medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“Sempre me preguntei como a maioría do publicado en galego nestes anos é tan formal e correcto, un chisco aburrido”

Vidal

Asina como Vidal porque lle atopa o seu aquel a ter sido o único neno de 3º a 8º de EXB do seu colexio ó que tódolos outros nenos chamaban así, por un apelido. Alén do Letra en Obras, participou noutros volumes colectivos e publicou en solitario A Balada Do Nudista Caviloso (Sotelo Blanco).

 

“Levo uns 15 anos escribindo, e sei un par de cousas: que, publiques ou non, vas mellorando igual como escritor; e que, non nos enganemos (se é que o facemos), que unha editora che acepte ou non un manuscrito significa hoxe moi pouco, tal vez menos ca nunca”, cóntanos.


Volvendo a vista cara atrás, cales son os teus primeiros recordos nos que anda presente a literatura, seguramente aínda como lector?

Non podo dicir iso de que “con 5 anos xa escribía”. Eu levei, pouco máis ou menos, a infancia dun neno coma outro calquera: divertíame xogando canda outros ó fútbol nos prados, que daquela non coñecía videoconsolas nin falta que me facía. Empecei a escribir preto xa da maioría de idade, cando me dei conta de que tiña que facelo. Para escribir, tes que te-la seguridade de que non sabes facer mellor ningunha outra cousa (e iso é algo duro, ollo). Vale que o teñas como “hobby”, pero, se es un bo fontaneiro, un bo funcionario ou un bo médico, non o deixes en favor da carreira literaria. Non sexas pastrán.

Se tiveses que citar un pequeno monllo de obras que te influíron en diferentes momentos da túa vida a cales te referirías e por que?
Moito do que me gusta é moi pouco popular. Sempre fun ben máis da colección Contraseñas de Anagrama ca de Manuel Rivas. Porque, se queres saber o que son palabras certeiras coma balazos, non o leas a el, le a Richard Brautigan ou a Jean-Patrick Manchette.

Como se dá o paso da lectura de textos emprestados á escritura de textos propios?
Xa deron a resposta por aí atrás, e coas palabras xustas: se ninguén máis o escribe, terás que facelo ti mesmo. Éche así. Eu non escribo para imitar a outros, eu escribo para imitarme a min.

Letra en Obras aposta polo aproveitamento das novas tecnoloxías para a difusión da literatura. Chimpando a un nivel paralelo, consideras que se está a facer todo o posible para aproveitar estas ferramentas de cara á creación de novos discursos que se axeiten aos novos formatos (internet, teléfonos…)?
Claro que non. Aínda que a min iso de ler nun móbil non me acaba de convencer. E internet é útil para moitas cousas, pero para outras hai que ter coidado, porque o estilo metralleta que emprega para ofrecer información favorece a lectura rápida, non pensar moito e saltar decontado ó seguinte texto. De tódolos xeitos, se é bo, conta o que estea escrito, non onde.

Que medidas consideras precisas para gañar lectores para a nosa literatura?
Home, para iso moitos galegos deberan deixar de avergonzarse de falar e ler en galego, algo que semella ciencia-ficción. Logo tes a cuestión ideolóxica. As posturas militantes de moitos escritores non axudan en absoluto. Eu non escribo para “facer país”, pero moitos si. E dubido que o lector non militante queira iso. A maioría do que se vende en castelán, por exemplo, non está orientado nese sentido.

Por outra parte, sempre me preguntei como a maioría do publicado en galego nestes anos, en narrativa e ata onde coñezo, é tan formal e correcto, un chisco aburrido. E digo que non o entendo porque, se sempre se di que escribindo en galego non se paga a luz (en calquera outra lingua tampouco resulta, sospeito, nada doado), non debera esa xente escribir sen poñerse cancelas, dado que o resultado final non compromete?

Se é que as poñen, que esa é outra. Sen coñecelos dabondo, os máis dos escritores galegos actuais parécenme xente de mentalidades e costumes moi comúns, sen grandes problemas, cunha vida bastante equilibrada en tódolos aspectos… Xente moi normal, vamos. Tampouco digo que teñan que ser eles mesmos personaxes de novela, pero penso que un escritor é outra cousa. Debe ter algo distinto, un punto de ruptura. Punto que debe xurdir de xeito natural, non impostado: non se pode finxir. Se non, acaba escribindo prospectos de medicamentos. E, aínda que vendas moito escribindo así, e hai autores galegos que se traducen ó castelan moi célebres en Madrid que o logran, qué queres que che diga, non é a miña idea.

Como xorde o relato co que participas en Letra en Obras?
Velaí tes un vínculo coa pregunta anterior. A idea do relato é que, se es capaz da corrección política, es capaz de peores cousas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


2 + = 6