medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“O libro pode mudar cara a outro lado, o caso é que queden os contidos”

Xosé Luís Méndez FerrínFalamos con Xosé Luís Méndez Ferrín.

1. Como avalías o momento polo que pasa hoxe a literatura galega?
A literatura galega durante todo o século vinte e o que levamos de vinteún atópase na súa idade de ouro. Isto é un tópico que se dixo moitas veces, pero é certo. Non houbo outra época que fose tan potente, tan variada e a min o que me satisfai e que xa, dende hai tempo, a literatura galega constitúe un sistema e ten un carácter nacional. Non é unha literatura dialectal nin é unha versión local da literatura española ou moitísimo menos da portuguesa, é absolutamente independente. Ten uns ritmos propios, unhas modas propias e unhas contradicións propias.

2.Achegándonos á dinámica de consagración de autores en galego que supón a celebración do Día das letras, que autor ou obra reclamarías ti como esquecida hoxe na literatura galega?
Normalmente a quen se lle dedica o Día das Letras salvo casos como o Curros, Rosalía ou Castelao, son escritores pouco coñecidos polo grande público, xa que a literatura galega é pouco coñecida. Aquí lese moito máis en castelán que en galego e non tes nada máis que visitar unha libraría e ver o que hai nos escaparates hoxe. De feito nos anos cincuenta o libro galego tiña máis presenza que hoxe, cando moitos dos libreiros parecen inimigos nosos, pero nós contrarrestamos coa escola, coas nosas revistas, coa nosa propaganda: nós combatemos porque aquí non está normalizada a literatura galega porque tampouco está normalizada a nación ao ser nós un país dependente, colonizado e ocupado. Isto acúsase no noso sistema literario. O meu candidato permanente en base aos criterios dos que falabades, aínda que os meus colegas da Academia non me fan caso, chámase Antonio Fernández Morales, un autor berciano que escribiu antes que Rosalía e despois de Pintos un poderosísimo volume de versos con poemas en galego, versos en dialecto berciano. Se se lle dá o Día das letras galegas sería, primeiro, lanzar a un poeta de Cacabelos e polo tanto da Galicia exterior, co cal se reivindicaba o noso idioma que alí está minorizado e realmente perseguido polos poderes públicos. En segundo lugar sería dar a coñecer un grande poeta que tal vez é pouco coñecido polo feito de non vivir moito en Galicia, na Galicia administrativa. Porque o Día das letras galegas fai vivir durante un ano un autor e fai discutir sobre el.

3. Pensando dende unha posición de lector exento de vontade orientadora, por que camiños che gustaría que avanzase a creación que xa existe hoxe e o día de mañá debe cargar ao seu lombo a nosa literatura?
Non se pode dirixir nada en literatura. Cando no século XVIII en España e XVII en Francia trataron de facer unha literatura preceptiva, unha literatura que se axustaba a normas e preceptos preexistentes, o que fixeron foi matar a literatura: non houbo boas obras literarias. O romantismo de finais do XVIII e principios do XIX fixo que cada un escribira como quixese volveu proliferar a literatura. Non se poden prescribir direccións, aínda que a min pódeme gustar máis unha cousa que outra ou podo ver que hai cousas máis necesarias que outras. A min preocúpame moito que non haxa un teatro galego, unha vida teatral galega, porque hai moitas obras de teatro galegas espléndidas durmindo nos caixóns ou durmindo nas bibliotecas, xa publicadas. Considero un escándalo que a ópera galega, ademais cunha música excelente, que é O Mariscal, con letra de Villar Ponte e de Cabanillas non se estreara nunca e en cambio agora se vai estrenar, dentro duns días a Ópera dos tres reás de Bertold Bretch, que me parece estupendo porque eu tamén son de Bertold Bretch, pero quixera que o teatro galego botase menos man de traducións e fixese vivo o teatro galego que existe. Despois, como decía Mao Tse Tung, que cen flores se abran e que cen escolas poéticas compitan. A literatura galega ten que seguir sendo como é: unha literatura nacional na que haxa tendencias contrapostas e inimigas, porque senón sería unha literatura morta. Que sexa como queira porque independentemente da nosa vontade cada época ten as súas influencias externas e os seus condicionamentos sociais, que son os que determinan que literatura haxa ou deixe de haber.

4. De que xeito pensas que se deben aproveitar as ferramentas que as novas tecnoloxías nos ofrecen para facilitar a difusión da creación en xeral e, particularmente, dos textos escritos?
Paréceme que estamos dentro delas, elas están neste mundo e, felizmente, son milleiros de persoas que se comunican mediante estas novas formas literarias que nos ofrecen os blogs ou as páxinas web. Aí está perfectamente viva a lingua galega pero hai que pensar que en Galicia segue a haber moitos analfabetos relativos, persoas que non saben ler o periódico ou que o len mal, persoas que descifran malamente o manual de instrucións dun aparato. Tamén hai moitos que non están interesados na literatura e hai lectores de literatura española que non leron literatura galega e aínda a desprezan. Ti fíxate cada vez que lle preguntan a unha persoa importante o que está a ler. Aínda que ás veces fala de escritores galegos, normalmente din que están a ler cousas de fóra e, normalmente, en castelán. Se iso ocorre cos libros normais ocorre máis coas novas tecnoloxías, pero felizmente aquí a literatura está nas mans das persoas novas, o cal a min me enche de felicidade. Entón eu vexo que hai que estar aí.
E que pasa co libro dixital? Vai desprazar o libro normal? Eu que sei. O libro xa foi de outras formas, a literatura xa se escribiu en táboas de arxila, en rolos de pergameu, en cera… O libro tal e como o vemos nós non é moi antigo e pode mudar cara outro lado, o caso é que queden os seus contidos. Eu persoalmente penso que o libro normal vai tardar moito en desaparecer e non me parece que os aparatos electrónicos vaian desprazalo. Se iso acontece eu non estarei aquí, pero mentras aquí teñamos a posibilidade de recoller as cousas en libro electrónico é bo xa por un problema de espazo: a min non me collen os libros na casa, e aí nun chisme pequeniño cóllenme todos os libros da biblioteca nacional de el país, se os meto, claro. Daquela hai que aproveitalo. Hai que aproveitarse de todo, pero sen caer no papanatismo. Como Curros cando pensaba que coa chegada do ferrocarril se acababan as supersticións e caia a relixión e viña o progreso, pero non é certo: o ferrocarril aínda trouxo máis putadas das que había. Hoxe xa se sabe que a computadora é como unha máquina de escribir e non vai facerse mellor literatura, porque penso que dificilmente vai estar condicionada polo aparello. Podes dicirme que se fan verdadeiras marabillas mandando mensaxes cos teléfonos móbiles ao resultar un reto para a túa imaxinación, que se comprime. De algunha maneira é posible que a escrita electrónica condicione a forma facéndoa máis áxil, pero de momento non creou ningún xénero novo, nin sequera o microrrelato que xa existía antes.

Comentario a “O libro pode mudar cara a outro lado, o caso é que queden os contidos”

  1. Pingback: Vidal Bolaño ou o laboratorio de cultura que fai país | Letra en Obras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


1 + 5 =