medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“Hai que apostar pola introdución da literatura en novos espazos dun xeito imaxinativo e pedagóxico”

Entrevistamos o escritor Xurxo Martínez, que se estrea como narrador en Letra en Obras co relato “A humillación da inocencia”. Eis un primeiro texto brillante que, de seguro, terá continuidade en novas achegas.

El mesmo nos debulla unhas liñas máis sobre a súa vida:

“Nacer en Coia marca dende o berce. Este barrio de Vigo determina parte do meu ser na infancia e na mocidade. Determínao o ambiente social. Son de Coia e son neofalante dende os 17 anos. Dígoo con toda a fachenda do mundo: falo galego na cidade. Na miña casa ninguén falaba a nosa lingua. Nin tiven a referencia dos meus avós. Tampouco aldea até hai uns anos, cando me adoptaron en Vilachá (A Pobra do Brollón). Entón confluíu o urbano co rural, o neofalante co galego máis vivo e rico.

Fun estudande de ciencias puras até 1º de Bacharelato (quería ser físico) e no último ano paseime a letras puras e agora preparo o doutorado en Filoloxía Galega. Reviravoltas da vida.

Este relato é o primeiro que publico de creación literaria. Non dedico tempo á escribir neste eido. Cando me cadra, redacto. Acontece poucas veces.”

Aquí tedes a entrevista con Xurxo:

1. Volvendo a vista cara atrás, cales son os teus primeiros recordos nos que anda presente a literatura, seguramente aínda como lector?

Non fun un lector precoz. As primeiras lecturas son de banda deseñada. Non tiven un especial gusto pola literatura xuvenil fronte a un dos meus irmáns que se enchía coas aventuras dos cinco de E. Blyton.

Porén, dende cativo sempre me gustaron os libros que tivesen imaxes e tiña unha querenza rara polas enciclopedias por esa  razón, por que traían moita foto. Unha das que máis visitaba, pola súa manexabilidade, era a Gran Enciclopedia Galega. Ás veces digo que o meu nacionalismo enraíza aquí porque descubrín aquilo do que non me falaba ninguén.

 

2. Se tiveses que citar un pequeno monllo de obras que te influíron en diferentes momentos da túa vida a cales te referirías e por que?

Na novela, Crime e castigo de Dostoievski, autor polo que sinto unha fonda devoción, supuxo o primeiro contacto coa novela chamada “psicolóxica”. Saramago tamén me deixou a súa pegada co estilo narrativo d´O ano da morte de Ricardo Reis e Darío Xohán Cabana co seu Morte de rei polo tratamento dun tema histórico.

No ensaio, Así falou Zaratustra de Nietzsche convidoume a repensar a relixión, moi presente na miña infancia,  así como o Manifesto comunista deitaba luz sobre conflitos sociais que vivín moi de preto na mocidade.

Sombra do aire na herba, de Luís Pimentel foi unha descuberta e afondei na obra completa. Logo aparecen poetas como Aquilino Iglesia Alvariño, Antón Avilés de Taramancos, Álvaro Cunqueiro ou Manuel Antonio. Fóra do galego, Fernando Pessoa xunto ao seu amigo Mário de Sá-Carneiro (que vive o elitismo e a bohemia até sentir a asfixia vital que o leva ao suicidio; todo moi presente na súa produción), Gottfried Benn (polo seu expresionismo) e Pablo Neruda (pola forza evocadora dos seus versos).

No relato curto, Crónica de nós de Méndez Ferrín, Do caso que lle aconteceu ao Doutor Alveiros de Vicente Risco ou calquera de Machado de Assis. O primeiro polo lirismo e a presenza da violencia; o segundo, por ser o contacto inicial coa temática de ultratumba e o terceiro pola sinxeleza do relato con tramas engaiolantes.


3-No teu caso, que xa tes unha traxectoria no mundo do ensaio e no xornalismo de opinión, como se dá o paso ao rego literario?

A franxa que pode dividir a produción xornalística da literaria é minúscula en min. Seguramente traslade máis trazos do estilo literario ao xornalístico que ao revés. A linguaxe moi académica ás veces roza a incomprensión ou a pedantería. Pola contra, pode que unha linguaxe popular, con chiscadelas culturais, facilite a comprensión e a lectura. No ensaio mídome máis aínda que non me resisto a incluír esas doses de estilo. Porén, se ben en opinión ou en ensaio si atendo ao tipo de lector ao que me dirixo, non pasa o mesmo no rego literario. Realmente non me importa en nada o lector. Non me interesa. Non escribo pensando no recreo do resto. A expresión literaria é parte dunha intimidade que só quero compartir con aqueles que realmente me coñecen. Só eles teñen as claves para a interpretación do relato. Nesa complicidade síntome a gusto.

