medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“Coñecer o traballo feito no exilio é un xeito de recoñecérmonos”

Xurxo Martínez está de actualidade por causa da súa recente elección como gañador do Premio Díaz Jácome de poesía, que chega cando acaba de saír do prelo, aínda quentiño, o estudo sobre unha das grandes figuras escondidas até agora na dispensa da nosa historia política: Luis Soto. O texto Luis Soto. A xeira pola unidade galega, editado por Xerais, pódese atopar xa na librarías do país. No medio das festas, este habitual colaborador de Letra en Obras que xa tiña participado no volume colectivo 17 letras sen día, róuballe minutos ao tempo para responder ás preguntas sobre o libro mencionado.

 

Como enfocaches, no que se refire tanto á escolma de datos como á súa organización, a exposición deste texto tan necesario para seguir construíndo a historia cultural de Galiza?

O primeiro foi acudir ás fontes orais de persoas que trataron a Soto. Despois consultei os fondos de Luís Soto no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Con toda esa cantidade de datos, á hora de redactar a obra, optei por dividila en grandes bloques con capítulos curtos, para facilitar a lectura. Tamén pretendín fuxir das biografías “canónicas” procurando unha redacción novelada, sendo fiel ao rigor dos datos.

 

Podemos situar Vieiros (revista editada polo Padroado da Cultura Galega de México, que tirou catro números entre 1959 e 1968) como un dos grandes proxectos da recuperación cultural galega na posguerra, ao nivel por exemplo de Galicia Emigrante ou Grial?

Abofé. Vieiros non tirou máis de catro números pero foron moi relevantes. A achega que fixo fronte as outras revistas que nomeas está no seu concepto de revista cultural. Aquí hai un deseño gráfico vangardista (debido á man do pintor Arturo Souto), hai unha liña editorial comprometida politicamente, prodúcese o encontro das vellas xeracións (Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, García-Sabell…) coas novas (Ramón Lorenzo, Méndez Ferrín, Neira Vilas…), etc.
Luís Soto foi un dos seus directores (xunto a Carlos Velo e Florencio Delgado Gurriarán, e Arturo Souto no apartado artístico). Denantes da súa morte, en 1981, pretendeu sacar varias veces o número 5 de Vieiros chegando a acumular distintas colaboracións, hoxe inéditas.

 

Cal foi a orientación do resto de iniciativas que Luís Soto desenvolveu no exilio, como Loita, Boletín Galego de Información ou Saudade?

Boletín Galego de Información é o primeiro xornal comunista monolingüe en galego, que aparece en 1940. O seu director foi Luís Soto. Era o voceiro da Comisión Galega do Partido Comunista de Hespaña, da cal Soto era secretario xeral. Representaba o xermolo dun vindeiro PCG, aspiración que tiña e que non se concretaría até moitos anos despois, xa coa UPG fundada. Temos que considerar o Boletín como o primeirísimo xornal nacionalista cunha óptica nitidamente de esquerdas.
Loita foi a segunda xeira do Boletín. Continuaba a liña nacionalista e comunista con Soto na súa dirección.
Saudade ten dúas fases. Na primeira Soto non participa mais si na segunda. Aínda así temos que considerar esta revista como un proxecto dos grupos galeguistas de México. Tamén como o prólogo a Vieiros.
Poderíamos citar outras iniciativas xornalísticas como España Popular ou Nuestra Bandera, onde Luís Soto foi redactor en ambas. Destacamos a segunda porque era o órgano de formación dos cadros do PCE no exilio e aí Soto participa na explicación, dende a esquerda, das aspiracións das nacións sen estado.

 

Cales foron as relacións entre o grupo de exiliados no que participaba Soto dende México e os galeguistas

Fotografía dunha presentación do libro (Picar na imaxe para ampliar o tamaño)

ou, de xeito máis xeral, antifascistas afincados en Bos Aires (Seoane, Dieste, Cuadrado, etc.)?

