medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“Literatura diversa é conditio sine qua non para poder falar dunha literatura normal”

Volvendo a vista cara atrás, cales son os teus primeiros recordos nos que anda presente a literatura, seguramente aínda como lector?
Pois as primeirísimas lembranzas teñen a ver con aquelas redaccións e contos que tiña que escribir para as aulas de lingua e literatura do colexio, e que tanto chamaban a atención das miñas profesoras porque, segundo elas dicían, “ao final sempre acaban morrendo todos os personaxes”. Creo que co tempo, e por fortuna, fun suavizando un pouquiño esa vea sinistra e, na actualidade, só mato os personaxes que resulta estritamente necesario eliminar (polo ben da historia, por suposto). Unha cousa tirou pola outra, e cando me dei conta xa me convertera nun voraz leitor de obras e autores que nin sempre entendía, mais que foron conformando unha embrionaria biblioteca: fálovos dun Ánxel Fole, dunha Rosalía, dun Manuel María, dun Otero Pedrayo… Sempre alternados con nomes non menos dignos e poderosos como Astérix e Obélix, Superlópez ou Mortadelo e Filemón, que non deixan de ser cimeiras da literatura universal tamén.

Se tiveses que citar un pequeno monllo de obras que te influíron en diferentes momentos da túa vida a cales te referirías e por que?
Deixando á marxe aquelas lecturas inaugurais e pouco menos que iniciáticas que vos mencionaba antes, estiven varios anos fascinado con Cunqueiro, co seu xeito de contar e cos mundos que contaba, e algo ou moito desa fascinación pervive aínda, ou cando menos gostaría de que así fose. Case sen me decatar xa entronquei a Cunqueiro con Novoneyra, cos versos da vella e arisca poesía irlandesa axitándose de fondo como un mar incansábel. A poesía vella, dicía, mais tamén a máis recente, porque Seamus Heaney ou Thomas Kinsella foron e son aínda obxecto da miña reverencia. Persoalmente, tamén teño moitísima influencia da música, que ás veces ten tanto ou máis peso cá literatura propriamente dita: desde Martyn Bennett, Paul Mounsey ou Michael McGoldrick até o hip-hop, o sean-nós e mesmo (certas) concesións a (certa) música electrónica.

Como se dá o paso da lectura de textos emprestados á escritura de textos propios?
Supoño que cada persoa tivo as súas motivacións, razóns e rebeldías. Eu descoñezo cales puideron ser as miñas, aínda que creo que a imitación xogou un papel moi relevante: escribir como escriben eses que admiras. Un proceso de aprendizaxe ben simple e rudimentario, madia leva. Co paso do tempo, adiviñei que tamén eu podía ter historias máis ou menos propias e persoais que contar, e a escrita acabou adquirindo tamén un certo conteúdo.

Letra en Obras aposta polo aproveitamento das novas tecnoloxías para a difusión da literatura. Chimpando a un nivel paralelo, consideras que se está a facer todo o posible para aproveitar estas ferramentas de cara á creación de novos discursos que se axeiten aos novos formatos (internet, teléfonos…)?
Non me considero a persoa máis axeitada para responder esa pregunta, pois o meu dominio deses neo-mundos tecnolóxicos é máis ben limitado, tirando a precario. Mais, polo pouco que sei, creo que si hai propostas interesantes que están a aproveitar as novas ferramentas e canles, non sei se de xeito tan ambicioso como para “crear discursos novos” (un discurso échevos unha cousa moi seria!), mais si desde logo para pór as cabeciñas a (re)pensar e a (re)crear.

Que medidas consideras precisas para gañar lectores para a nosa literatura?
Eu cavilo que a medida máis importante ten a ver coa diversificación, pois unha literatura diversa é conditio sine qua non para poder falar dunha literatura normal, que supoño que segue a ser o grande obxectivo. E conste que unha literatura “normal” implica tamén a existencia de “anormalidade”, quer dicer, de anomalía, de periferia, de marxes, de submundos underground, escuros e malsoantes mesmo. Creo que no relacionado con esa diversificación de que falo avanzouse moito nos últimos tempos, non só canto a conteúdos (levei unha grata sorpresa cando souben da existencia dunha editorial especializada en textos de ciencia ficción en galego, e gosto do movemento que está a haber no mundo da banda deseñada galega), mais tamén canto a soportes e mecanismos de difusión, tal e como este certifica este mesmo proxecto que estades a pór en marcha.

Como xorde o relato co que participas en Letra en Obras?
Quizais coma un delirio. En orixe naceu como un poema, ou poema en prosa, ou como se lle quixer chamar. A parte “poética” sería o texto en galego medieval sobre o cativerio do bispo de Santiago por parte de Bernald’Eanes de Moscoso, feito que tivo lugar na realidade e que me parecía dun superrealismo delicioso, sobre todo cando o descobres narrado e descrito nas proprias fontes medievais. A coda pseudo-historiográfica que lle incrementei xurdiu a maiores como unha sorte de pasatempo ao estilo de Borges ou Cunqueiro, e nela confluíron varias teimas, obsesións e tópicos que me veñen acompañando na escrita desde hai moito tempo e que espero que sigan aí, habitándome e vivificándome, moitos anos máis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 4 = 7