocar certas escenas.

No texto de Roberto Salgueiro proponse un achegamento físico entre as dúas personaxes que Xúlio Lago na súa proposta preferiu obviar. A imaxe que nos propón o autor é unha imaxe moi potente, moi viva: a dunha filla acubillada no colo da nai; a dunha nai agarimando o cabelo da filla… Con ese econtro que o autor propón no texto parecen conectarse dous mundo paralelos: o de Helena e o de María. Nun coloquio cos integrantes de Teatro do Atlántico, Xúlio Lago, facendo referencia precisamente a ese encontro entre ámbalas dúas personaxes, preferiu desbotar a proposta do autor porque non era coherente co drama dende o punto de vista da dirección.

Dende o punto de vista da interpretación, “Memoria de Helena e María” é un texto moi complexo, cheo de imaxes que as actrices deben visualizar para poder transmitillas ao espectador. Débese prestar especial atención ao tono co que se debe colorear a composición dos personaxe, á continuidade, á estructura e ao ritmo interno de cada un dos monólogos. Adquire especial relevancia a “curva melódica”, a forma de dicir o texto. É preciso crear un ritmo axeitado porque ás veces esa curva melódica vólvese plana, créase unha dinámica interna que non é a desexada e pode afectar ao ritmo conxunto da peza. Todo o que acontece nun escenario ten que ter un “porqué” e ese “porqué” ten que ser coherente. Por iso é imprencindible unha análise polo miúdo de cada unha das situacións para poder conformar unha historia interna de cada personaxe. Todo o que se di e o que se fai ten que ter unha intención, o corpo ten que estar baixo control e tamén se debe controlar a emoción. Dende o meu punto de vista, a historia debe asolagarse nunha emoción contida e nada histriónica. Durante os primeiros dez minutos de espectáculo Lucía Regueiro (no personaxe de Helena) caía nunha certa monotonía. Non había apenas xogo coas curvas melódicas e a entonación era sempre a mesma. Inicia o seu primeiro monólogo coas bágoas nos ollos e eu pregúntome: É preciso comezar xa chorando? Pasados eses dez minutos de achegamento ao público, Lucía encamiñou a historia do seu personaxe e alcanzou esa “emoción contida”. María Barcala (no personaxe de María), estaba demasiado afectada na proxección dos seus parlamentos. Subía demasiado o ton de voz nalgúns intres e cando a escena precisaba realmente desa subida non se percibía a diferencia e perdíanse matices.

Polo que respecta á escenografía, dende o meu punto de vista era innecesaria. A potencia da historia é tal que calquer elemento que poida desviar a atención do espectador pode ser perigoso. Para Xúlio Lago era necesaria a existencia de máis de un plano físico para así axudar á dramaturxia dende un punto de vista rítmico e dramático. Outros elementos escenográficos como os libros de Helena, e a maleta de María non tiñan unha transcendencia específica. Non se xustificaban e eran tan só ferramentas coas que as actrices apoiaban a súa interpretación. Os cambios sutís de escenografía e as referencias expresas (fóra do texto) á Guerra Civil son tamén innecesarias. Para Roberto Salgueiro, esta non era unha historia da Guerra Civil, era “unha historia de mulleres”.

O espacio sonoro axudaba a encaixar a historia, servía de fío conductor pero o problema preséntase coas baixadas e subidas de volume. O volume baixaba cando interviña unhas das personaxes e deseguido volvía a subir. A iluminación polo xeral adaptábase moi ben á historia e ao contexto máis os escuros propoñían certas dificultades. A escena non se quedaba en escuro ao completo, había un pequeno fulgor que deixaba entrever ás actrices.

Para saber máis da autora deste artigo, pica aquí

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 9 = 15