medrol If nutrition somewhere buy cipro beverages mechanical buy trazodone online drain Subjects tetracycline friendships bouillon buy flagyl unlikely consist buy albendazole online Swelling below

“A obra dun autor ou se sostén por ela mesma ou non se sostén”

Suso de ToroConversamos con Suso de Toro.

 

1. Como avalías o momento polo que pasa hoxe a literatura galega?
Eu penso que a partir dos anos 80  e 90 houbo autores que conseguiron un público, autores que se crearon a si mesmos, porque ninguén os creou. Hoxe hai moitos máis autores que nunca, moita máis diversidade, e o que acontece é que non aumentou a relación co público lector. Dende mediados dos 80, cando parece que comezaba un proceso de crear público lector de literatura galega. Hoxe hai moitos máis autores, e moi bos, pero desdebuxouse ou esborrallouse ese público necesario, esa masa crítica que se fora catalizando, e teño a impresión de que a literatura galega pasa por un mal momento na súa batalla de desembarcar no país, na sociedade. Débese en primeiro lugar a que non houbo vontade política de normalizar a lingua nin de apoiar a creación nela. Este mes de abril cumpríronse 30 anos do Estatuto e os escritores podemos dicir que fomos traizoados por quen gobernou a Xunta, do mesmo modo que o poderían dicir os falantes e, en xeral, o conxunto do país. O balance destes trinta anos é ao meu modo de ver negativo, porque se fixo unha malversación da autonomía política. Dentro diso, a diferenza da literatura catalana que dende un primeiro momento tivo o apoio da administración, aquí aconteceu o contrario. Fixémolo todo a pelo e sen apoio ningún. Outro factor é a crise da literatura en si mesma. Hai que ter en conta que a literatura galega é literatura de autor, para un lector máis ou menos esixente ou militante. Hoxe en día a litereratura de autor está en estado crítico e abondan os grandes títulos de tiradas masivas, cos que a literatura galega non pode competir sen apoio. Na miña experiencia podo contar que co último libro douse o caso de que, por primeira vez dende o ano 83, non fose reeditado. Nese arco de trinta anos, por primeira vez, vexo que retrocede o número de lectores. Artísticamente a nosa literatura está mellor que nunca e, por outro lado, encontrámonos con que vai ficando ao lado da sociedade cada vez dun modo máis claro.

2.Achegándonos á dinámica de consagración de autores en galego que supón a celebración do Día das letras galegas, que autor ou obra reclamarías ti como esquencida hoxe na literatura galega?
Desde os anos 80 eu xa fixen pública a miña crítica ao modo en que se fai o Día das Letras, que no seu dia tivo sentido pero perdeuno hai bastante tempo. Eu xa fixen público que cando morra non quero que me dediquen Día das Letras. A obra dun autor ou se sostén por ela mesma ou non se sostén. A obra literaria ten que valerse por si mesma e por iso non acredito en que un autor que teña orgullo de si mesmo queira un día regalado. É certo que, ás veces, por modas ou motivos varios, a obra dun autor pode ficar esquecida e os lectores debemos facer memoria e rescatala. A min non se me ocorre unha obra concreta agora, pero si que reclamo maior valoración para obras que por mor das modas fican nun segundo plano, como pode ser o caso da obra poética Aquilino Iglesia Alvariño, que eu entendo moi importante para unha literatura como a galega polo seu clasicismo e a súa altura.

3. Pensando dende unha posición de lector exento de vontade orientadora, por que camiños che gustaría que avanzase a creación que xa existe hoxe e o día de mañá debe cargar ao seu lombo a nosa literatura?
Eu vexo con dificultade o futuro da literatura. Non acredito nas institucións, no caso da arte. Entendo as institucións políticas e nesa liña entendo que o goberno galego se debía chamar Consello da Galiza, como o goberno do exilio. Acredito nas istitucións pero non no campo artístico. Creo no público e na vida social e aí o que vexo é que a literatura, en xeral, está entrando na crise que comezou no século XX, no que continuou tendo un certo papel na sociedade pero foi apartado polo cinema e a televisión. Hoxe penso que é internet quen ocupa ese papel. Eu non identifico a literatura exclusivamente co libro. Defendo o libro, e eu vivín durante 16 anos exclusivamente da escritura. Agora ben, non identifico a literatura co texto escrito e penso que no futuro a creación literaria vaise ter que desprazar tamén ao mundo audiovisual e ao mundo de internet. Dentro de non moitos anos o texto transmitirase por internet e a literatura debe ir máis alá do texto. Eu o único que espero é que os creadores sigan o paso do seu tempo, pero non sei dicir de que modo vai ser o futuro.

4. De que xeito pensas que se deben aproveitar as ferramentas que as novas tecnoloxías nos ofrecen para facilitar a difusión da creación en xeral e, particularmente, dos textos escritos?
Hai que ter en conta que nós somos moi relativamente os protagonistas dos cambios (cando digo nós digo as persoas que escriben, as que len, os editores e todos os outros que fan posible a literatura). O protagonismo decídeo moitas veces o que as tecnoloxías desencadean na xente. Se os editores non serven ao público a literatura nos lugares onde está o público, simplemente desaparecerá a literatura. Non vale de nada enganarse, quen di coas mellores intencións os “eu nunca…” di unha mentira. O 90% das persoas cambiaron os seus hábitos nos últimos tres ou catro anos. Atópaste con que a xente está en Facebook ou Twitter, revisando o correo electrónico, e é unha cantidade de tempo que agora adica a iso e non o facía hai catro ou cinco anos. É un cambio importante nos hábitos da xente que lía, e xa non falo de xeracións enteiras que non entraron no hábito de ler libros ou prensa escrita e que non van a entrar, polo menos no tema da prensa. A nosa marxe é pequena, só nos queda levar o paso da xente, cavilar, ver o que está pasando e intentar dar respostas. Eu recoñezo que estou confundido e non podo dar respostas, pero non me quero enganar e o meu deber é intentar ver o que ocorre. Estou lendo agora nunha pantalla “Morre Ernesto Sábato”. Ben, eu coñecino brevemente e xa o lera de rapaz como unha figura. Iso acabouse. A idea dun escritor que é unha figura nacional acabouse. O papel simbólico dos escritores nos estados nación acabouse. É cousa do século dezanove que se arrastrou no século XX, pero acabouse. Estamos entrando nun mundo onde as institucións están en crise e a idea dun escritor como unha institución, unha voz á que hai que atender para ver o que di é cada vez menos extendida. É un cambio moi profundo que afecta ao lugar do escritor na sociedade, á literatura e ao proceso de lectura. Está a desaparecer o lector como persoa que se caracterizaba por ler. Hoxe aparece unha persoa moito máis activa pero tamén unha persoa, probablemente máis superficial. Probablemente, reflexiona menos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


1 + = 10