medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“Das crebas recollo verdades coma puños que arrastra o mar e despois enchen páxinas”

Iria AmeixeirasIria Ameixeiras é da Costa da Morte. A súa capacidade para ensarillar unhas letras coas outras xa foi recoñecida de ben nova no Concurso de Redacción Coca-Cola e máis tarde no Gz Crea do ano 2008, onde resultou gañadora do apartado de relato coa narración ‘A confraría das palabras’. Actualmente ten viradas as enerxías cara a formación xornalística, e durante o pasado ano mantivo, dende as terras finesas onde cursou o terceiro ano da carreira, o blog ‘A furna dos remorsos‘. Participou no volume colectivo ‘Letra en Obras, 17 letras sen día’ co texto titulado A Nasa. Neste ano 2011 foi elixida finalista do VII Premio Biblos – Pazos de Galicia de novela, que esta semana dará a coñecer o seu gañador ou a súa gañadora.

Volvendo a vista cara atrás, cales son os teus primeiros recordos nos que anda presente a literatura, seguramente aínda como lectora?
Vivindo na Costa da Morte, calquera primeiro recordo ten que ver coa literatura. Mais, se me remito á que partillan os libros, daquela teño dicir que ‘Dona Carme’, de Manuel Bragado era o libro que máis me acordaba antes de ir para cama, por iso miraba debaixo do colchón antes de durmir. E supoño que todas aquelas historias dos irmáns Grimm, de Perrault e de Andersen, que a miña nai mercaba en tomos de cores, deixaron un pouso importante na miña conciencia de lectora ou de narradora, que debe ser un pouco o mesmo.

Se tiveses que citar un pequeno monllo de obras que te influíron en diferentes momentos da túa vida a cales te referirías e por que?
Houbo no meu colexio de Baio unha mestra que inventou un recuncho para a poesía, e alí agochabamos a Manuel María, a Miro Villar, a Celso Emilio, a Rosalía ou mesmo a Sabina e cada día escolliamos un poema ou unha canción para aprendela de memoria. Despois chegaron os libros de moitas páxinas e con eles ‘El amor en los tiempos de cólera’, ‘O lobo estepáreo’ ou ‘Ou o porco de pé’ nos que había personaxes que falaban a miña mesma lingua ou que, no caso de Risco,se parecían en gran medida aos políticos da zona.

Como se dá o paso da lectora de textos emprestados á escritura de textos para converterse, daquela, en lectora de textos propios?
Cada vez que os personaxes sobrevivían aos contos, a min dábame por facerlles diarios nos cadernos que me regalaran pola primeira comuñón. Supoño que empezou un pouco por aí, pero tamén das historias que nos facían inventar na escola. Sempre tiven mestras moi románticas que soñaban con facernos poetas e dramaturgos e foi moi fácil collerlle o gusto a escribir.

Letra en Obras aposta polo aproveitamento das novas tecnoloxías para a difusión da literatura. Chimpando a un nivel paralelo, consideras que se está a facer todo o posible para aproveitar estas ferramentas de cara á creación de novos discursos que se axeiten aos novos formatos (internet, teléfonos…)?
Unha vez xoguei a un videoxogo no que en lugar de conseguir recursos para formar un imperio, dábanche versos para construír un poema. Supoño que as novas ferramentas deben consistir niso, en que o premio sexa inventar. E está moi ben que en Galicia aparezan iniciativas coma Letra en Obras, porque é a mellor maneira para crear pontes con outras culturas e agora o mundo estendeuse tamén a internet. Iso é de ter en conta.

No teu caso estás agora inmersa na elaboración da novela coa que te candidatas para o Premio Biblos. Como está a correr o proceso?
Agora mesmo, o único que podo dicir da novela é alea iacta est. Aínda que camiñar polas rúas é un exercicio perigoso, porque ao pouco asáltanme ideas para cambiar un diálogo ou engadir algunha anécdota. Din que escribir é un proceso que nunca remata, e a min gústame crer iso.

Que podes contarnos da forma que vai tomando esa obra?
É unha historia que se me ocorreu mentres estudaba en Finlandia, tomando un café. Tivo algo que ver co feito de que coñecera a persoas pouco comúns con teorías e ideas extravagantes. As viaxes son un capítulo fundamental da miña vida, por iso teñen un papel protagonista na historia. E, por suposto, está a miña obsesións polas crebas na Costa da Morte, de onde recollo sempre verdades coma puños desas que arrastra o mar e despois enchen páxinas.

Comentario a “Das crebas recollo verdades coma puños que arrastra o mar e despois enchen páxinas”

  1. Mio Dioooo¡¡

    Que promesa, que dominio do tempo narrativo, que descubrimento entre as rochas salvaxes da Costa da Morte…¡¡

    Coido que vai haber unha alta masiva de novos leitores no país :))

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 5 = 14