medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“Non avanzamos moito se usamos os blogs para tratar as mesmas tres ou catro obras”

Eva MoredaLetra en Obras comeza o ciclo de conversas coas “17 letras sen día” falando coa voz máis recoñecida dentro circuítos de relacións literarias galegos, dentro do grupo de autoras e autores que participaron na antoloxía de descarga gratuíta dispoñible nesta páxina.

Eva Moreda (A Veiga, Asturias, 1981) debutou na literatura galega en 1997 coa novela xuvenil de tema artúrico ‘Breogán de Guisamonde, o Cabaleiro da Gaivota‘, premio Rúa Nova da Fundación Caixa Galicia. A esta seguíronlle ‘O demo e o profundo mar azul’ (2003), ‘Singularis Domitilla’ (2004), ‘O país das bestas’ (2009), ‘Organoloxía’ (2010) e ‘A Veiga é como un tempo distinto’ (2011). Outras obras narrativas e poéticas súas apareceron en diversas publicacións periódicas (Revista das Letras, Dorna, Busola) e antoloxías (Narradoras, Veas verdes). Obtivo, entre outros, os premios Historias na Universidade da USC, Narrativas Quentes e Terra de Melide, e foi finalista en outros como o Biblos para menores de 25 anos, o Manuel Murguía de narrativa e o Ánxel Casal ao mellor libro de ficción do ano.

É titulada en Piano, licenciada en Filoloxía Clásica, e licenciada e doutora en Musicoloxía. Como musicóloga, ten publicados varios traballos en revistas e compilacións internacionais, fundamentalmente en torno á historia política da música durante o primeiro Franquismo. A súa actividade docente e investigadora neste eido desenvolveuse ata o momento no Reino Unido, en institucións como o Royal Holloway College – University of London, Royal Academy of Music e a Open University.

 

1. Volvendo a vista cara atrás, cales son os teus primeiros recordos nos que anda presente a literatura, seguramente aínda como lectora?

Cando tiña máis ou menos tres anos, ía de paseo co meu avó todas as mañás e todas as mañás me mercaba un contiño ilustrado. Era como un rito. En realidade, daquela máis que lectora era escoitadora, porque aínda non sabía ler e o conto tiña que lermo o meu avó.

 

2. Se tiveses que citar un pequeno monllo de obras que te influíron en diferentes momentos da túa vida a cales te referirías e por que?

Tiven unha etapa de deixarme influír polo realismo máxico latinoamericano, que seica é un sarampelo bastante frecuente entre aspirantes a escritores. Tamén pasei por unha fase, aos dezaseis ou dezasete anos, de querer imitar conscientemente a Manuel Rivas; daquela, o que escribía parecíame moi diferente a todo o que se escribía en galego naquel momento. Creo que o último autor polo que me deixei influír foi Paul Auster. Agora non escribo pensando en influencias nin referencias, aínda que sería soberbia dicir que non as teño.

 

3. Como se da o paso da lectora de textos emprestados á escritura de textos para converterse, daquela, en lectora de textos propios?

No meu caso, foi moi natural. Aprendéronme a ler no colexio e aos poucos meses deume por escribir, porque, na miña lóxica, pensaba que, se había textos que ler, sería porque alguén os escribía. Naquel momento, tampouco lle daba máis voltas; para min, ler e escribir ían unidos.

 

4. Letra en Obras aposta polo aproveitamento das novas tecnoloxías para a difusión da literatura. Chimpando a un nivel paralelo, consideras que se está a facer todo o posible para aproveitar estas ferramentas de cara á creación de novos discursos que se axeiten aos novos formatos (internet, teléfonos…)?

Na literatura galega, houbo intentos ben interesantes e pioneiros, o que creo que demostra que a literatura galega de atrasada non ten nadiña. Agora é como se os novos formatos se utilizasen principalmente para a difusión da actualidade literaria e non tanto para a creación, pero eu teño a impresión de que se seguen facendo cousas innovadoras, pero nas marxes do sistema literario galego. O “mainstream“, nese sentido, é bastante conservador.

 

5. O feito de escribir dende fóra e de adicarte a unha área traballo distante da literatura ofrece a posibilidade de estar menos condicionada polo que acontece no panorama literario galego?

Penso que si. Ata agora, eu intentaba seguir e participar no panorama literario galego aproveitando que este apostou masivamente, nos últimos anos, polos blogues e as redes sociais, e isto actuaba como unha ponte para os que non vivimos en Galicia. Pero tamén teño que dicir que últimamente estou un pouco cansa, vexo bastante lercheo que non achega moito. Daquela, vivir fóra proporcióname a escusa perfecta para desconectar, para distanciarme do panorama literario galego se quero facelo, aínda que tamén son consciente de que, se me distancio, é con todas as consecuencias. Non é ningún segredo que, no sistema literario galego, vivir fóra non axuda.

 

6. Tendo en conta a túa posición como a narradora con máis vagaxe de entre as persoas que participaron nas ’17 letras sen día’, pensas que iniciativas como esta axudan realmente a que os lectores se familiaricen cos nomes dos que están a chegar?

Polo menos, así me gustaría que fose. O sistema literario galego, como xa dixen, está facendo un uso moi importante de Internet para a difusión, pero ás veces dáme a impresión de que esta difusión se centra nos nomes e obras xa coñecidos. Está moi ben que se abran blogues de crítica literaria, ou simplemente de comentario de lecturas, e que se fale de literatura en Facebook, pero se todo este movemento crítico vai tratar das mesmas tres ou catro ou cinco obras, realmente non se avanza moito, ou non se avanza todo o que se debería. Eu espero que Letra en obras e 17 letras sen día sirvan para achegar unha pinga de diversidade; agora ben, tamén hai que traballar para conseguir visibilidade.

 

7. Que se debería agardar que aporten estas mozas e mozos ao panorama literario?

A min gustaríame que algún deles trazase un retrato xeneracional, do desencanto ou desilusión ou incredulidade que creo que caracteriza aos que temos menos de trinta e poucos. Pero, como teño claro que eu non sei nin quero facer este tipo de retrato xeneracional, tampouco lle vou pedir a ninguén que o faga.

2 comentarios a “Non avanzamos moito se usamos os blogs para tratar as mesmas tres ou catro obras”

  1. E non deberían ser os escritores os que conquisten o seu público por si proprios?

  2. Adiante coas novas xeracións!!! A literatura é a máxima expresión da nosa lingua

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


5 + = 9