O grupo liderado por Luís Soto, agrupado até 1949 dentro do PCE, mantivo relación cos nacionalistas de Bos Aires. Soto foi moi amigo de Castelao (viviron intensamente as xeiras pola República entre 1938 e 1939) deica á morte. Mais isto non impediu a crítica que Soto, a nivel persoal por carta como a nivel público, se posicionase contra o Consello de Galiza por consideralo incompleto e porque rachaba coa idea de frentepopulismo (daquelas Unión Nacional) que Soto pregoaba dende o PCE. De feito hai que analizar polo miúdo o nacemento do Bloque Repubricán Nazonal Galego (BRNG) como un xesto dos comunistas de contrarrestar o Consello de Galiza. Porén, xa fundada a UPG e reformulado o Consello de Galiza, Luís Soto integraríase neste organismo na súa delegación en México. Claro, a UPG fora recoñecida polo Consello como o o seu representante no interior.
Logo tamén tiveron contactos co grupo arredista da vella Sociedade Nacionalista Pondal. Na segunda xeira d´A Fouce podemos ler algún artigo nesa liña de empatar nacionalismo con marxismo. E aparecen artigos de militantes da Comisión Galega do PCE. Pero iso non frutificou porque os arredistas se foron arrimando a Castelao e os comunistas continuaban coa súa defensa da Unión Nacional.

 

Un aspecto importante da biografía de Soto foi a súa relación co cineasta Carlos Velo, con quen mantivo un intenso intercambio intelectual dende o exilio mexicano. Que retrato fai Luís Soto. A xeira pola unidade galega desta relación?

Carlos Velo naceu na bisbarra de Celanova, ao igual que Soto. Coñecíanse ben e tiñan unha sintonía ideolóxica case perfecta. Xa en 1939 Soto lle pide axuda a Velo (daquelas secretario xeral do Comité Técnico de Axuda os Refuxiados Españois) para tramitar o pasaporte e permiso de entrada de Castelao en México, feito que finalmente non conseguirían. Despois vivirían a súa etapa máis intensa na fundación e dirección do Padroado da Cultura Galega. O propio Velo fará unha fiel defensa de Luís Soto como secretario xeral do Padroado cando o PCE pretende afastalo, contra o 1963.
Ambos participan dende o inicio na UPG, sendo os seus dirixentes no comité de México e responsábeis da edición dos dous primeiros número do Terra e Tempo. Xuntos militaron nestas siglas, nas do Padroado, en Vieiros e en toda actividade a prol de Galiza. Facía un gran tándem.

 

Como ti ben dis, ambos tiveron un grande protagonismo na fundación da UPG. Que rol cumpriu Soto nos anos seguintes, dentro do intenso debate que remataría coa mudanza na dirección do partido?
Carlos Velo publica en Vieiros “Carta ao fato Brais Pinto” que é unha arenga a esa mocidade a asumir o protagonismo político de Galiza dende a esquerda. Soto, na súa primeira visita ao Estado español, ten unha xuntanza cos Brais Pinto no bar “Los Mariscos”. É sabido que Soto participa na fundación da UPG, sendo a persoa con maior formación teórica e militante dos alí presentes. Dende que puido entrar no Estado español, en 1960, non deixou de percorrer a nación mantendo conversas e xuntanzas. El é un dos artífices da homenaxe a Celos Emilio Ferreiro en 1966, en Ourense, que supuxo un acto de afirmación nacionalista dentro do contexto do conflito de Castrelo de Miño. De feito, a policía deterá a Soto uns meses despois acusado, entre outras, de participar neste acto tendo unha “conduta inaxeitada”. Custoulle a expulsión e a prohibición de entrar (até que lle foi levantada en 1969).
Mais Soto tamén estaba detrás da organización dos labregos de Castrelo de Miño sendo un dos contactos de Eloy Sobrino, mestre da bisbarra e antigo afiliado á ATEO republicana (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense, do cal Soto fora líder). A partir de 1969-1970 hai un cambio na dirección da UPG onde pasan a tomar o protagonismo unha nova xeración. Ao meu entender será este grupo quen afiance a teoría nacionalista e, sobre todo, cree as estruturas (Comités de Axuda á Loita Labrega, 1971; Comisións Labregas, 1973; Sindicato Obreiro Galego, 1975; Asemblea Nacional-Popular Galega, 1975; Consello de Forzas Políticas Galegas, 1976).
Luís Soto tomou partido polo referente desta xeración, Pepiño de Teis (Xosé González Martínez) cando en novembro de 1976 é expulsado, e en solidariedade con el acompáñao García Crego. Nunha entrevista en Teima Soto acusa á dirección da UPG de purgas, burocratización e de desviación dereitista. Soto acabará a súa vida como militante do arredista Partido Galego do Proletariado e de Galicia Ceibe-oln.

