medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“Na nosa literatura hai máis poses de escritor que escritores”

Camilo FrancoPechamos a rolda de conversas con escritoras e escritores consagrados en diferentes polos do noso campo literario falando co precursor na creación literaria na rede cando, aló polo 1999, lanzou á rede o proxecto Por conto alleo en colaboración con Vieiros. Agora presenta o espectáculo Balada triste de moqueta, pero antes tivo tempo para atender a Letra en Obras.

1. Como avalías o momento polo que pasa hoxe a literatura galega?

Dende o meu punto de vista hai moita variedade, unha sobreoferta de literatura e un exceso de literatura de instituto. Por un lado eu penso que a literatura galega ofrece boas obras con certa regularidade, como unha literatura que funciona, unha literatura que ten un centro e unhas alternativas: funciona como sistema en conxunto. Pero eu creo que nos últimos catro ou cinco anos hai unha especie de deslumbramento pola chegada ao mercado, sen entender que a literatura galega, como o resto da cultura galega, seguen tendo mercados cautivos. Non parece que se compre por espontaneidade, ao contrario, depende dun mercado que está cautivo e non me refiro tanto a subvencións senón aos institutos, recomendacións e ese tipo de lecturas case feitas por prescrición facultativa. Entón hai dúas literaturas paralelas, que están funcionando no mesmo espacio pero non da mesma maneira. O que quero dicir é que no sistema literario galego están no mesmo plano algo que é literatura popular co que poderíamos chamar literatura sofisticada ou experimental. Non hai grandes diferencias e eu penso que esa falta de claridade, tamén en canto ao posicionamento dos autores que dunha semana para outra poden mudar a súa intención, induce a confusión aos lectores. Tamén me parece que ninguén ten vontade de aclarar esa confusión, que hai moita diferencia entre o que os escritores din nas entrevistas e o que fan na práctica. Non se pode facer ben literatura popular e ao mesmo tempo querer ser un fino estilista: son opcións polas que hai que apostar cando escribes. Non podes ter os cartos e o prestixio, aínda que na literatura galega os cartos xa non os hai e o prestixio tampouco é moi importante. En conclusión eu creo que hai moita distancia entre a teoría e a práctica e, en certo sentido hai moitas máis poses de escritor que escritores.

O que quero dicir é que unha cousa é falar de literatura, e aquí eu penso hai catro ou cinco escritores que valen a pena, e outra cousa é falar do sistema literario que, en realidade, é do que falamos sempre. Se falásemos de literatura habería que dicir que as últimas novelas da literatura galega son moi aburridas e están todas volcadas nun peso do compoñente social ou no peso dunha responsabilidade que non é nosa. Por que un escritor de 40 anos se vai ter que sentir culpable polo que pasou na Guerra Civil, ou por que ten que asumir el a liberación da memoria que nos deixaron? Non habería porque e non pasa en ningunha literatura máis que aquí e na peor parte da literatura en español. Entón cando falamos de literatura hai que pensar por que somos seguidistas? Por que non fomos capaces de establecer en ningún momento dos últimos trinta anos un tipo de literatura que se identificara con nós mesmos? Por que a literatura galega leva trinta anos buscando unha gran novela cando xa o resto das literaturas do mundo decidiron non escribir novelas senón libros que o mesmo podían ser ensaios que novelas? Esas son preguntas que ás veces os escritores non se fan porque seguramente é máis cómodo identificarse co papel prototípico do escritor, encerrado nunha torre ou nunha habitación cun teclado.

 

2. Achegándonos á dinámica de consagración de autores en galego que supón a celebración do Día das letras galegas, que autor ou obra reclamarías ti como esquencida hoxe na literatura galega?

Unha cousa que me gustaría é que os escritores de teatro foran reivindicados como escritores, no sentido de que unha figura con tanta obra como Roberto Vidal Bolaño non acostuma ser tomado en consideración como escritor. Eu sempre digo que se no canto de escribir teatro escribise novelas, que no fondo é un exercicio parecido, Vidal Bolaño podía ser o gran novelista de finais do século vinte en Galicia. Isto non pasa só en Galicia, é un mal xeral. Cando se fan as historias literarias do século pasado temos tendencia a pensar que ou ben son poetas ou ben son novelistas, ou ben non son. Eu creo que aí habería que ter en conta obras como a de Vidal Bolaño que ás veces ten tanto interese literario como dramático. Eu tampouco quería caer no rollo de reivindicar só o morto, entón reivindicaría unha xeración que non foi estudada aínda, como é a xeración de 60-90-60: naceron nos sesenta, comezaron a publicar nos noventa e van a camiño de cumprir sesenta anos sen que nada cambiara. É unha pequena broma e o de que van a camiño de cumprir os sesenta é un pouco esaxerado, pero hai moita xente nesa xeración que coincide co que a min me gusta ler, como poden ser Borrazás, Antón Lopo, Xerardo Méndez, Ramón Caride, Jaureguízar ou como podo ser eu mesmo. Penso que hai moita xente escribindo nesa franxa con gran talento literario e, ademais, teñen a vantaxe de que nesa xeración case non hai poetas. E dígoo intencionadamente o da vantaxe, porque o peso da lírica en Galicia é excesivo, diga o que diga Gamoneda.

 

3. Pensando dende unha posición de lector exento de vontade orientadora, por que camiños che gustaría que avanzase a creación que xa existe hoxe e o día de mañá debe cargar ao seu lombo a nosa literatura?