 

4. Letra en Obras aposta polo aproveitamento das novas tecnoloxías para a difusión da literatura. Chimpando a un nivel paralelo, consideras que se está a facer todo o posible para aproveitar estas ferramentas de cara á creación de novos discursos que se axeiten aos novos formatos (internet, teléfonos…)?

As novas tecnoloxías son presente e serán máis determinantes no futuro. Por iso o galego e a literatura galega teñen que tratar de camiñar á par, e mellor sería ir por diante. Internet facilítanos a exportación da nosa cultura e precisamos plataformas que potencien os nosos autores no mercado internacional. Tamén nos vencella a outras culturas coas que temos que intercambiar. Precisamos que o galego tamén estea máis vivo en iPad ou iPhone (mírese Contoplanet). Por que non promover que nalgúns destes modelos poidan ir incorporados como predeterminados algúns textos curtos de autores galegos? Non digo ren sobre a obrigada existencia da opción do galego nestes aparellos. Tamén están os “videopoemas” como outro xeito de creación. Debemos fomentar esa interactividade entre o lector e o texto, a súa compaxinación con outras fórmulas de creación (pintura, audio, vídeos…) por medio das novas tecnoloxías. Non é que sexa un terreo virxe na nosa lingua pero, sen dúbida, queda por facer.

 

5-Que medidas consideras precisas para gañar lectores para a nosa literatura?

É importante que a literatura estea presente en contextos e ambientes pouco habituais. Houbo un tempo en que Renfe repartía unha escolma de textos de autores galegos. Deberíase continuar con esa práctica e incluíla noutras esferas. Tamén polo Día das Letras Galegas algún supermercado imprime bolsas con textos dos autores homenaxeados. Hai que apostar pola introdución da literatura galega en novos espazos dun xeito imaxinativo e pedagóxico.

Algo que tamén debemos ter en conta é o mundo da tradución. Cando en galego se traduce algunha obra denantes que en castelán e esta ten certa predicación, pois gañamos lectores. Miremos o caso de 1Q84 de Murakami (un libro líder en vendas) que foi editado por Galaxia denantes que Tusquets (aínda que a publicación acontecesen á vez por outras cuestións). Outras obras deste autor xaponés xa foran traducidas para a mesma editorial galega con anterioridade o cal marca unha referencia. Poderíamos citar outro feixe de casos.

 

6-Como xorde o relato co que participas en Letra en Obras?

Xorde como resposta á repugnancia daqueles que adoutrinan en moralidade e ética, en valores e principios que decote contradín dende a cadeira da suficiencia, da sapientísima. É unha agresión simbólica a aqueles fanfurriñeiros que pensan que viven no cume do Himalaia e non pasan de estar nun outeiro da Terra Chá. Pensan que teñen lexitimación para decidir o correcto do que non  pero cun engado: no intre en que non opinas igual, entón es un apestado e cómpre de súpeto que te desprezen. Un menosprezo que se acentúa cando se produce durante a mocidade onde un está asentando a comprensión do mundo con trazos de compromiso activo. O relato é a expresión de fastío e noxo contras estes personaxes.

Fronte a iso, debe xurdir o carácter e a firmeza das ideas, a configuración do pensamento propio e o valente enfrontamento con eles.  Sacudir ese rol de fillo adoptado ou figura de monicreque que eras. É un feito violento. Combaten entón dúas etapas da vida: a do discípulo fiel e a do discípulo emancipado. Pero hai unha complicación: este mestre ten extirpado anacos vitais do discípulo. Polo tanto, matar o mestre é, en parte, matar parte de si mesmo. E o discípulo é consciente e téntao o perdón relixioso. Finalmente, tras denunciar nesa tensión de miradas a “vontade de poder” do mestre, vence coa retirada do mestre. Retírase o perdedor, fodido coa verdade desa denuncia e fodido porque a leva na súa conciencia, tremendo de que se saiba e covarde por non querer rectificar (a fachenda é intocábel). Pero tamén preocupado porque no futuro as actas da historia recollan os seus delitos éticos.

2 comentarios a “Hai que apostar pola introdución da literatura en novos espazos dun xeito imaxinativo e pedagóxico”

  1. Eu gostei moito do teu relato e, en xeral, de todo o libro. Parabéns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


+ 2 = 5