Un artigo de Ramón Vilar
Levo 46 días sen fumar, quizais 47, non estou seguro. Non é moito o mérito. Incluso é posible que antes de que ande pola rede este artigo xa estea dándolle 3,70 euros ao do estanco de Casas Reais ou mellor a Tito da Silva, que sempre me busca amable paquetes onde non apareza o paisano que ten o tumor no papo.
Durante 15 días tomei bupropión. O médico mandoume que o fixese seis semanas pero abonda que me prescriban calquera medicamento para que divida sempre entre tres a posoloxía. É unha manía de hai anos e polo de agora non me foi mal. Varios coñecidos aconselláronme encarecidamente que mercase o libro É fácil deixar de fumar se sabes como dun tal Allen Carr. Non o fixen e tampouco me explico como vendeu máis de dez millóns de exemplares. O título pode ser aceptable para un libro de poesía pero para un tipo que leva 21 anos enganchado á nicotina é simplemente un insulto.
Nestes corenta e tantos días sen fumar comprobei varias cousas que non por sabidas me deixaron de sorprender. Unha: Botas en falta o que non tes. Dúas: Canta xente fuma, carallo!. Tres: Que ben ule o tabaco rubio mesturado con colonia de muller! Catro: Carrillo ten 97 anos, fuma, e aínda está vivo. Cinco: Como fode pensar que nunca vas volver facer determinadas cousas, aínda que che fagan mal. Seis: Ver unha película de Clint Eastwood fumando un cigarriño electrónico deixa unha tristura enorme na boca do estómago.
Pero tristura no estómago tamén dá ver como o nacionalismo galego rebenta, supura, entre tanto parto, aborto e amputación. Deixo de ler os comentarios (ou carcinomas) que circulan sobre o asunto pola rede e párome a ler un reconfortante Luís Soto. A xeira pola unidade galega (Edicións Xerais, 2012), do amigo Xurxo Martínez. Logo imaxino que os antidisturbios que reparten a hostia de cultura en Valencia, en Vigo, en Moscova ou en Downing Street len de camiño ao traballo os Escritos corsarios de Pasolini. E xa curaría de todo a miña tristura estomacal se nas pantallas das oficinas do INEM pasasen en bucle The Shock Doctrine.
Para saber máis do autor, pica aquí