O primeiro é que non desapareza como vocación. Ao final ou intentamos contarnos a nós mesmos ou senón da igual en que idioma o fagamos: a literatura inglesa conta o que é Inglaterra aínda que fale da Batalla de El Alamein, e ao final a literatura ou ten a finalidade de contar como somos ou da igual en que idioma estea escrita. Eu por aí non sei se estamos na dirección correcta. No discurso práctico vexo unha gran confusión a respecto dos novos soportes, vexo moita xente falando diso pero sen experimentar nada. Éncheselles a boca falando do 2.0, de literatura cooperativa, pero non vexo a ninguén dando os pasos para contribuír a ela. Vexo que a xente di: teríamos que facer isto, que vai ser a hostia e despois o que se publica non se corresponde en nada coa teoría. Si realmente o futuro está na rede ou está nos tablets ou na literatura que se poida ler na pantalla dun reloxo teríamos que estar experimentando nese sentido, e refírome a experimentando no sentido literario. A cantos libreiros ou a cantas editoriais tes visto experimentar a eses dous niveles de “pódese facer” e “pódese vender”? Eu non o vexo, vexo que somos seguidistas e esperamos a ver que fan as editoriais de Madrid. Nin sequera somos seguidistas das editoriais norteamericanas ou das inglesas e se somos unha nación poderíamos selo. Logo o que na teoría nos ofrece tremendos entusiasmos na práctica ofrécenos tremendas dúbidas e aí é onde vexo que a veces somos unha nación cansada porque senón eu tería que ver aos escritores, incluíndo aos máis novos, máis decididos a experimentar, menos responsables de ter unha carreira ou unha obra. Isto tamén llo diría aos que se consideren maiores. Ese espírito lúdico de experimentar cos soportes e de ver como responde a xente, non llo vexo. Tamén é verdade que se eliminamos o concepto soporte ese espírito de non xogar co público, ou ese espírito de pensar que os escritores teñen unha obra que pode medrar sen o contacto do público é un dos males da literatura do país en conxunto. Sabemos que hai problemas para todo e o sistema de público en Galicia está pervertido pola represión, pola política, pola falta de falantes… pero aínda así, en canto ao que a literatura debería facer, estamos un pouco parados porque unha das grandes vantaxes de estar nun sistema como o galego é que nada do que fagas ten importancia. Entendo que Vargas Llosa pense que tipo de novela vai escribir e sinta o medo ao fracaso, pero para un escritor galego o fracaso é a condición habitual, o fracaso non existe como concepto: non hai fracaso porque tampouco hai trunfo, son términos que non existen. Por ese lado temos unha sorte inmensa porque só temos que facer o que nos pete e, a pesar de todo, non vexo a moita xente facendo iso.

 

4. De que xeito pensas que se deben aproveitar as ferramentas que as novas tecnoloxías nos ofrecen para facilitar a difusión da creación en xeral e, particularmente, dos textos escritos?

Antes de saber como imos aproveitalas deberiamos telas experimentado porque eu penso que non o fixemos e estou falando dende o punto de vista narrativo, por exemplo. Non falo dende o punto de vista económico que aí xa teriamos que pensalo. Pero tamén deberiamos perder esa sensación de deslumbre que temos ás veces, porque esa historia de que as novas ferramentas nos van salvar está descamiñada: as novas ferramentas servirán para o mesmo para o que serviron as antigas. Non creo que o comportamento humano vaia ser diferente. Outra cousa é preguntarse “cal é o relato que vai saír das novas ferramentas?”. Esa é unha pregunta teórica que necesita unha resposta práctica e a min gustaríame darlla pero aínda non a teño moi ben. Quero dicir que non sei cantos escritores galegos ou de fóra practicaron co que eran as novas ferramentas hai dez anos ou quince. Eu intentei facer algo por aí e o discurso que saía é que hai un público ao que se pode chegar e hai un público ao que hai que ver como seduces sen saírte da literatura e aproveitando o recurso de que eles poden participar ademais de aproveitar, tamén, a posibilidade de establecer un novo discurso narrativo nese soporte. Pero tamén é verdade que unha parte dese soporte está botando á literatura do seu sitio: non vai ser un soporte que dependa só da palabra e entón aí quizais haxa unha reconversión. Pero todo isto son especulacións porque o que tiñamos que estar facendo era probar, case por un afán de evitar unha invasión, para evitar acabar lendo as historias que escriben os outros. Cando aparece un novo soporte o primeiro é a ocupación, e isto o capitalismo teno moito máis claro que os teóricos da literatura, e máis ou menos iso é o que fai Telefónica. Primeiro hai que ocupar o espacio antes de verte obrigado a comprar o que os demais desenvolvan para ese espacio. Daquela, eu creo que por ese lado nós xa deberiamos estar ocupando ese espacio. Temos que lembrarnos de que seguramente a literatura galega case hai un autor por lector, entón máis que un autor de cabeceira case tes un autor especialista para ti solo e eu creo que nese aspecto si que hai recursos humanos para afrontar estes cambios. Coa literatura en internet nos teléfonos móbiles, etc, antes de establecer un discurso teórico sorprendente e sorpresivo, deberiamos tentar experimentar o práctico.

3 comentarios a “Na nosa literatura hai máis poses de escritor que escritores”

  1. Camilo Franco ten boas ideas pero enrédase e acaba sendo contraditorio. Pero hai que recoñecerlle a valía e a valentía. Agora que pense un pouco máis sobre o que dixo nesta entrevista e o sintetice, que para algo é xornalista

  2. Nunca pensei que escoitaría a ninguén aquí dicir que a maioría do que se publica hoxen en Galicia é aburrido. Coidara que iso era sacrilexio. Camilo, que te excomungan…

  3. O gran problema segue a ser gañar lectores. En Galiza debería haber o triple de lectores da nosa literatura. Algo falla. Fan falta autores que conecten coa xente pero tamén ferramentas que os fagan coñecidos polo gran público. Logo virá a batalla por gañar lectores fóra. Paso a paso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


1 + 1 =