medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

A boca da literatura non ten que ser subalterna

Crónica de Iria Morgade Valcárcel

“A boca da literatura non ten que ser subalterna, dócil.” (Manolo Rivas)
A boca da literatura quere berrar, quere rachar co conformismo….
Desa boca chéganos aínda a estela que deixou o Culturgal. Sabores que adozan, salgan e salpementan a nosa propia boca…

Nestes momentos de crise, de ataque a todo aquilo que non cumpra as expectativas de beneficios que o modelo actual de mercado nos dita, Culturgal constitúe non só sabores novos que seguir a degustar, senón unha bafarada de aire fresco que entra pola boca e enche os nosos pulmóns. Unha aposta pola cultura galega, por unha cultura que segue nunha posición subalterna, da que a literatura, a música, a danza, o teatro e o audiouvisual loitan por facela saír. As palabras de Manolo Rivas durante a súa conversa con Manuel Jabois no Culturgal encabezan esta crónica polo que ten de compendio do que foi a nosa visita á feira da industria da cultura galega.

Dentro da oferta de actividades do Culturgal as conversas cos autores comezan ( na nosa experiencia persoal) coa de Manolo Rivas e José Luis Cuerda (que está realizando unha adaptación cinematográfica á novela Todo é silencio). Nesta conversa os asistentes tivemos a ocasión de gozar cunha selección de imaxes inéditas do filme homónimo (material de rodaxe).

Faladoiro con Fran Alonso (Foto M.von.W)

Faladoiro con Fran Alonso (Foto M.von.W)

“A literatura loita contra as abstraccións que dominan hoxe o mundo”, sinala Rivas, “ a literatura expresa os porqués. E máis nos momentos actuais con eses tintes de novela negra que garanten que é o momento xusto de facerse preguntas.”

E así nolo demostran os propios autores da novela negra que veñen de colleitar un éxito notable coas súas novelas de xénero negro. Falamos de Domingo Villar, Xose Manuel García López e Francisco Varela Losada. Na súa conversa con Manuel Jabois, Domingo Villar expresaba que “ a novela negra ten éxito en Galicia por haber nela moi boa materia prima e polo que ten a novela negra de retrato social ( máis que polas súas intrigas).”

Todos estes autores ofrécennos a súa visión peculiar sobre o seu éxito. Autores entorno os corenta pero que son considerados autores novos. Así en palabras de Villar “ pasamos da xuventude á senectude sen tempo polo medio”. E sobre a posibilidade que lle ofrece agora a literatura para vivir dela di “ nun mundo ideal todo o mundo debería de vivir do seu oficio”. “ É duro ver xente con talento, ganas e libros fermosísimos e que ninguén repara neles nas librerías”.
Sabor agridoce que nos fai reflexionar máis aló destas palabras do autor: xa non só deberiamos falar dos autores con posibilidade de ter libros na librería sen que ninguén lles faga caso, senón de todos aqueles xoves escritores que non teñen ocasión de publicar. Se son xoves autores os de corenta anos, que son os escritores de vinte?

Actuación musical durante o Culturgal (Foto de M.von.W)

Actuación musical durante o Culturgal (Foto de M.von.W)

O derradeiro sabor que deixou en nós esta conversa vén no senso de falar da escrita en lingua galega, mentres Manuel Jabois falaba da valentía que deben ter os escritores para decidir empregar a lingua galega, os autores recalcaban que non se trata dunha decisión, senón do que “ che sae” ( nin máis nin menos valente). “ Coma os pintores pitan en óleo ou acuarela, a nosa paleta de pintar é a lingua.” E é que como di Carlos Callón ( presidente da Mesa pola Normalización Lingüística), na súa conversa con Teresa Cuíñas, a maior defensa da lingua é o seu uso. “O máis revolucionario que se pode facer pola defensa da lingua é empregala con normalidade”.

Deste xeito Carlos Callón presentou o seu libro “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” baixo a premisa “ temos dereitos xa que a lingua existe. Non imos reivindicar dereitos senón empregar os nosos dereitos”. E a empregalos é ao que intenta axudar coa súa guía na que encontramos consellos prácticos, formularios, modelos de solicitudes, etc. Polo tanto a literatura como voz que escapa do subalterno, ou que defende o subalterno para que deixe de selo.

Caso de Lois Pereiro. Descubrímolo na conversa de Xesús Fraga con Mario Regueira e Jacobo F. Serrano. Autores con cadanseu libro biográfico sobre Lois Pereiro. Nela os autores falan do lazo que fai Lois entre a cultura galega e a cultura popular ( banda deseñada, música…).

Unha nova literatura, poderiamos dicir que afrontan “os autores de Lois” , autores, novos tamén, que impulsan e realizan novas formas de contar unha vida… a través da banda deseñada e de imaxes non reais sobre situacións nas que introducen ao personaxe. Converten así a biografía nun xogo para coñecer ao seu protagonista. E todo isto baixo a perspectiva, baixo o influxo de Lois coma amigo, que aconsella literatura e música na súa obra. Esa proximidade é a que tentan transmitir estes autores.

Mario Regueira, Xesús Fraga e Xacobo F. Serrano

Faladoiro con Mario Regueira, Xesús Fraga e Xacobo F. Serrano (Foto de M.von.W)

É pois a literatura a loita contras as abstraccións. Con todo estes concretos e moitos máis. Coa mirada de Lois Pereiro, coa profundidade de Maria Xosé Queixán, coas intrigas do mundo actual a través das rocambolescas historias dos detectives… E non só a literatura, ampliando as palabras de Rivas á música (cos sons de Assembly Point, Pedrito Diablo y las Cadáveras, Aline Frazao, etc) á danza, ao audiovisual, ao teatro creando concretos. E loitan así. Como a literatura: “contra todas esas palabras que son conscientes de estar sendo utilizadas.”

Polo tanto, aínda que non hai xerarquías ao emitir a opinión, e pechando coas reflexiós de Rivas: “o escritor ten a posibilidade de crear palabras que se contrapoñan a todas aquelas de odio.” Palabras precisas, táctiles. Son pois, estes algúns dos sabores que seguen a endozar a nosa lingua, mentres esas novas verbas, sás aínda de arsénico que as faga velenosas, bailan na boca.

É pois a nosa crónica sobre o Cultugal unha visión sesgada pola nosa propia visita, que deixou no tinteiro moitas outras ofertas da feira. Valle Inclán seica dixo unha vez que a literatura é como un xitano perseguido pola garda civil. Rivas traduce esta frase co paralelismo que existe entre o fogar en movemento do xitano e da literatura.
Agradecemos a Letra en obras, un deses fogares da literatura, a súa dedicación por querer ser tan acolledor, por mimar as letras… E que a así a literatura esqueza por uns intres o seu movemento eterno.

Comentario a A boca da literatura non ten que ser subalterna

  1. Pingback: Adeus á miña entrevista na TVG | O porto dos escravos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 2 = 5