 

Tendo en conta o papel que os primeiros partidos galegos na posguerra (PSG e UPG, os dous creados no 1963) cumpriron nas décadas seguintes ata hoxe, era Soto ata agora un dos grandes esquecidos da nosa historiografía política máis moderna?

Non teño ningunha dúbida. Soto é unha peza fundamental para comprender o nacemento da UPG. Esquecelo representa un exercicio difícil de ocultación histórica. A tarefa teórica de Soto, de argumentar a nación galega dende postulados marxistas (seguindo o rastro de Joan Comorera e o PSUC catalá, que fora considerado pola Internacional Comunista como o único partido comunista para Cataluña; isto é, non era o PCE, era o PSUC) desemboca na UPG. Algúns dos lemas da Comisión Galega do PCE en 1940 podería ser perfectamente da UPG.
A elaboración dese corpus ideolóxico era necesario para explicar que o nacemento da UPG era lexítimo, que non ía na contra do internacionalismo, que representaba un paso necesario para a defensa da causa das clases populares galegas. Insisto, de todos os que participan na fundación da UPG, Soto é que ten unha formación e experiencia política moi por riba do resto. Como, entón, non se ten traballado antes esta figura, as súas achegas, a súa participación e interpretación da súa actividade política dende a República? Apenas hai artigos de difusión que mantiveron viva a súa memoria. Pero, que resposta ten? Teño claro que a súa decisión de situarse en 1976 na beira dos escindidos é determinante.

 

Pensas que afondar na historia da actividade de recuperación cultural realizada dende o exilio é unha asignatura pendente das nosas historias (tamén artísticas) para facer unha cartografía máis precisa da fenda aberta polo golpe de estado do 36 na historia de Galiza?

Esta obra arredor de Luís Soto representa, dalgún xeito, a inxente tarefa que fixeron milleiros de exiliados e exiliadas galegas en México para defender a legalidade republicana, a autonomía de Galiza e as arelas de constituír unha sociedade xusta, igualitaria e fraternal. Soto pode ser un espello de todos eles.
Téñense feito congresos e traballos arredor do exilio galego. Ás veces excesivamente orientados cara a Bos Aires, dalgún xeito tamén comprensíbel pola colectividade que había ao carón de Castelao. Pero tamén estaban un Suárez Picallo en Chile, un Xosé Velo en Venezuela-Brasil, un Xesús Canabal en Uruguai, un Xerardo Álvarez Gallego en Cuba ou un Soto en México. En todos eses lugares houbo expresión cultural e social.
O que resulta evidente, e disto xa se ten escrito, é que a vangarda, a cabeza máis lúcida, máis capaz, máis preparada na historia de Galiza foi asasinada ou perseguida tras o 1936. Coñecer o máis que poidamos o traballo que realizou o exilio, fose en América ou en Europa, é un xeito tamén de recoñecérmonos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


3 + 2 =