medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“Mentres haxa minorías, tamén haberá poesía”

David PobraDavid Pobra foi premiado no certame Gzcrea 2008 polo libro ‘Poesía primeira de amor desamor e arrefriado’, e gañador no 2009 do certame Xuventude Crea polo libro ‘Poesía segunda de amor desamor e sinusite’. Ten outros tres libros de poemas inéditos (o segundo dos premiados tamén o é), unha novela curta moito máis inédita e algúns relatos ineditísimos (ben, menos o publicado en Letra en obras e algún máis que anda por aí esparexido). Pertence ao consello de redacción da revista Dorna (onde tamén publicou algún que outro poema) e á editorial alternativa Estaleiro Editora. Aspira a “forrarse” cos seus poemas. Dentro do ‘Letra en Obras, 17 letras sen día‘ publicou o relato ‘Relato de dúas páxinas e pico’.

 

1. Volvendo a vista cara atrás, cales son os teus primeiros recordos nos que anda presente a literatura, seguramente aínda como lectora?

Os meus primeiros recordos relacionados coa literatura están marcados sen dúbida polo negocio familiar que abriron os meus pais, unha libraría. Ben, unha libraría, papelaría, xoguetería, etc (nas vilas como A Pobra ha que diversificar para subsistir). Lembro as primeiras veces que collía libros por iniciativa propia. Primeiro cómics, ‘Ásterix e Obélix’ sobre todo. Logo sagas de literatura infantil do tipo El pequeño vampiro. Mais tarde pasaría á ciencia ficción, Asimov, K. Dick. Libros que collía sen demasiado criterio e por puro aburrimento, podendo baixar á libraría incluso de noite, pola porta interna entre a libraría e a vivenda. Recordo iso con certa nostalxia, agora miro bastante máis as lecturas ás que lles dedico o meu tempo. Tamén lembro a miña primeira gran recomendación literaria, a ‘Metamorfose’ de Kafka, que cumpriu sobradamente as expectativas creadas.

 

2. Se tiveses que citar un pequeno monllo de obras que te influíron en diferentes momentos da túa vida a cales te referirías e por que?

En poesía, sen dúbida, a Poesía última de amor e enfermidade, de Lois Pereiro. Porque me fixo entrar de cheo non só na galega, senón na poesía en xeral, e dende o máis agochado do underground galego, cousa que nin se me pasara pola cabeza que existía pois ese tipo de material non chegaba á miña libraría. Por sorte chegou a través de Puri, unha profesora do instituto que me achegou aquel libro que tanto me marcou e influíu. Neste xénero tamén debería citar ‘As flores do mal’ de Baudelaire, ‘Así se fundou Carnaby Street’ de Panero, e algún dos de Bukowsky (‘Toca o piano borracho ata que os dedos empecen a sangrar un pouco’, que foi o primeiro que lle lin, por exemplo, aínda que hoxe en día me decantaría máis por ‘Poemas da última noite na terra’), supoño que tamén pola súa poesía sucia e descarnada.

En narrativa, pois un que tamén era amigo de Lois aínda que eu daquela non o sabía. Manuel Rivas. Especialmente o de ‘Que me queres amor?’, por saber transmitir dunha forma tan contemporánea e lírica a un tempo ese sentimento de galeguidade que facía os seus relatos distintos a todos os que lera ata o momento. Claro que aínda non lera a Borges ou a Cortázar, por culpa dos cales me decidín máis tarde a facer filoloxía hispánica.

En teatro, sendo d’A Pobra, a resposta está clara: Valle-Inclán. A primeira vez que o lin ‘Luces de Bohemia’, conseguiu transportarme a unha realidade pasada ata o punto de comprendela e facerme sentir toda a dor desa época moito mellor que calquera manual de historia. Logo descubriría tamén a Cunqueiro e o seu ‘Don Hamlet’, co que entendería a forma en que a literatura pode reproducirse ata o infinito e gañando un senfín de posibilidades segundo o brillo distinto das lentes de quen observa a historia, e dende onde a observa.

Mais adiante, xa na universidade, aprendería a analizar as grandes obras e a comprendelas a outro nivel, e como me queda por mencionar algunha novela, coido que debería citar algunhas de compoñente metaliterario que son as que máis me interesaron: ‘O Quixote’ de Cervantes, coma non, ‘Rayuela’ de Cortázar, ou ‘Os detectives salvaxes’, de Bolaño.

