medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

A fauna da represión

Un artigo de Iria Ameixeiras

Recomendo para ler este artigo, Niguém é dono do mar, da Quadrilha.

Na Costa da Morte o mar é sempre camiño. Coma na súa historia, os contos vitais amolecen nas miserias dun destino que existe porque a xente da Costa da Morte queremos crer nel. Daquela, as consecuencias do milagre económico que vivimos non podían carecer deste cariz, propio dunha idiosincrasia caprichosa, cuxa única explicación, coma a de todos os males que nos aflixen, debe de tela o mar.

Iria Ameixeiras Cundíns

Entre os labirintos do eucaliptal de Pedra Miñón, en Bamiro, foi levantada unha pequena cabana co teito de lona negra. Na humidade do seu chan de musgo naufragou o vello espírito do home que volve ao monte, para erguerse e deitarse a mercé dos ronquidos do vento. Sen máis auga que a da choiva, nin máis comida que a que ofrece a propia terra. Desde o seu agocho trata de retomar os azos dos que o despoxaron a emigración, o traballo precario e, finalmente, non cobrar a liquidez do último oficio en Alacante. Tamén Fisterra durante un tempo se contaxiou da literatura da dor, teimuda en conquistarnos polo sufrimento. O camposanto novo foi testemuña da catástrofe antes de que chegaran os defuntos. Un peregrino fixo méritos para tratar de preservar a vida nunha das tumbas do cemiterio de Portela, aínda sen lápidas. A súa lenda tétrica foise fornecendo ao longo duns meses, ata que os murmurios dos veciños e os altofalantes dos políticos conseguiron desafiuzar ao peregrino. Agora o cemiterio recuperou a súa soidade habitual. E a tristeza do terror.

A constante do medo. Diso se nutre a represión. A única que se infla en época de vacas fracas. A Nobel Herta Müller (Romanía, 1953) coñeceuna ben. Mentres Ceausescu amarraba polo pescozo á sociedade romanesa, Müller encargábase de reter o aire nos pulmóns para expiralo con mimetismo en Hambre y seda (Siruela, 2011). No libro traza unha a unha, sen barroquismos, as agonías dun sistema que falsificaba as partillas de defunción para ocultar o terrorismo de estado, que premiaba a existencia reprodutora das mulleres sobre a súa liberdade sexual, e que cimentaba a cultura do odio cara aos herdeiros do sánscrito. No seu relato incansable e intenso revela con furia como as mulleres se practicaban a si mesmas abortos, pedíndose consellos as unhas as outras, para despois negar o que era obvio. Porque, escribe Müller, a represión e a inquisición violenta obrígannos a xurar mentiras. Por exemplo, cando de nena o párroco lle preguntaba polos pecados, a escritora falaba dalgún engano infantil, e se o cura lle pedía máis detalles do impuro, Müller tiña que inventalos, pois non os lembraba. E na mentira en si, xa volvía a cometer outro pecado. Aquela escena volvería a repetirse anos despois no transcurso dos interrogatorios da Seguritate. A mentira do terror.

Tamén, nun dos relatos conta que na franxa da morte, o espazo entre os dous lados do Muro de Berlín no que se desangraban os desertores do réxime, agromou un ecosistema de orquídeas, cegoñas negras e centos de especies salvaxes en perigo de extinción. E pensei, esa debe de ser a Costa da Morte, un camiño de almas desangradas, de sentinelas armados, e cemento torpe que tapa a vista dos cantís. Pero un camiño onde a vida medra por si soa. Fermosa. Seguro que ese muro non pode escalar moito máis alto, que o ceo case se lle vén enriba, e oxalá que cando caia, ou cando o tiremos, sigan deixando medrar a vida silvestre que se xestou por propia vontade.

Para saber máis da autora deste artigo.

Comentario a A fauna da represión

  1. Boísimo: “Mentres Ceausescu amarraba polo pescozo á sociedade romanesa, Müller encargábase de reter o aire nos pulmóns para expiralo con mimetismo en Hambre y seda (Siruela, 2011)”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


7 + = 12