 

3. Como se da o paso da lectora de textos emprestados á escritura de textos para converterse, daquela, en lectora de textos propios?

A vocación na escrita viu dende moi cedo tamén. Animado polo colexio, facendo relatos para a revista que alí tiñamos e algún que outro certame literario. Mais sería na ensinanza secundaria cando comezase a presentarme a certames de diversos lugares e gañando algúns deles, especialmente de poesía, xénero que ata a adolescencia xamais me interesara. Tamén houbo xa daquela algunha iniciativa orixinal e romántica como a elaboración dun pequeno fancine de poesía titulado Máis Aká, que distribuíamos de forma anónima polo instituto eu e Jordi, amigo e conselleiro literario.

 

4. Letra en Obras aposta polo aproveitamento das novas tecnoloxías para a difusión da literatura. Chimpando a un nivel paralelo, consideras que se está a facer todo o posible para aproveitar estas ferramentas de cara á creación de novos discursos que se axeiten aos novos formatos (internet, teléfonos…)?

Coido que pode ser un bo método de difusión, aínda que eu son dos que para consumila prefiren o papel. Supoño que se pode facer máis, sempre se pode facer máis, pero non me preguntes como.

 

5. Ata agora a túa habilidade para escribir era máis coñecida polo traballo na poesía. Como artellas a relación entre esta e a narración?

Comecei a centrarme na poesía na miña etapa universitaria, cando alguén me dixo que os meus relatos estaban moi ben, pero que deixase o dos poemas porque non era o meu. Sempre fun moi cabezón, e ata que me convencín a min mesmo de que si podía, pois deixei a narrativa un pouco de lado. Agora atópome coma se volvese a saírme o virgo na prosa, síntome un pouco inocente e cústame atopar as voces para contar as historias. A verdade é que me custa máis que a poesía, mais supoño que é cuestión de costume e oficio.

 

 

6. Se pensamos que a literatura perdeu o papel central na creación de cosmovisións que tivo noutro tempo, pode un xénero cun público relativamente restrinxido, como é a poesía, correr un risco maior que o da narrativa?

Coido que non. Consumimos poesía constantemente, xa sexa a través da literatura, da música, do teatro, ou mesmo da publicidade. Nese sentido, sempre haberá poesía porque é necesaria. Mais se falamos explicitamente da poesía que vén nos libros que fan unhas persoas que se fan chamar poetas, pois aí si que hai algo máis de problema. Estou canso de ler libros que non me din absolutamente nada, igual era bo que houbese unha boa criba e quedasen só aqueles que pagasen a pena. Logo están casos tristes por un lado mais esperanzadores polo outro, coma o de Pereiro, ou máis flagrantes aínda coma o de Fonollosa, deixándolle ao tempo que sexa o encargado de poñer a cada quen no seu lugar e de sacar á luz o que realmente pagaba a pena, aínda que na súa época pasase desapercibido. A narrativa sempre estará aí e sempre en maior medida que a poesía, pero mentres haxa minorías, tamén haberá poesía.

 

7. No teu texto de presentación para 17 letras sen día falabas dun libro de poesía inédito titulado Poesía segunda de amor e sinusite. Que máis hai gardado no teu disco duro?

Pois outros tres libros de poemas, por exemplo. Un que se relaciona co mundo da pornografía, outro coa cidade de Barcelona, e outro que raia unha vez máis no complexo de Peter Pan, mais asomando xa cara unha posible madurez e a modo de homenaxe aos meus principais referentes poéticos. Tamén garda unha novela curta xestada a través da rede (ves, aí tes un exemplo de tirarlle partido literario aos novos medios), de cando colaboraba en Vieiros Barcelona. Alí publiquei un pequeno relato que logo dei en completar cada certo tempo a través das colaboracións dos lectores. Estes, a través dos comentarios mandaban algunha proposta: un personaxe, unha situación, unha cor, un nome, un sentimento, o que for. Logo eu tentaba incorporar esas propostas no seguinte relato. Co tempo, apareceu un personaxe e unha historia que se antepuxo a todo o demais. Uns anos despois, cando volvín ter algo de tempo, decidín pulir e experimentar con ese personaxe e fixen esa pequena novela (ou relato extra-longo) que algún día, cun pouco de sorte, sairá á luz. E ben tamén hai algún que outro relato esperando a súa ocasión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


3 + = 11